DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 12 de xullo de 2024 Páx. 42151

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de xullo de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, polo que se somete a información pública o proxecto de interese autonómico para a ampliación da Casa Grande de Xanceda, no concello de Mesía (A Coruña), promovido por Casa Grande de Xanceda, S.L.

O artigo 55 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro), regula o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada.

Este artigo establece no seu número 5 que a consellería tramitadora do instrumento de ordenación do territorio procederá á súa aprobación inicial e que o someterá a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia correspondente e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado.

Por todo iso, e para os efectos previstos no artigo 55.5 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, sométense a información pública, durante o período dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, todos os documentos integrantes do expediente do proxecto de interese autonómico (PIA) para a ampliación da Casa Grande de Xanceda, no concello de Mesía (A Coruña), para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas.

Poderá accederse a esta información no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, a través da seguinte ligazón:

https://transparencia.xunta.gal/es/procedementos-de-informacion-publica

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural

ANEXO

Memoria resumo

Solicitante: Casa Grande de Xanceda, S.L.

NIF: B15934912.

Domicilio social: Casa Grande de Xanceda, s/n, 15685 Mesía (A Coruña).

Ámbito do proxecto: Concello de Mesía (A Coruña).

Obxecto: ampliación da Casa Grande de Xanceda.

Descrición: o proxecto de interese autonómico (PIA) ten como obxectivo ampliar a industria láctea de Casa Grande de Xanceda, S.L., dispoñer de terreos para instalacións complementarias á actividade gandeira (planta de biogás de tratamento de xurro), así como habilitar outras superficies para novas instalacións destinadas ás súas actividades turísticas, culturais e de formación (novas oficinas e sala multiúsos para actividades turísticas e de formación, así como unha aula Natura). A superficie de actuación prevista é de 41.751 m2.