Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Peticionaria: Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A.
Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 9, 27003 Lugo.
Denominación: novo CS Seoane e LSAT 20 kV San Martiño de interconexión.
Situación: concello de Foz.
Características técnicas principais:
• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV en triplo circuíto, con orixe no PAS instalado no apoio existente A30503 da LAT San Martiño e final no novo CS prefabricado Seoane, cunha lonxitude de 70 metros cada circuíto, en condutor HEPRZ1-240 mm.
• Centro de seccionamento Seonane prefabricado, no cal se instalan tres celas de liña telemandadas e unha de alimentación a servizos auxiliares.
Finalidade da instalación: mellora das instalacións.
Orzamento: 83.716,83 euros.
Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Foz.
• Separata para a Deputación Provincial de Lugo.
Esta dirección territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 19 de agosto de 2024
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
