DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 10 de xullo de 2024 Páx. 41658

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 1 de xullo de 2024 sobre delegación da presidencia da Comisión de Valoración da Medalla Emilia Pardo Bazán.

A través do Decreto 53/2019, do 23 de maio, créase e regulase a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes. O artigo 12 desta norma indica que para a concesión da medalla créase unha Comisión de Valoración cuxa presidencia lle corresponde á persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade. Pola súa parte, o artigo 13.2 do Decreto 53/2019, do 23 de maio, establece que a citada comisión, unha vez rematada a valoración, elevará unha proposta á persoa titular da consellería con competencias en materia de igualdade, a quen lle corresponderá adoptar a decisión de outorgar a medalla ás persoas propostas pola Comisión de Valoración.

O Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, indica que as funcións de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

De acordo co artigo 25 da Lei 16/2020, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 4 do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e os artigos 2 e 32 do Decreto 139/2024, do 20 de maio, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade é un órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Esta situación fai que a titularidade da presidencia da Comisión de Valoración da Medalla Emilia Pardo Bazán e do órgano que decide outorgar a medalla coincidan na mesma persoa, polo que cómpre delegar as funcións da presidencia no órgano de dirección competente en materia de promoción da igualdade.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, e as demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Artigo único. Delegación de competencias na Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Delegar na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade as funcións da presidencia na Comisión de Valoración para a concesión da Medalla Emilia Pardo Bazán, regulada no artigo 12.1.a) do Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e se regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade