DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2024 Páx. 55255

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de outubro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de outubro de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Couto Redondo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Feá e Quenlle, no concello de Toén.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Couto Redondo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Feá e Quenlle, no concello de Toén, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC de Feá e Quenlle presentou unha solicitude de revisión de esbozo do MVMC Couto Redondo, no concello de Toén. Esta solicitude non incluía documentación técnica ningunha referente á proposta en si, senón que foi presentada para os únicos efectos de xustificar administrativamente o remate de traballos correspondente ao expediente de axuda número 21320678/2021, dentro das axudas ao impulso á boa gobernanza das comunidades de montes (Orde do 31 de decembro de 2020).

Segundo. Posteriormente, a mesma comunidade presentou o 27.10.2023 unha solicitude complementaria da anterior coa cal achegaban a seguinte documentación:

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Terceiro. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 12 de decembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes lindeiras con particulares, así como tamén boa parte do tramo estremeiro co MVMC Agrela.

A superficie do MVMC Couto Redondo, unha vez revisado o esbozo, sería de 149,23 ha fronte ás 131 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 13,9 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Couto Redondo.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 12 de decembro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 9 de setembro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Couto Redondo, pertencente á CMVMC de Feá e Quenlle, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de outubro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense