O Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e se regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes, prevé a concesión, con carácter anual, de ata un máximo de tres condecoracións, baixo a denominación Medalla Emilia Pardo Bazán, para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes, coa finalidade de recoñecer publicamente as accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia por parte de persoas, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, que contribuísen e destacasen na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.
O artigo 14 do dito Decreto 53/2019, do 23 de maio, prevé que a concesión da medalla se efectuará por orde da persoa titular da consellería con competencias en materia de igualdade, a quen lle corresponderá adoptar a decisión de outorgar a medalla ás persoas propostas pola Comisión de Valoración.
Tendo en conta a proposta efectuada pola Comisión de Valoración o día 11 de xullo de 2024 e o previsto no artigo antes indicado, mediante esta orde concédeselles a Medalla Emilia Pardo Bazán ás persoas e entidades que se indican a seguir.
Polo exposto,
RESOLVO:
Conceder a Medalla Emilia Pardo Bazán:
– Aos institutos de investigación sanitaria de Galicia.
– Á Asociación Acadar.
– A Rosa Celia Otero Raña.
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade