DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28168

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2024 pola que se establecen a adscrición provisional e a atribución de competencias nos órganos desta consellería.

En virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establécese a nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, na cal se crea a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

Segundo a disposición adicional novena do citado decreto, as competencias en materia de enerxía serán asumidas de forma efectiva pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no momento en que se aprobe a súa estrutura orgánica.

Sen prexuízo do anterior, na recentemente creada Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático residen as competencias en materia de cambio climático que antes lle correspondían á extinta Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Esta circunstancia obriga a adoptar medidas inmediatas que aseguren o correcto funcionamento dos servizos e dos asuntos encomendados nas áreas competenciais, que se deberán asumir mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura orgánica.

Polo exposto, de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, e ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Adscrición provisional e atribución de competencias na Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, as competencias en materia de cambio climático, e adscribiránselle provisionalmente os órganos e unidades dependentes da anterior Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático que a continuación se relacionan e que subsistirán coa mesma estrutura e funcións establecidas no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

a) A Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, así como os seus órganos e unidades dependentes.

a.1) O Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

Disposición derradeira única. Efectos do acto

Esta resolución producirá efectos na data da súa sinatura.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático