Expediente: IN407A 2024/83-1.
Promotora: Sucesores de Manuel Leira, S.L.
Denominación da instalación: centro de transformación Lagos.
Concello: Cabanas.
Feitos:
1. O 7 de marzo de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, coa fin de atender ao crecemento vexetativo da demanda no polígono de Vilar do Colo.
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:
Proxecto de execución nomeado: centro de transformación Lagos, asinado con data do 5 de marzo de 2024, por Francisco Javier Bouza Cabarcos, enxeñeiro industrial, con número colexial 867 de Galicia e con número de visado 20240603 do 7.3.2024.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, non se solicitou o preceptivo informe a ningunha administración, organismo ou, de ser o caso, empresa de servizo público ou de servizo de interese xeral afectadas xa que a empresa promotora non achegou separatas declarando que a actuación non contempla afeccións a bens e dereitos a cargo.
4. Con data do 31.7.2024 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente se atopan no polígono industrial de Vilar do Colo, no concello de Cabanas.
Novo centro de transformación CT Lagos, de 400 kVA, relación de transformación 15/0,4 kV, baixo envolvente prefabricada de formigon, con celas SF6 configuración 2L+1P (unha das celas de liña quedará en reserva) e un cadro BTVC con protección de fusible de propósito xeral.
Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 1 de agosto de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
