No BOP de Ourense do día 8 de xullo de 2024 publicáronse íntegras as bases para cubrir as prazas da oferta ordinaria de emprego público do ano 2023.
As prazas que se convocan son as seguintes:
I. Oferta ordinaria de emprego público do ano 2023.
A) Funcionarios/as de carreira:
Inclúense as seguintes prazas funcionariais de acceso libre:
• Unha (1) praza de letrado/a da Deputación Provincial; subgrupo A1, escala de Administración especial, subescala técnica. Clase técnico/a superior. Título universitario de licenciado/a ou grao en Dereito. Copia do diploma ou certificado Celga 4. Oposición libre.
• Unha (1) praza de técnico/a de Administración xeral; subgrupo A1, escala de Administración xeral, subescala técnica. Título universitario de licenciado/a, graduado/a ou mestrado nunha titulación de calquera especialidade ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do Marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do Marco europeo de cualificacións). Copia do diploma ou certificado Celga 4. Oposición libre.
• Unha (1) praza de arquitecto/a técnico/a; subgrupo A2, escala de Administración especial, subescala técnica. Clase técnico/a medio/a. Título universitario de graduado/a en Arquitectura Técnica ou calquera outro título oficial universitario con nivel, como mínimo, 2 do Marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 6 do Marco europeo de cualificacións) na área de coñecemento de Arquitectura. Copia do diploma ou certificado Celga 4. Oposición libre.
• Unha (1) praza de enxeñeiro/a técnico/a de obras públicas, subgrupo A2. Escala de Administración especial, subescala técnica. Clase técnico/a medio/a. Título universitario de grao en Enxeñería de Obras Públicas ou calquera outro título oficial universitario con nivel, como mínimo, 2 do Marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 6 do Marco europeo de cualificacións) na área de coñecemento de Enxeñería Civil. Copia do diploma ou certificado Celga 4. Oposición libre.
• Unha (1) praza de oficial/a de obras e servizos subgrupo C1, escala de Administración especial, subescala técnica. Clase de técnico/a auxiliar. Título de bacharel técnico ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 3. Oposición libre.
• Unha (1) praza de oficial/a técnico/a de seguridade e saúde; subgrupo C1. Escala de Administración especial, subescala de servizos especiais. Clase de funcións especiais. Título de bacharel, técnico/a ou equivalente. Requisito específico: titulación habilitante para desenvolver as funcións de nivel medio en prevención de riscos laborais. Copia do diploma ou certificado Celga 3. Oposición libre.
• Dúas (2) prazas de auxiliares da Administración xeral, subgrupo C2. Escala de Administración xeral. Subescala auxiliar. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Oposición libre.
• Dúas (2) prazas de subalternos/as da Administración xeral. Agrupacións profesionais (AP), escala de Administración xeral, subescala subalterna. Non é necesaria titulación ningunha do sistema educativo. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Oposición libre.
Resérvanse para persoas con diversidade funcional as seguintes prazas das incluídas no punto anterior:
• Unha (1) praza de auxiliar de Administración xeral, subgrupo C2. Escala de Administración xeral, subescala auxiliar. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Oposición libre.
• Unha (1) praza de subalterno/a da Administración xeral, agrupacións profesionais (AP). Escala de Administración xeral, subescala subalterna. Non é necesaria titulación ningunha do sistema educativo (praza reservada para persoas con discapacidade psíquica). Copia do diploma ou certificado Celga 2. Oposición libre.
No caso de que estas prazas non sexan cubertas por unha persoa con discapacidade, acumularanse ás da convocatoria ordinaria e poderán ser cubertas por persoas sen discapacidade que superen os procesos selectivos correspondentes.
Inclúense as seguintes prazas funcionariais de promoción interna vertical:
• Unha (1) praza de técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información. Subgrupo A2. Escala de Administración especial. Subescala de servizos especiais. Clase funcións especiais. Título universitario de grao en Enxeñería Informática, en Sistemas e Servizos de Telecomunicacións, en Redes de Telecomunicación, Electrónica de Telecomunicacións ou en Sistemas de Telecomunicación ou calquera outro título oficial universitario con nivel como mínimo 2 do Marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 6 do Marco europeo de cualificacións) nesta rama do coñecemento. Copia do diploma ou certificado Celga 4. Concurso-oposición.
• Tres (3) prazas de administrativos/as da Administración xeral. Subgrupo C1. Escala de Administración xeral. Subescala administrativa. Título de bacharel, técnico/a ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 3. Concurso-oposición.
• Unha (1) praza de técnico/a auxiliar en informática. Subgrupo C1. Escala de Administración especial. Subescala de servizos especiais. Clase de funcións especiais. Título de bacharel, técnico ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 3. Concurso-oposición.
B) Cadro de persoal laboral:
Inclúense as seguintes prazas de persoal laboral fixo:
Prazas de acceso libre:
• Cinco (5) prazas de condutores/as de maquinaria de obras públicas e vehículos especiais, subgrupo C2. Educación secundaria obrigatoria ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Permiso de conducir C+E e mais certificado de aptitude profesional CAP. Concurso-oposición libre.
• Unha (1) praza de oficial/a de taller-mecánico, subgrupo C2. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria, técnico/a ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Concurso-oposición libre.
• Dúas (2) prazas de operarios/as limpadores/as, agrupacións profesionais (AP). Sen requisito de titulación. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Concurso-oposición libre.
• Unha (1) praza de peón/peoa agrícola, agrupacións profesionais (AP). Sen requisito de titulación. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Concurso-oposición libre.
• Unha (1) praza de operario/a construtor/a de instrumentos, agrupacións profesionais (AP). Sen requisito de titulación. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Concurso-oposición libre.
• Oito (8) prazas de legoeiros/as, agrupacións profesionais (AP). Sen requisito de titulación. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Concurso-oposición libre.
Prazas de promoción interna vertical:
• Unha (1) praza de condutor/a de maquinaria de obras públicas e vehículos especiais. Subgrupo C2. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente. Permiso de conducir C+E e mais certificado de aptitude profesional CAP. Copia do diploma ou certificado Celga 2. Concurso-oposición libre.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días naturais, seguintes ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE, agás para as prazas de promoción interna de persoal laboral fixo, para as que o dito prazo computará a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG. As solicitudes poderanse presentar no Rexistro Xeral da Deputación ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As modalidades de presentación son as seguintes:
a) De forma presencial, mediante a presentación en papel da solicitude e da documentación anexa na Oficina de Asistencia ao Cidadán en materia de Rexistro da Deputación Provincial ou en calquera dos lugares determinados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) De forma telemática, a través do Rexistro Electrónico Xeral da sede electrónica da Deputación Provincial, no enderezo https://sede.depourense.es
No mesmo prazo, xustificarase o aboamento dos dereitos de exame, polos seguintes importes, e achegarase coa solicitude o xustificante correspondente: para as prazas do grupo A1: 19 euros; para as prazas do grupo A2: 17 euros; para as prazas do grupo C1: 15 euros; para as prazas do grupo C2: 13 euros; para as prazas de agrupacións profesionais sen requisito de titulación: 10 euros.
Os sucesivos anuncios relativos a esta convocatoria publicaranse exclusivamente na sede electrónica, na páxina web www.depourense.es e no BOP de Ourense cando proceda, de conformidade coas bases das probas selectivas.
Publícase isto de acordo co que dispón o artigo 233.3 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.
Ourense, 8 de xullo de 2024
Luis Menor Pérez
Presidente da Deputación Provincial de Ourense
