DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 7 de maio de 2024 Páx. 27965

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2024 que modifica a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

O presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense comunicou o día 28 de febreiro de 2024 a proposta de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

1. Mediante a Resolución do 11 de marzo de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23 de marzo de 2022, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

2. O presidente do devandito comité comunica a proposta de modificación da súa composición, consistente, dunha banda, na renuncia por petición propia de Míriam Vázquez Campo e de Ana Batalla Cebey, e doutra, no nomeamento de Ana Belén Rodríguez Feijóo e de Laura Salgado Boquete.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o número 1 do artigo 9, «unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, coa referida proposta a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense axústase ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

2. O número 5 do artigo 9 do decreto establece que «os membros destes comités serán designados e nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, e garantirase en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros».

3. O número 6 do artigo 9 dispón: «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do Comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se modificaren as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o Comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do Comité, e logo de audiencia do/da interesado/a».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 12.4.2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Míriam Vázquez Campo e de Ana Batalla Cebey como membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

Así mesmo, o nomeamento de Ana Belén Rodríguez Feijóo e de Laura Salgado Boquete como novos membros do citado comité.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade