O día 12 de agosto de 2024, a Consellería do Mar publicou a Orde do 6 de agosto pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia, cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 (código de procedemento PE113F).
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras xerais e convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal da actividade marisqueira no marco da aplicación de medidas de conservación dos recursos en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia.
O período de referencia subvencionable da paralización temporal da actividade de marisqueo a pé establecido por esta orde abrangue do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2024, ambos incluídos, cun máximo de seis meses subvencionables. Neste período de referencia e tendo en conta as particularidades desta actividade extractiva articuladas a través dos correspondentes plans de xestión, puidéronse dar múltiples situacións nas cales, nun momento determinado ao longo deste período, as devanditas persoas mariscadoras puideron necesitar acollerse a distintas figuras de protección ou a outras prestacións económicas que poden non ser compatibles coa percepción destas axudas.
Non obstante, pola singularidade da actividade do marisqueo a pé, ocorre que o período de aplicación destas figuras ou prestacións pode non ser coincidente coa totalidade do período de referencia subvencionable. Nestes casos queda un intervalo de tempo englobado no período de referencia da paralización temporal da devandita orde que, ao non estar cuberto por ningunha figura de protección nin prestación económica, considérase como período subvencionable, sen prexuízo do cumprimento dos demais requisitos establecidos.
Así, de cara a evidenciar a subvencionalidade destes intervalos e darlle seguridade xurídica á cobertura a través desta orde de axudas, procede realizar a correspondente modificación que aclare este aspecto.
Por todo iso, informada a Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 6 de agosto pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria para ano 2024 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia, cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 (código de procedemento PE113F)
A Orde do 6 de agosto pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria para ano 2024 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia, cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 (código de procedemento PE113F) queda modificada como segue:
Primeiro. O artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 6. Incompatibilidades
1. A percepción das axudas compensatorias previstas nesta orde é incompatible co traballo por conta propia ou por conta allea da persoa beneficiaria durante o período da parada subvencionable, así como coa obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, autonómicos, nacionais, da Unión Europea ou dos organismo internacionais.
2. Tamén existirá incompatibilidade destas axudas coa percepción de axudas para o mesmo período de tempo, como persoa armadora ou tripulante, pola paralización temporal da actividade pesqueira ao abeiro do establecido no artigo 21 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.
3. No caso de recoñecemento do dereito á protección por desemprego, cesamento de actividade de persoas traballadoras autónomas ou no caso de prestacións por incapacidade temporal, por maternidade, paternidade, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación, de cara ao cálculo da contía da axuda procederase ao desconto dos días en que se percibiu a prestación que sexan coincidentes con período de parada subvencionable.
4. No caso do recoñecemento dun dereito por protección por desemprego ou por cesamento de actividade anterior ao inicio da parada, no caso de persoas traballadoras autónomas, tal circunstancia será notificada pola persoa interesada, e esta deberá optar, no prazo de dez días desde a recepción da notificación de concesión da axuda, entre a percepción desta ou a de protección por desemprego ou cesamento de actividade para o período da parada afectado.
5. Se no referido prazo de dez días non manifesta por escrito a súa elección entre ambas, entenderase que para o período da parada afectado opta pola prestación por desemprego ou cesamento de actividade e procederase ao desconto deste período do dereito a percibir a axuda.
6. A solicitude de axudas por paralización temporal será incompatible coa percepción de axudas por paralización definitiva».
Segundo. Esta modificación terá efectos para a totalidade de solicitudes presentadas desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes (13 de agosto de 2024).
Terceiro. Esta modificación supón a ampliación do prazo de presentación das solicitudes en quince (15) días hábiles contados desde a finalización (12 de setembro de 2024) do prazo establecido na Orde do 6 de agosto.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar
