Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 86, do 5 de maio).
Pola Resolución deste mesmo centro directivo, do 10 de xuño de 2024 (DOG núm. 116, do 17 de xuño) publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024.
Na categoría de facultativo/a especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, publícase a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no devandito ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente mediante a Resolución do 20 de agosto de 2024 (DOG núm. 165, do 28 de agosto).
Así mesmo, pola Resolución do 10 de xuño de 2024 (DOG núm. 118, do 19 de xuño), convócase concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos, a través da Resolución do 20 de agosto de 2024, publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e aproba a oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 na devandita categoría.
O punto 8) da resolución de bases establece que as persoas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión.
A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaran, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as para participar neste concurso e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e destinos provisionalmente asignados.
Pola Resolución de este mesmo centro directivo, do 10 de xuño de 2024 aprobouse a oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024, excepto na categoría de facultativo/a especialista en atención primaria, que se aprobou pola Resolución do 20 de agosto de 2024.
De conformidade co previsto nas bases 3.5.1), 8.3) e 8.4) da Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, despois de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a listaxe provisional de admitidos/excluídos, así como a baremación dos méritos alegados e acreditados polos/as concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.
Segundo. Declarar resolto provisionalmente o antedito concurso, coa publicación das puntuacións e destinos provisionalmente asignados.
As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados, están publicadas á disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao desta publicación.
Cuarto. De conformidade coa base oitava da Resolución do 20 de novembro de 2017, e por razóns de urxencia, de acordo co punto primeiro da Resolución do 25 de abril de 2023, desta Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifican as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 86, do 5 de maio), os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou en calquera dos rexistros ou lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse a esta Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
