Unha vez examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da Parroquia de Toén, e os de Agrela, pertencente á CMVMC da parroquia de Alongos, e A Fenteira, pertencente á CMVMC da Parroquia de Puga, no concello de Toén, resultan os seguintes:
Feitos:
Primeiro. O 12.6.2023 a CMVMC da Parroquia de Toén presentou un escrito (Rexel 2023/1733481) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da Parroquia de Alongos e mais coa Parroquia de Puga.
Coa solicitude achegouse a seguinte documentación:
– Acta de de deslindamento.
– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.
– Planos do deslindamento.
– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Toén.
Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 3 de xullo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, pertencente á CMVMC da Parroquia de Toén, e mais o MVMC Agrela, pertencente á CMVMC da Parroquia de Alongos, dedsde o vértice 1 (o situado máis ao L) ata o vértice 12 (o situado máis ao O), punto este último onde conflúe tamén o MVMC A Fenteira, pertencente á CMVMC da Parroquia de Puga.
Terceiro. O 14 de decembro de 2023 o Servizo de Montes emitiu un novo informe en que fai constar que a proposta de revisión, concorrente e con informe favorable, do esbozo do MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, comporta un incremento sensible da lonxitude do perímetro estremeiro entre este e mais o MVMC A Agrela.
Deste xeito, e con relación á liña proposta polas comunidades conciliantes, a ausencia de veciñanza formal entre elas reduciríase ao tramo comprendido entre os puntos con pares de coordenadas X: 585.097 - Y: 4.685.312 e X: 584.902 - Y:4.685.094, situados entre os vértices 6 (marco do Barazal) e 9 (inicio da Batoca do Souto Vello).
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación nos tramos comprendidos entre os puntos con pares de coordenadas X: 585.814 - Y: 4.685.595 (vértice 1, A Muradella) e X: 585.097 - Y: 4.685.312, e entre os puntos X: 584.902 - Y: 4.685.094 (vértice 9, inicio da Batoca do Souto Vello) e X: 584.824 - Y: 4.685.405 (vértice 12, Marco da Caseta Benigno).
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará a resolución correspondente, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro de Almorzo, pertencente á CMVMC da parroquia de Toén, e os MVMC Agrela, pertencente á CMVMC da parroquia de Alongos, e A Fenteira, pertencente á CMVMC da parroquia de Puga, no concello de Toén.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 29 de maio de 2024
Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense
