Antecedentes:
Con data do 21 de febreiro de 2024 publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 37 o anuncio do 7 de febreiro de 2024 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de restitución da estrada LU-651, entre os puntos quilométricos 17+650 e 18+470, de clave LU/22/071.02.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.
En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,
RESOLVO:
Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de setembro de 2024 polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de restitución da estrada LU-651, entre os pp.qq. 17+650 e 18+470, que se recolle como anexo a esta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que lle pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024
Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de setembro de 2024
polo que se aproba o trámite de información pública e o informe
das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado
de restitución da estrada LU-651, entre os puntos quilométricos 17+650 e 18+470
Primeiro. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e o informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de restitución da estrada LU-651, entre os pp.qq. 17+650 e 18+470, de clave LU/22/071.02.1, coas seguintes modificacións respecto do trazado sometido á información pública:
• No proxecto construtivo definirase unha nova xeometría e ocupación do recheo de material sobrante do desprendemento e estabilización da ladeira, de feito que o recheo se sitúa fóra do impacto sobre os restos mineiros inventariados, sen afección sobre eles; e servirá de zona de aparcadoiro para unha posible visita aos restos, tendo en conta a posibilidade de que estes sexan rehabilitados nun futuro.
Segundo. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de restitución da estrada LU-651, entre os pp.qq. 17+650 e 18+470, de clave LU/22/071.02.1.
Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Folgoso do Courel, no cal se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.
