DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2024 Páx. 46983

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 30 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

BDNS (Identif.): 780264.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do PDR 2014-2020 e descritos no anexo XV, con excepción daqueles solicitantes que, aínda tendo o seu domicilio en áreas definidas como ZDP, soliciten investimentos non fixos para realizar traballos no ámbito territorial do PDR 2014-2020.

Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Os solicitantes da axuda, para acadar a condición de persoas beneficiarias, deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das circunstancias seguintes:

1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento dun mínimo do 70 % do importe deste ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta polo importe do investimento.

3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda–).

b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto da axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais en vigor na data de publicación da convocatoria.

c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

3. Non poderán acadar a condición de persoas beneficiarias:

a) Aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais (código de procedemento IN500A) e efectuar a súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia competitiva.

2. Poderán ser subvencionables exclusivamente os seguintes investimentos elixibles:

Liña 1: xestión forestal activa.

a) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta destinados á realización de cortas intermedias (desmestas e rareos), así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade do solicitante. Enténdese por este tipo de maquinaria aquela que reúna as condicións seguintes:

1) Largura máxima de 2,75 metros e alcance mínimo do guindastre de 8 metros.

2) Para maquinaria de rodas:

a) Peso máximo de 18,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm para máquinas de ata 6 rodas.

b) Peso máximo de 20,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm para máquinas de ata 8 rodas.

3) Para maquinaria de cadeas: peso máximo de 21 toneladas, raio de xiro mínimo ou raio de xiro cero, e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm.

4) No caso de cabezais de corta, deberán dispor de control de xiro, un tamaño máximo de corte de 500 mm e un peso máximo de 1.100 kg.

b) Autocargadores e tractocargadores completos, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade do solicitante. Os autocargadores e tractocargadores para a realización de carga e transporte dos produtos obtidos nestas operacións deberán dispor dunha capacidade máxima de carga de 12 toneladas e unha largura máxima de equipamento de 2,7 metros.

No caso de tractocargadores, deberán ter as cabinas homologadas para aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2, segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción.

Liña 2: madeira e biomasa.

a) Equipamentos de medición de masas forestais en número non superior á maquinaria de saca de madeira ou de biomasa. Enténdese como equipamentos de medición aqueles instrumentos de medición independentes, así como un conxunto deles sempre que realicen diferentes tipos de medición.

b) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de cortiza ou biomasa.

c) Autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 kW de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade do solicitante. Os tractocargadores deberán ter as cabinas homologadas para aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2, segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións e normas exixiránselles tamén aos tractores orientados á recollida ou aproveitamento comercial de biomasa.

d) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da persoa solicitante.

e) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte, esteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa. Non terán a consideración de maquinaria específica nin procesadora de biomasa os tractores con rozadoras ou trituradoras forestais.

Liña 3: castaña e resina.

a) Maquinaria específica, equipamentos, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte.

b) Acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación.

c) Bens de equipamento e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina, e sempre que se cumpra o definido na letra d) do artigo 4.1.

Liña 4: valor engadido na primeira transformación da madeira.

a) Equipos portátiles para a clasificación estrutural da madeira por métodos non destrutivos, sempre que dispoñan de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación da marcación CE para madeira estrutural.

b) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática da madeira estrutural mediante aspectos visuais ou indirectos. No caso de métodos indirectos, deberá disporse de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá posuír, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación da marcación CE para madeira estrutural.

c) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade tanto da materia prima (troncos) como de produtos serrados intermedios ou finais, mediante a aplicación de escáneres de imaxe, dimensionais, raios X e outros tipos. O emprego desta instalación deberá xustificar a obtención dunha clasificación da madeira cun maior valor engadido.

d) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada, e que lle permitan abrir novas liñas de negocio á empresa, sempre que se cumpra o definido no artigo 4.1.

e) Acondicionamento, maquinaria e instalacións de primeira transformación para o procesamento da biomasa forestal e a transformación da madeira.

Liña 5: plans e ferramentas de xestión empresarial.

a) Implantación e, de ser o caso, certificación da cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativas de calidade ou garantía, marcación CE e plans de mellora de xestión empresarial.

b) Implantación e certificación, se procede, na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade forestal para o control de custos, calidade e mantemento.

3. Para os efectos destas bases, consideraranse exclusivamente como implementos ou adaptacións aqueles elementos sen capacidade automotriz e que sexan instalados de forma permanente en equipamentos propiedade do solicitante. O resto de elementos sen capacidade automotriz instalados de forma desmontable sobre os equipamentos propiedade do solicitante terán a consideración de apeiros.

4. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga; neste caso subvencionarase unicamente o importe correspondente á opción de compra, a cal se deberá realizar no prazo de execución do investimento.

5. De acordo co recollido no artigo 2, só serán subvencionables os investimentos que se realicen dentro do ámbito territorial do PDR 2014-2020 (anexo XV); por iso no anexo IV deberá recollerse a localización (parroquia e concello) de cada un dos investimentos que se soliciten, tendo en consideración o seguinte:

a) No caso de maquinaria fixa, instalacións e obra civil: localización en que vaian ser executados os investimentos.

b) Maquinaria móbil, equipamentos de medición ou equipamentos portátiles: localización do domicilio social da empresa ou das instalacións da empresa onde se gardarán os bens.

c) Plans e ferramentas de xestión empresarial: localización do domicilio social da empresa.

No caso de que o solicitante teña a súa sede social fóra do ámbito territorial do PDR 2014-2020 (anexo XV) mais o investimento obxecto da solicitude fose un equipamento, maquinaria ou apeiro de carácter non fixo, de xeito tal que o uso do dito investimento se vaia producir exclusivamente no ámbito territorial do PDR 2014-2020, a solicitude entenderase elixible.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Esta convocatoria rexerase polo disposto no capítulo I da Resolución do 30 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Cuarto. Contía

1. Na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 está consignado crédito por importe de 2.670.613,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.A4.741A.770.0, código de proxecto 2018 00009, para atender as axudas da presente resolución. O financiamento desta convocatoria complementarase con 2.329.387,00 € con cargo á dita aplicación e proxecto no ano 2025.

2. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles.

A axuda máxima limitarase por solicitante aos 200.000 euros para as liñas 1 e 4 sinaladas no artigo 3; 50.000 euros para a liña 5, e 150.000 euros para as liñas 2 e 3.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal