DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 4 de outubro de 2024 Páx. 53442

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 2 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (código de procedemento PE209P).

BDNS (Identif.): 788459.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores e federacións destas, as organizacións de produtores pesqueiros, as entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro, e as entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas confrarías de pescadores e federacións destas.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (código de procedemento PE209P).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (código de procedemento PE209P).

Cuarto. Contía

No ano 2024 as axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias 46.03.723A.770.1 e 46.03.723A.781.0, código de proxecto 2023 00180, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O importe máximo das subvencións que se concedan en 2024 será de catro millóns setecentos vinte e catro mil euros (4.724.000,00 €) distribuído en dúas anualidades:

– Anualidade 2024: 2.337.000,00 €.

– Anualidade 2025: 2.387.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes. No caso de que o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 21.2 desta orde.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar