Expediente: IN407A 2022/114-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Modificado M2-ampliación de potencia CT S.J. Pineiro (15AP53).
Concello: Mugardos.
Feitos:
1. O día 26.4.2023 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de atender o crecemento de demanda na zona, e aumentar a potencia do transformador.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Modificado M2-ampliación de potencia CT S.J. Pineiro (15AP53), asinado o día 8.3.2023 con número de visado 22300568 por Victoriano Gonzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número de colexiado 2.980 de Vigo; posteriormente, o 5.6.2024, presentan unha emenda no anexo 1 ao modificado M2 de proxecto para ampliación de potencia CT S.J. Pineiro (15AP53), asinado polo mesmo enxeñeiro o 30.5.2024.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: AESA, Axencia Galega de Infraestruturas-AXI, Augas de Galica, Concello de Mugardos, Patrimonio Cultural e Reganosa Servicios, S.L. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 11.6.2023 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
▪ Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
▪ Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
▪ Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
▪ Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
▪ Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
▪ Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de San Xoán de Piñeiro, no concello de Mugardos, e as súas características técnicas son as seguintes:
• LMTS a 15 kV, de 116 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no novo apoio nº 32-16-4 e remate no CT proxectado.
• Novo centro de transformación (CT) prefabricado de superficie de tipo compacto de manobra exterior 2L+1P telecontrolado de 250 kVA e relación de trasformación 15.000/400 V S.J.
• Desmantelamento do CT intemperie S.J. Pineiro (15AP53, IN407A2016/1827-1) de 160 kVA existente. Retirada do condutor LA-56 entre o novo apoio e o CT intemperie para desmantelar. Retensado do van anterior.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE nº 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 14 de xuño de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
