A Orde do 13 de decembro de 2023 (publicada no DOG número 244, do 27 de decembro) establece as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e convócaas para o exercicio orzamentario de 2024.
No seu artigo 29, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria utilizada así como o importe económico previsto para cada un dos exercicios orzamentarios establecidos. Neste artigo sinálase ademais que os importes indicados se poderán incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A existencia de remanentes doutras convocatorias permite a ampliación dos fondos inicialmente previstos, e ademais é necesaria esta ampliación en vista das solicitudes de axuda presentadas. Trátase, polo tanto, dunha convocatoria de axudas aínda non resolta, e mediante esta orde de modificación dáse cumprimento ao requisito de publicidade do incremento do crédito orzamentario para o seu coñecemento polas posibles persoas beneficiarias das axudas.
En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria
Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 13 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2024, nos seguintes importes:
Concepto orzamentario |
Código de proxecto |
Anualidade 2024 (€) |
Anualidade 2025 (€) |
45.04.713D.770.0 |
201400658 |
1.000.000 |
1.034.624 |
Conforme isto, a dotación orzamentaria total para o financiamento desta orde é a seguinte:
Concepto orzamentario |
Código de proxecto |
Anualidade 2024 (€) |
Anualidade 2025 (€) |
45.04.713D.770.0 |
201400658 |
3.000.000 |
3.534.624 |
Disposición adicional única. Non afectación ao prazo de presentación das solicitudes de axuda
Esta modificación orzamentaria non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 13 de decembro de 2023.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural