BDNS (Identif.): 790100.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 4 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do VI Premio empregados/as públicos/as innovadores/as e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal funcionario e laboral, incluído no artigo 4.a) e 4.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. (https://boe.es/boe/dias/2015/05/23/pdfs/BOE-A-2015-5677.pdf).
A forma de participación poderá realizarse a título individual ou conformando un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.
Segundo. Obxecto
A finalidade do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia xa que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía (código de procedemento IN822D).
Terceiro. Bases reguladoras
As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Cuarto. Contía
A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A2.561A.480.2 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2024, ata un importe máximo de 9.000 euros coa seguinte estimación de detalle:
As persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros se se trata dunha solicitude individual. Se a solicitude é dun equipo, o importe do premio en metálico será de 3.000 euros para o conxunto do equipo.
As persoas gañadoras deben facilitar un certificado de conta bancaria da súa titularidade e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Sexto. Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación
