Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 convócase o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de mantemento (DOG núm. 245, do 27 de decembro). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro).
A base IV.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 dispón que os méritos enumerados na súa base IV.1 e IV.2 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que foi o 27 de decembro de 2022. Estes méritos deberán acreditarse de conformidade co procedemento que se estableza por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.
No Diario Oficial de Galicia núm. 93, do 14 de maio de 2024, publicouse a Resolución do 2 de maio de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de mantemento. O prazo para a acreditación dos méritos estableceuse en dez días e rematou o 29 de maio de 2024.
A base IV.5 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, rematado o prazo de acreditación de méritos, o tribunal procederá á baremación do concurso coa colaboración técnica que precise do persoal da dirección xeral competente en materia de función pública, así como que despois de finalizada a fase de baremación o tribunal publicará o baremo provisional con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron avaliadas de acordo coas previsións contidas na propia base.
De conformidade co exposto, na sesión que tivo lugar o 29 de outubro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 13 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de mantemento,
RESOLVE:
Primeiro. Facer pública a baremación provisional da fase de concurso, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base IV.3 da convocatoria.
A puntuación provisional obtida polas persoas baremadas figura reflectida no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta
Segundo. De acordo co establecido na base IV.5 da convocatoria, as persoas baremadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais perante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos». Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución en que desexe formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións baremo».
Terceiro. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 2 de maio de 2024 (DOG núm. 93, do 14 de maio), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
Para os efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta, publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
Ismael Vilacoba Vieito
Presidente do tribunal
