A Resolución do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2024 (código de procedemento MR302A), establece o marco das axudas para a promoción dos produtos con indicativo de calidade. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do día 11 de xaneiro de 2024.
As axudas convocadas consisten en subvencións para grupos de produtores para a realización de accións de promoción, asistencia a feiras e organización de feiras, así como a realización de estudos de mercado ou xornadas divulgativas. Estas axudas teñen por finalidade incentivar as actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada.
De conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións convocadas mediante concorrencia competitiva deben ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.
Unha vez rematada a fase de instrución das solicitudes recibidas, avaliadas pola Comisión de Valoración prevista no artigo 14 das bases reguladoras, e tendo en conta o orzamento dispoñible, procede resolver a convocatoria.
Por outra parte, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.
Por todo o indicado,
RESOLVO:
Primeiro. Conceder as subvencións convocadas pola Resolución do 22 de decembro de 2023 (publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de xaneiro de 2024), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2024 (código de procedemento MR302A), que se relacionan no anexo I, como consecuencia da aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 7 da convocatoria, polas contías que se reflicten no dito anexo, e con cargo á aplicación 14.A2.713D.781.0, código de proxecto 2016.00194, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2024 e 2025.
A finalidade destas axudas é financiar actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción destinadas a inducir as persoas consumidoras a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos, como son as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas ou os alimentos de produción ecolóxica.
Segundo. Denegar as solicitudes de subvención que se relacionan no anexo II.
Terceiro. Informar as entidades beneficiarias que figuran no anexo I desta resolución do seguinte:
a) As condicións de aplicación a estas axudas son, con carácter xeral, as establecidas na Resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria do 22 de decembro de 2023 e, supletoriamente, as establecidas na normativa autonómica, estatal e comunitaria aplicable.
b) As cantidades son concedidas en virtude dun programa cofinanciado no 75 % polo Feader incluído dentro da medida 3, Réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020; esta medida é especialmente relevante para os intereses da área focal 3A, Mellora da competitividade dos produtos primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de sistemas de calidade, valor engadido aos produtos agrícolas, a promoción en mercados locais e circuítos de distribución curtos, as agrupacións de produtores e as organizacións interprofesionais, e contribúe ao cumprimento dos obxectivos transversais de innovación e ambiente.
c) Para proceder ao pagamento da subvención o beneficiario deberá cumprir as condicións establecidas na Resolución do 22 de decembro de 2023 e, sen superar a data límite de xustificación que se establece nesta resolución, presentar a seguinte documentación:
– Xustificantes dos investimentos ou gastos realizados e relación numerada deles, xunto coa documentación que acredite o seu pagamento.
– Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin (conforme o modelo de declaración do anexo II da Resolución do 22 de decembro de 2023).
– Xustificante da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario da subvención.
– Certificado da situación censual, onde conste expresamente a situación tributaria do beneficiario da axuda en relación co IVE e se figura de alta en obrigacións periódicas para os efectos do IVE (certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria).
– Documentación específica que se sinala no artigo 15 da Resolución do 22 de decembro de 2023.
d) Infórmase, ademais, de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas de acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega, e do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
e) Só se admitirán modificacións na execución dos investimentos subvencionables nas condicións sinaladas no artigo 16 da Resolución do 22 de decembro de 2023.
f) En todas as actividades informativas e publicitarias subvencionadas cumprirase o estipulado no anexo III do Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014 (DOUE núm. 227, do 31 de xullo).
g) A data límite para a xustificación da subvención concedida será o día 11 de outubro de 2024 para a anualidade 2024 e o 30 de maio de 2025 para a anualidade 2025.
h) Os beneficiarios recibirán unha notificación co informe técnico en que se detallará o desagregamento das accións promocionais subvencionadas.
Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a presidencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación.
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024
Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria