DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Luns, 23 de setembro de 2024 Páx. 51701

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Coruña (expediente IN407A 2023/568-1).

Expediente: IN407A 2023/568-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: instalación de telecontrol en centro de transformación praza de Vigo I-15CAU5.

Concello: A Coruña.

Feitos:

1. O día 19 de decembro de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de dotar de aparellaxe telecontrolada o centro de transformación de caseta denominado Praza de Vigo I, con código matrícula 15CAU5, con substitución da aparellaxe convencional actual por unhas novas celas compactas 2L+2P con telecontrol en cela de saída.

Achegaron o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000 e que abrangue os seguintes documentos:

Proxecto de execución denominado: instalación de telecontrol no centro de transformación praza de Vigo I-15CAU5, asinado o 16 de novembro de 2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número colexial 2.980 de Vigo.

Anexo ao proxecto denominado Contestación ao requirimento do proxecto para instalación de telecontrol no centro de transformación praza de Vigo I-15CAU5, asinado o 3 de maio de 2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico e número colexial 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, non se solicitou o preceptivo informe a ningunha Administración, organismo ou, de ser o caso, empresa de servizo público ou de servizo de interese xeral afectadas, xa que a empresa promotora non achegou separatas declarando que a actuación non prevé afeccións a bens e dereitos a cargo.

4. O 7.8.2024 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están na praza de Vigo, no concello da Coruña.

Desmantelamento das actuais celas do CT Praza de Vigo (matrícula 15CAU5) por novas celas compactas 2L+2P con telecontrol en cela de saída.

Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/a director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 9 de agosto de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña