O Pleno da Corporación municipal, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 3 de maio de 2024, adoptou os acordos que a seguir se transcriben:
«Primeiro. Ter por cumprido o requirimento do Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial de Pontevedra do 27 de novembro de 2023 e, coa finalidade continuar o procedemento, prestar aprobación inicial á documentación da modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo presentada polo equipo redactor o día 21 de marzo de 2024.
Segundo. Someter o convenio de planeamento asinado e o documento aprobado inicialmente a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia.
Terceiro. Suspender o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto do planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, identificados no anexo III “Síntese” incluído na carpeta 01.MX do documento aprobado inicialmente.
A duración máxima da suspensión será de dous anos contados desde a primeira aprobación inicial, isto é, desde o 31 de xullo de 2023 e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do novo plan.
Cuarto. Solicitar ás administracións públicas competentes os informes sectoriais preceptivos».
De conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, exponse o expediente a información pública polo prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de máis ampla difusión da provincia, co obxecto de que se poidan formular as alegacións que se consideren procedentes.
O documento inicialmente aprobado pode consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Sanxenxo (https://concellodesanxenxo.sedelectronica.gal) e nas dependencias municipais do Servizo de Urbanismo do Concello de Sanxenxo, cita previa no teléfono 986 72 00 75.
Sanxenxo, 23 de maio de 2024
Telmo Martín González
Alcalde presidente
