Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 (DOG do 25 de xuño) fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.
O artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 establece que «a representación dos intereses sociais no Consello Social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades».
Con data do 1 de xullo de 2024, o Consello Social da Universidade de Vigo comunícalle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que o Concello de Ourense, na sesión ordinaria do 21 de marzo de 2024, acordou aprobar a designación de José Ignacio González Pérez como representante do Concello de Ourense no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Armando Ojea Bouzo.
De acordo co establecido no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro.
A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.
O artigo 77.4 da Lei 6/2023, do 13 de xuño, establece que «os acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería».
Por todo iso,
DISPOÑO:
Artigo único
Nomear a José Ignacio González Pérez representante do Concello de Ourense no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Armando Ojea Bouzo.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
