Logo da súa aprobación, no Diario Oficial de Galicia número 99, do 23 de maio, publicouse a Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).
No artigo 20 regúlase a xustificación da subvención establecéndose para a anualidade 2024 como data límite o 7 de decembro de 2024 e no artigo 21 referido ao pagamento, concretamente no seu número 1 parágrafo sexto, establece, en canto á prima polo desenvolvemento do proxecto, que deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 7 de decembro de 2024 e 2025 por cada anualidade, respectivamente.
A través do Diario Oficial de Galicia número 157, do 14 de agosto, pola Resolución do 2 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, publícase a Resolución do 1 de agosto de 2024 de concesión das axudas convocadas pola referida Orde do 7 de maio de 2024.
Tendo en conta a data de publicación da resolución de adxudicación das axudas, co fin de facer viables a execución e xustificación por parte das persoas beneficiarias da axuda considérase necesario ampliar o prazo de xustificación na anualidade 2024.
En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).
A Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A), queda modificada como segue:
Un. O artigo 20 queda redactado como segue:
«Artigo 20. Xustificación da subvención
1. Para xustificar os gastos de investimento que comprendan as actuacións realizadas presentarase, con data límite do 16 de decembro de 2024, xunto coa solicitude de pagamento (anexo V), unha memoria económica que recolla a seguinte documentación:
a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos realizados, con indicación da persoa acredora e do documento, importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que existan desviacións respecto ao presuposto achegado indicaranse e xustificaranse, pola persoa beneficiaria promotora da casa do maior, as desviacións producidas.
b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos de investimento realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique este mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria. As facturas dos gastos de investimento presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos formais:
1º) A copia de cada factura deberá ter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario.
2º) Conterán os datos identificativos de quen a expide (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa beneficiaria promotora da casa do maior.
3º) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.
4º) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento.
Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de abono en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria. Para o caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito ou débito, esta deberá estar asociada á conta da persoa beneficiaria.
Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que corresponder a gastos derivados da realización do proxecto subvencionable, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 5.2.
c) Se é o caso, unha relación detallada doutras subvencións que financiaran a mesma actividade con indicación do importe e da procedencia.
2. A xustificación da axuda concedida no 2024 para o funcionamento do proxecto a través da prima de desenvolvemento abranguerá ata o 30 de novembro de 2024 e presentarase con data límite do 16 de decembro de 2024 e, no 2025, abranguerá ata o 30 de novembro de 2025 e presentarase con data límite do 7 de decembro de 2025.
Con cada solicitude de pagamento (anexo V) as persoas beneficiarias promotoras da casa do maior deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou, de ser o caso, titores ou representantes legais dos maiores que acudan á casa do maior (anexo VI).
Así mesmo, para xustificar a axuda destinada a cubrir o servizo de desprazamento deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou das súas titoras ou representantes legais (anexo VII).
Para xustificar o servizo de manutención, deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou das súas titoras ou representantes legais (anexo VIII).
3. Para xustificar a axuda nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa responsable do desenvolvemento da actividade presentaranse os seguintes documentos:
a) Anexo II.
b) Parte de baixa de maternidade ou permiso de paternidade.
4. Adicionalmente na xustificación final referida á axuda ao desenvolvemento do proxecto presentarase a seguinte documentación:
a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada polo persoa responsable do desenvolvemento do proxecto.
b) Acreditación documental, material e/ou gráfica a través de fotografías, copias, capturas de pantalla ou similar, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.
c) Rexistros mensuais de asistencia, servizo de desprazamento e/ou manutención asinados pola persoa responsable do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou titores ou representantes legais, non achegados con anterioridade.
5. No caso de que a xustificación da axuda ao investimento e/ou ao desenvolvemento do proxecto sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días hábiles, e advírteselle que, de non facelo, decaerá o dereito á subvención e procederase, logo da resolución ditada conforme o establecido no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora».
Dous. O número 1 do artigo 21 sobre o pagamento queda redactado como segue:
«1. De xeito específico, as persoas beneficiarias poderán solicitar para gastos de investimento un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión da subvención e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.
O pagamento do importe restante que corresponda ata completar a totalidade dos gastos que teñan a condición de subvencionables realizarase logo da xustificación total do investimento sempre que se teña efectuada a xustificación documental.
En relación co pagamento da achega económica en forma de prima polo desenvolvemento do proxecto na anualidade 2024, as persoas beneficiarias percibirán, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 100 % da cantidade da subvención concedida, minorada proporcionalmente en atención aos meses de funcionamento efectivo da casa do maior, en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo no momento da notificación da concesión da subvención ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
Na anualidade 2025, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, realizarase un pagamento anticipado de ata o 80 % da subvención que corresponda por este concepto.
O importe restante que corresponda para completar o pagamento realizarase logo da xustificación definitiva da subvención.
En todo caso deberá presentarse a solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 16 de decembro de 2024 (anualidade 2024) e do 7 de decembro de 2025 (anualidade 2025)».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e non implica a apertura de prazo para presentar novas solicitudes.
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
