DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 10 de outubro de 2024 Páx. 54010

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2024 pola que se amplía e se redistribúe o crédito orzamentario establecido na Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 4 e 5 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector residencial, as administracións públicas e o terceiro sector, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422J e IN422K).

Os programas de axudas correspondentes aos programas de incentivos 4 e 5 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector residencial, nas administracións públicas e no terceiro sector (en diante programas 4 e 5) están regulados polo Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, e foron convocados en Galicia pola Resolución do Inega do 28 de outubro de 2021 (DOG núm. 215, do 9 de novembro).

A Resolución do Inega, do 28 de outubro de 2021, pola que se convocan os programas 4 e 5 en Galicia, foi modificada pola Resolución do 9 de febreiro de 2022, coa finalidade de adaptarse ás exixencias e requisitos exixidos na Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 234, do 30 de setembro).

O Real decreto 477/2021 foi modificado polo Real decreto 377/2022, do 17 de maio, coa finalidade, entre outras, de ampliar a tipoloxía de beneficiarios das axudas dos programas de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento, con fontes de enerxía renovable, así como á implantación de sistemas térmicos renovables no sector residencial.

En canto á posibilidade de ampliar o orzamento previsto no Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, o anexo V do citado real decreto distribúe o orzamento entre as diferentes comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla, e este pode ser ampliado para as comunidades autónomas que así o soliciten e conten cun grao de execución adecuado e solicitudes en lista de espera, como é o caso de Galicia.

De acordo con isto, a Xunta de Galicia solicitou unha ampliación do orzamento asignado aos programas previstos no Real decreto 477/2021, do 29 de xuño. Conforme o recollido no punto primeiro da Resolución do 10 de xuño de 2022, da presidenta da E.P.E. Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), M.P., pola que se amplía o orzamento do Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, apróbase a ampliación de 39.163.367,00 euros para asignar á Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta a demanda existente, así como o ritmo de execución, a Xunta de Galicia solicitou dúas novas ampliacións de orzamento. Conforme o recollido no punto primeiro das resolucións do 30 de outubro de 2023 e 21 de decembro de 2023, da presidenta da E.P.E. Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) M.P., polas que se amplía o orzamento do Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, apróbase a ampliación de 23.851.844,00 euros para asignar á Comunidade Autónoma de Galicia, dos cales 11.905.086,50 euros se destinan a esta convocatoria de axudas.

O artigo 4.2 da convocatoria prevé a posibilidade, dentro de cada programa, de redistribuír os orzamentos entre as tipoloxías de beneficiarios, transcorridos tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes, para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes. Ademais, o artigo 4.3 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria. Conforme o establecido no artigo 4.3, de producirse a ampliación do crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar e redistribuír por anualidades os fondos destinados aos programas de incentivos 4 e 5 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector residencial, nas administracións públicas e no terceiro sector, modificando os números 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 28 de outubro de 2021, que quedarán redactados do seguinte xeito:

«1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa financiarase con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 38.911.768,50 euros.

Importe anualidades 2021, 2022 e 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Importe 2025 (€)

Importe 2026 (€)

Importe total (€)

3.735.268,29

26.396.500,21

7.380.000,00

1.400.000,00

38.911.768,50

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.713.0, 09.A3.733A.760.8, 09.A3.733A.770.7, 09.A3.733A.780.5 e 09.A3.733A.781.7.

2. O crédito máximo, segundo a tipoloxía de programa e compoñente, será o seguinte:

Programa de actuación

Compoñente

Programa de incentivos 4: autoconsumo

Compoñente 7

27.806.736,80

Compoñente 8

5.874.998,00

Compoñente 31

3.800.000,00

Programa de incentivos 5: almacenamento

Compoñente 8

1.430.033,70

Total

38.911.768,50

Estrutura por tipo de beneficiario dentro do programa 4:

Tipoloxía de beneficiario

Compoñente

Orzamento total

despois da ampliación

Orzamento total

Programa de incentivos 4:

Persoas físicas e comunidades, segundo o establecido nos artigos 11.7a) e e) do RD 477/2021

Compoñente 7

20.107.103,30

37.481.734,80

Compoñente 8

5.607.781,77

Compoñente 31

2.923.153,80

Autónomos e terceiro sector, segundo o establecido nos artigos 11.7.c), d) e f)

Compoñente 7

1.028.470,03

Compoñente 8

167.216,24

Compoñente 31

364.575,59

Administración pública, segundo o establecido no artigo 17.b)

Compoñente 7

6.671.163,47

Compoñente 8

100.000,00

Compoñente 31

512.270,60

Esta repartición orzamentaria non se poderá modificar entre programas nin entre as categorías de autoconsumo renovable ou almacenamento, sen prexuízo das ampliacións do orzamento que se poidan acordar para cada programa ou categoría, segundo o disposto no artigo 10.10 das bases reguladoras.

Non obstante, dentro de cada programa poderán ser redistribuídos os orzamentos por tecnoloxía renovable (recollidos nas táboas anteriores) pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes, para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia