Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC San Xusto, Pedrosa e Devesa, pertencente á CMVMC de Trado, no concello de Pontedeva, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 5.4.2021, a CMVMC de Trado presentou unha solicitude (Rexel núm. 2021/743372) de revisión de esbozo do MVMC San Xusto, Pedrosa e Devesa, no concello de Pontedeva.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 27.3.2021.
– Memoria.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 22 de abril de 2024 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que a proposta de revisión inclúe a totalidade dos predios e terreos que foron clasificados.Con posterioridade á solicitude de revisión de Trado, presentouse, tramitouse e aprobouse unha proposta de deslindamento entre esta comunidade e a da parroquia do Condado, esta última xa pertencente a Padrenda. O dito deslindamento modificou a estrema entre ambas as comunidades desviándoa da referencia da liña intermunicipal.
En consecuencia, e dado que a proposta de revisión de Trado non coincide exactamente, na zona estremeira, coa liña avinzada, procede axustar a dita proposta ao límite entre comunidades aprobado con posterioridade.
Consideracións legais e técnicas:
Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 22 de abril de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC San Xusto, Pedrosa e Devesa, pertencente á CMVMC de Trado, no concello de Pontedeva.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 12 de xullo de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
