DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 6 de setembro de 2024 Páx. 49624

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de agosto de 2024 pola que se fixa o prezo privado para a venda ao público dunha publicación editada pola Axencia de Turismo de Galicia.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados.

Así mesmo, o artigo 51 da referida lei establece que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente poidan aplicarse subvencións reguladoras. Para estes efectos, a consellería correspondente remitirá á de Economía e Facenda o proxecto normativo xunto coa memoria económica en que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia de Turismo de Galicia e logo do informe favorable da Consellería de Facenda e Administración Pública, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DISPÓN:

Artigo único

1. Queda aprobado o prezo privado de venda ao público da publicación editada pola Axencia de Turismo de Galicia que se relaciona no anexo.

2. Este prezo entenderase con IVE incluído.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Ad limina XV: revista de investigación do Camiño de Santiago e as peregrinacións. 30 €.