Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A.
Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 9, 27003 Lugo.
Denominación: ampliación da subestación Barreiros 132/20 kV cunha nova posición de liña de 132 kV.
Situación: concello de Barreiros.
Características técnicas principais:
Ampliación da S.E. Barreiros 132 kV, consistente en:
Nova posición de liña de 132 kV formada por:
• Tres (3) transformadores de tensión de liña.
• Tres (3) pararraios de óxido de cinc.
• Tres (3) terminais cable-aire.
• Un equipamento híbrido formado por:
Un (1) seccionador de liña trifásico con coitelas de PAT motorizado.
Tres (3) transformadores de intensidade para medida.
Tres (3) transformadores de intensidade para contaxe, medida e protección.
Un (1) interruptor trifásico.
Dous (2) seccionador de barras trifásicos motorizados.
Nove (9) terminais aire-SF6.
Finalidade da instalación: evacuación de enerxía producida por un parque eólico.
Orzamento: 572.178,63 euros.
Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Barreiros.
Esta dirección territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 8 de xullo de 2024
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo