O día 27 de marzo de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2024 e 2025, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos ambientais nos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.
No seu artigo 1 disponse que esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural dos parques naturais de Galicia ou nas súas áreas de influencia socioeconómica.
A finalidade desta orde é a de contribuír a deter e inverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes, contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural - subintervención 68710_01 RN 2000, incluída no PEPAC 2023-2027.
Ao abeiro desta convocatoria de axudas presentouse unha gran variedade de proxectos e actuacións, de complicada análise e valoración, o que implica un grande esforzo administrativo e técnico para as direccións territoriais. Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para a emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, nas actuacións que supoñían un investimento, foi necesaria a realización de inspeccións previas en campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado.
Todo o anterior xerou unha demora na resolución da convocatoria, e diminuíu o tempo efectivo de que dispoñían as persoas e entidades beneficiarias para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención. A orde inicial establecía, no seu artigo 21.1.a), o 16 de setembro de 2024 como data límite para que as persoas e entidades beneficiarias executasen e presentasen a xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2024.
En virtude das dificultades expostas, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do artigo 21 da Orde do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2024 e 2025, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos ambientais nos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, nos seguintes termos:
1. Modifícase o artigo 21.1.a), que queda redactado como segue:
«a) Anualidade 2024:
1º. No caso de non solicitar anticipo, a persoa beneficiaria deberá solicitar o pagamento da anualidade correspondente ao ano 2024 (anexo V), unha vez executada e xustificada a actividade correspondente.
2º. Para a anualidade de 2024 só se admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados entre a data de emisión da acta de non inicio recollida no artigo 7 ou, de ser o caso, da presentación da declaración responsable recollida nese mesmo artigo, e o 4 de novembro de 2024.
3º. No caso das persoas beneficiadas que solicitasen o anticipo, todas as actuacións deberán estar executadas e pagadas con data límite do 4 de novembro de 2024, aínda que poderán presentar a documentación xustificativa do importe anticipado na data establecida para a anualidade 2025, xunto coa xustificación final».
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático