De conformidade co establecido no artigo 7 da Resolución 25 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de febreiro de 2024, polo que se aproba o acordo acadado o 17 de xaneiro, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO., para a implantación do réxime extraordinario de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional para o persoal ao servizo da Administración de xustiza (DOG núm. 67, do 5 de abril), unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes para os graos extraordinarios I e II, esta dirección xeral
ACORDA:
Primeiro. Aprobar a relación de solicitudes estimadas e desestimadas relativas ao recoñecemento extraordinario do grao I e grao II da traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.
Por causa do carácter persoal dos datos vinculados a estas, o acceso por parte da persoa interesada á información relativa á estimación ou desestimación da súa solicitude realizarase a través da Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza de Galicia (OPAX).
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos contaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza