DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 3 de xullo de 2024 Páx. 40513

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 26 de xuño de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e das nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2024/25, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

BDNS (Identif.): 771833.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Igualdade, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co disposto no Decreto 54/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Igualdade.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e as nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade.

2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e ás nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025 (código de procedemento BS420C).

2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

3. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde, os nenos e as nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Para os efectos desta orde considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de xuño de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e das nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2024/25, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 45.716.782 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Ano 2024

Ano 2025

Total

38.02.312B.470.2

2020.00052

12.347.406 €

21.607.961 €

33.955.367 €

38.02.312B.481.3

2020.00052

4.276.878 €

7.484.537 €

11.761.415 €

Total

16.624.284 €

29.092.498 €

45.716.782 €

2. O artigo 7.un.s) da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, establece que terán excepcionalmente a consideración de ampliables os créditos incluídos na aplicación 38.02.312B.470.2 que financien a gratuidade na educación infantil de 0 a 3 anos e os créditos incluídos na aplicación orzamentaria 38.02.312B.481.3 destinados a financiar a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0 a 3 anos.

3. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Tipos de axuda e contía

1. A convocatoria comprende unha liña de axudas destinada a compensar a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa na contía do prezo mensual que lle corresponda aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 338 euros/mes por praza a xornada completa, excluído o mes de vacacións do neno ou nena.

2. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2024/25, as cales poderán incrementarse, respecto das do curso anterior, ata un 3 % sen superar o tope de 338 euros por atención educativa no cal está incluída a parte proporcional da matrícula. Esta contía en ningún caso pode superar o incremento previsto no regulamento de réxime interior da escola infantil para a atención educativa. O cálculo deste importe obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo número de prazas ocupadas na escola infantil na data do 1 de xuño de 2024 e polas tarifas correspondentes.

No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades transcorrido o prazo ordinario de presentación de solicitudes, o cálculo da axuda obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo número de prazas autorizadas no permiso de inicio de actividades ou polo número de nenos/as matriculados na escola infantil no momento da presentación da solicitude e polas tarifas correspondentes.

3. Para os efectos do previsto nos números anteriores durante todo o período subvencionable, a entidade entregaralles ás familias os xustificantes mensuais de pagamento en que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lle correspondería aboar coa lenda «prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia».

Nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo da atención educativa, será a cargo das entidades beneficiarias a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

4. As entidades beneficiarias destas axudas poderán cobrarlles ás familias ata 100 € en concepto de reserva de praza. Unha vez realizada a inscrición e constatada a asistencia á escola infantil, o pagamento efectuado será compensado pola entidade beneficiaria, ao longo do curso escolar, con outros servizos e conceptos distintos da atención educativa que preste no centro.

5. En ningún caso as entidades beneficiarias titulares ou xestoras de escolas infantís poderán cobrarlles ás familias por conceptos diferentes aos xa establecidos na tarifa de prezos dos cursos anteriores, agás que se ofrezan novos servizos de contratación voluntaria. Tampouco poderán cobrar polo desenvolvemento do proxecto educativo nin pedagoxías alternativas.

6. A falta de asistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 5 días sen xustificar dará lugar á baixa do/da alumno/a no programa da gratuidade.

7. No caso de traslados de centro unha vez comezado o mes, a axuda correspondente ao dito mes aboaráselle ao centro da entidade beneficiaria titular ou xestora en que se cause a baixa.

8. As entidades beneficiarias titulares ou xestoras das escolas ofertarán o servizo de atención educativa durante un mínimo de 8 horas.

9. As axudas polas altas que se produzan na escola infantil despois do día 1 do mes serán aboadas na parte proporcional que corresponda desde o día de alta.

10. As baixas, que non respondan a un traslado de centro, que se produzan na escola infantil despois do día 1 do mes serán aboadas na parte proporcional que corresponda ata o día da baixa.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, con data límite de 30 de novembro de 2024, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará en todo caso o 30 de novembro de 2024.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade