O tribunal nomeado pola Resolución do 21 de decembro de 2023 (DOG número 1, do 2 de xaneiro de 2024) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, nas sesións que tiveron lugar os días 12 e 26 de xuño de 2024, ao abeiro do previsto na base 2.1.2.8 da convocatoria e logo de revisar as reclamacións presentadas contra as cualificacións publicadas pola Resolución do 25 de abril de 2024 (DOG número 93, do 14 de maio) pola que se deu publicidade de diversos acordos nesta materia,
ACORDOU:
Primeiro. Na quenda de promoción interna, estimar as alegacións presentadas polo aspirante Francisco Javier Martínez Gomila, que pasa a ter 40 respostas correctas.
Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións recibidas tanto na quenda de promoción interna como de acceso libre.
Terceiro. Como consecuencia do sinalado no punto primeiro desta resolución, declárase modificado o criterio publicado no punto segundo da Resolución do 25 de abril de 2024, referente á quenda de promoción interna, no particular de que se fixa en 40 o número de respostas correctas para acadar a puntuación mínima de 45 puntos, no canto das 39 que sinalaba a dita resolución, polo que acadan a puntuación mínima un total de 2 aspirantes no seu conxunto.
Ao diminuír o número de preguntas (1,00) que supoñen puntuación por riba de 45 puntos do mínimo, resulta modificada tamén a cualificación ponderada que correspondía ao outro aspirante da quenda de promoción interna que acadara a puntuación mínima.
As modificacións das puntuacións que se producen axústanse á aplicación dos criterios de proporcionalidade e ponderación, de acordo co disposto polas bases da convocatoria do proceso selectivo.
Cuarto. Publicar, conforme os criterios establecidos na base 5.1 da convocatoria en caso de empate, as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 16 de marzo de 2024, correspondente ao primeiro exercicio da oposición do proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Quinto. De conformidade co disposto na base 4.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024
Constantino Piñeiro Cajete
Presidente do tribunal
