De conformidade co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral o do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 20.1.g) dos seus estatutos, o Consello de Administración de Xenética Fontao, S.A., do 12 de xuño de 2024,
ACORDA:
Primeiro. Convocar un proceso selectivo para cubrir temporalmente un posto de traballo do cadro de persoal da empresa mediante o procedemento de concurso, publicidade, apertura, baremación e posterior chamamento de persoas candidatas para a cobertura temporal deste posto por orde de puntuación.
Segundo. Apertura dun prazo para a inscrición de persoas candidatas
Cubrirase un (1) posto de titulado superior: biólogo/veterinario.
Terceiro. Documentación que presentarán as persoas interesadas
O proceso de cualificación das persoas candidatas axustarase ao establecido nas bases específicas que para cada categoría profesional se publiquen no perfil de contratante na páxina web de Xenética Fontao, S.A.: http://www.xeneticafontao.com/perfil.php
As persoas candidatas deberán achegar a documentación que para cada categoría profesional se recolle na epígrafe «Documentación para presentar» das correspondentes bases específicas.
Cuarto. Lugar e prazo de presentación
As solicitudes dirixiranse ao director xerente de Xenética Fontao e a súa presentación poderase facer nos seguintes lugares:
– Nas oficinas de rexistro de Xenética Fontao, sitas no lugar de Fontao, Esperante, 27210 Lugo, de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.
– Nas oficinas do organismo estatal Correos mediante correo certificado con xustificante de recepción (neste caso, no mesmo día de presentación da solicitude, deberase remitir vía fax, ao número 982 28 46 26, a acreditación da dita presentación, que comprende tanto o xustificante acreditativo do envío que se lle entrega ao cliente por parte do organismo estatal Correos como a copia da solicitude para o proceso de selección).
O prazo de formulación de solicitudes será de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. Proceso e Comisión de Selección
Para a selección das persoas aspirantes o Consello de Administración de Xenética Fontao, S.A. designará unha Comisión de Selección, que estará constituida, en virtude do principio de paridade entre homes e mulleres, nos termos establecidos no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo e da igualdade da muller de Galicia, por un/unha presidente/a, dous/dúas vogais e un/unha secretario/a. Na comisión poderán participar persoas expertas para axudar a cualificar as persoas candidatas nos diferentes coñecementos e habilidades requiridos.
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024
Jesús Vázquez Pérez
Director xerente de Xenética Fontao, S.A.
