Por Orde do 4 de xullo de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 135, do 12 de xullo de 2024, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes na entidade pública empresarial Augas de Galicia, que se detallan no anexo desta orde.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia e no artigo 27 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería,
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a dita convocatoria, coa adxudicación de destino ao persoal funcionario cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, seleccionados conforme o establecido nas bases da convocatoria, efectuada pola Orde desta consellería do 4 de xullo de 2024.
Segundo.- O cesamento no destino actual dos funcionarios que obtiveron praza producirase no prazo de tres días hábiles, contados a partir do seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
O prazo para a toma de posesión do novo destino será de tres días hábiles, a partir do seguinte ao do cesamento se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes, de conformidade co establecido no artigo 8.1 do Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, aprobado polo Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
O cómputo de prazos iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, fosen concedidas aos interesados. Nos supostos de baixa por incapacidade temporal, iniciarase a partir da correspondente alta.
Terceiro. A xefatura do centro no que cause baixa o funcionario/a, así como a daquel no que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión.
Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2024
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente
e Cambio Climático
ANEXO
Apelidos e nome: Hernández Fernández de Rojas, Agustín.
DNI: ***0217**.
Subgrupo: A1.
Corpo/escala: corpo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Código do posto: IV.E10.00.006.15770.001.
Denominación do posto: subdirector/a xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas.
Dependencia: entidade pública empresarial Augas de Galicia.
Localidade: Santiago de Compostela.
Nivel: 30.
Apelidos e nome: Maestro Saavedra, Ignacio.
DNI: ***1964**.
Subgrupo: A1.
Corpo/escala: técnicos facultativos superiores de organismos autónomos.
Código do posto: IV.E10.00.005.15770.001.
Denominación do posto: subdirector/a xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos.
Dependencia: entidade pública empresarial Augas de Galicia.
Localidade: Santiago de Compostela.
Nivel: 30.
