DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38268

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 11 de xuño de 2024 pola que se clasifica de interese laboral a Fundación Padriño.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Padriño con domicilio na avenida Barrié de la Maza, nº 13, A Coruña.

Feitos:

1. O 31 de xaneiro de 2024, María Jesús Trasancos Martínez, vogal do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Padriño constituírona Dionisio Beltrán Parapar, José Antonio Fernández Martínez, Javier González López, Luciano Rodríguez Gorgoso e María Jesús Trasancos Martínez, mediante escritura pública outorgada o 27 de decembro de 2023, ante o notario de Oleiros (A Coruña) Rafael Benzo Sáinz, co número de protocolo 3.594.

Tras requirimento do 4 de marzo de 2024, a Fundación achega unha escritura de emenda da anterior, outorgada o 14 de marzo de 2024, no mesmo lugar e ante o mesmo notario, co número de protocolo 754.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: a integración social e laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social mediante a promoción de actividades empresariais que permitan a inserción socio-laboral das ditas persoas.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por María Carmen López Ruiz, como presidenta; Andrés Antonio Sexto Presas, como secretario; e Javier González López, Carmen Touza Touriño, Dionisio Beltrán Parapar, José Antonio Fernández Martínez, Luciano Rodríguez Gorgoso e María Jesús Trasancos Martínez como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Padriño, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de xuño de 2024.

DISPOÑO:

Clasificar de interese laboral a Fundación Padriño, e adscribila ao protectorado da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes