DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 6 de novembro de 2024 Páx. 58884

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2024 de cesamento dun membro do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

O presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol comunicou mediante escrito do 11 de outubro de 2024 a renuncia dunha persoa como membro do referido comité.

Antecedentes:

1. No Decreto 63/2013, do 11 de abril, regúlanse os comités de ética da investigación en Galicia como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal.

2. Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22 de abril de 2022, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no anexo, entre as cales figuraba Juana María Cruz del Río, técnica do CEIm-G e titulada en Traballo Social, quen presenta agora a súa renuncia co motivo da xubilación.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que as persoas membros destes comités «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros».

2. O punto 6 do artigo 9 dispón que «o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a».

3. Respecto da composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, a competencia e a experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol conta con trece membros, e coa proposta de renuncia, a composición axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 22 de outubro de 2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento de Juana María Cruz del Río como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade