DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 13 de novembro de 2024 Páx. 59970

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

DECRETO 186/2024, do 14 de outubro, polo que se aproba o Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (Laxe e Vimianzo, provincia da Coruña).

O artigo 149.1.23 da Constitución española atribúe a competencia exclusiva ao Estado para aprobar a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas para estableceren normas adicionais de protección. Así mesmo, o seu artigo 148.9 dispón que as comunidades autónomas poderán asumir competencias na xestión en materia de protección do ambiente.

De conformidade co disposto na Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, atribúe á nosa comunidade autónoma a competencia para aprobar normas adicionais para a protección do ambiente e da paisaxe.

A actual lexislación estatal en materia de protección do ambiente que establece o marco xurídico básico para a súa conservación, uso sustentable, mellora e restauración é a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. O seu artigo 35 define as paisaxes protexidas como aquelas partes do territorio que as administracións competentes, a través da planificación aplicable, polos seus valores naturais, estéticos e culturais, e de acordo co Convenio da paisaxe do concello de Europa, consideren merecedores dunha protección especial.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece, entre os principios enumerados no seu artigo 2, a conservación e restauración da biodiversidade e da xeodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Esta lei clasifica, no seu artigo 22, as paisaxes protexidas como unha categoría de espazo natural protexido e o seu artigo 27 outórgalles a mesma definición que a lei estatal básica.

Mediante o Decreto 294/2008, do 11 de decembro, declaráronse paisaxe protexida os Penedos de Pasarela e Traba.

Segundo indica o artigo 59 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, as paisaxes protexidas contarán cun instrumento de planificación propio denominado plan de xestión, no cal se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación dos hábitats e das especies.

O artigo 61 da lei establece que a tramitación do plan de xestión lle corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, e a súa aprobación realizarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

O día 11 de agosto de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Acordo do 18 de xullo de 2022 polo que se inicia o procedemento para a elaboración do Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

Posteriormente, o documento de inicio do Plan de xestión someteuse a participación pública mediante o Anuncio do 9 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DOG núm. 224, do 24 de novembro), durante un mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG. Este documento puido ser consultado tanto a través do portal de transparencia da Xunta de Galicia como na propia web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. En total foron recibidas 25 suxestións.

Así mesmo, e de conformidade co artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, o proxecto de norma someteuse durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e información pública.

Igualmente, solicitouse informe a aquelas consellerías con competencias sectoriais, aos concellos situados no ámbito territorial do espazo, a outras administracións afectadas, así como a grupos de interese da zona.

Tamén se enviou ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para a emisión de informe no prazo máximo de vinte días.

Analizáronse todas as suxestións presentadas e incorporáronse ao proxecto de decreto todas aquelas que se consideraron adecuadas en relación coa lexislación estatal básica e autonómica en materia de conservación do patrimonio natural.

Polo exposto, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catorce de outubro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan de xestión

1. Apróbase o Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, cuxo texto se inclúe no anexo I.

2. A consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural deberá garantir o acceso permanente na súa páxina web á información contida no Plan de xestión, incluída a cartografía, e manter actualizada a dita información cando se produzan modificacións ou revisións.

3. O réxime sancionador aplicable será o establecido no título VI, Das infraccións e sancións, da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e, con carácter complementario, no título III, Das infraccións e sancións, da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural para aprobar mediante orde, no ámbito das súas competencias, as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

As ditas ordes respectarán o establecido no título III da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Disposición derradeira segunda. Vixencia

Este plan de xestión terá unha vixencia indefinida, sen prexuízo da posible actualización conforme o estado da ciencia e da técnica, e sen prexuízo da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANEXO I

Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba

Índice

I. Introdución.

II. Delimitación do ámbito de protección.

1. Marco legal.

III. Identificación dos valores que se protexen, o seu estado de conservación e os posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais.

1. Medio físico e abiótico.

1.1. Climatoloxía.

1.2. Xeoloxía.

1.3. Xeoxénese.

1.4. Pendentes.

1.5. Orientación.

1.6. Xeomorfoloxía.

1.7. Hidroloxía.

1.8. Edafoloxía.

2. Medio biótico.

2.1. Vexetación potencial.

2.2. Vexetación actual.

2.3. Fauna.

3. Medio perceptivo: estudo da paisaxe.

3.1. Unidades da paisaxe.

3.2. Análise da visibilidade.

4. Medio socioeconómico.

5. Clasificación e propiedade dos terreos.

6. Patrimonio cultural.

6.1. Bens de interese cultural ou catalogados.

6.2. Patrimonio etnográfico.

6.3. Patrimonio inmaterial.

IV. Análise de usos e aproveitamentos.

1. Usos e aproveitamentos agroforestais.

2. Caza.

3. Explotacións mineiras.

4. Actividades de lecer.

V. Análise de equipamentos.

1. Rede de sendeiros e vías.

2. Miradoiros.

3. Sinalización.

4. Aparcadoiros.

VI. Cálculo da capacidade de carga do espazo.

1. Erosión.

2. Inundación.

VIII. Conectividade ecolóxica.

IX. Identificación de presións e ameazas.

1. Plantacións forestais de rápido crecemento.

2. Incendios forestais.

3. Extracción mineira.

4. Parques eólicos.

5. Especies exóticas.

6. Vertedoiros incontrolados.

7. Acceso de vehículos motorizados.

8. Cambio climático.

9. Destrución do parcelario tradicional.

X. Elementos clave de conservación.

TÍTULO I

TÍTULO II

TÍTULO III

CAPÍTULO I

CAPÍTULO II

CAPÍTULO III

TÍTULO IV

TÍTULO V

I. Introdución.

A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, declarada mediante o Decreto 294/2008, do 11 de decembro, é un territorio constituído por un conxunto de elevacións graníticas situadas no noroeste da Comunidade Autónoma de Galicia, en plena Costa da Morte, entre os concellos de Vimianzo e Laxe, na provincia da Coruña, que actúan como balcóns ao Atlántico.

O sur do espazo localízase nas parroquias vimiancesas de San Xoán de Calo e Santa María de Salto, ao norte dos núcleos rurais de Pasarela e O Penedo, mentres que a súa parte norte se sitúa nas parroquias de Santiago de Traba e San Simón de Nande, no concello de Laxe.

Os límites entre os concellos de Vimianzo e Laxe dividen este macizo en dúas partes de similar extensión. O concello de Laxe conta cunha superficie próxima ás 103 ha, ás cales se lles suman as 109 ha do concello de Vimianzo, o que supón unha superficie total de 212 ha. O límite atravesa as elevacións en dirección oeste-leste, aproximadamente pola Galla da Pena Forcada, na parte central da dorsal elevada, que se prolonga desde a Cachucha ata A Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, e que forma un impresionante fondo visible tanto desde a localidade de Pasarela como, dun xeito especial, desde a área de Traba.

No seu conxunto, o espazo debuxa un espiñazo alongado de preto de 2,5 km de norte a sur e duns 900 m de leste a oeste. O seu punto máis alto localízase a 274 m de altura, na Torre da Moa.

A combinación de formas rochosas significativas que presentan os Penedos de Pasarela e Traba conforma unha paisaxe singular que destaca pola súa beleza, pola rica toponimia e polas lendas que inspiraron a escritores como Eduardo Pondal, Ramón Otero Pedrayo ou Manuel Rivas. De feito, os xeomorfólogos C.R. Twidale e J.R. Vidal Romaní no seu libro Landforms and Geology of Granite Terrains, describen este espazo como unha das mellores paisaxes graníticas do mundo.

II. Delimitación do ámbito de protección.

O ámbito territorial do Plan de xestión cínguese á superficie da paisaxe protexida denominada os Penedos de Pasarela e Traba (aproximadamente 212 ha), que figura no anexo II deste decreto, cuxos límites se especifican no artigo 4 do Decreto 294/2008, do 11 de decembro, identificando as coordenadas UTM nos seguintes termos:

A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba encádrase nas seguintes coordenadas en proxección UTM, fuso 29T VN:

Norte: X= 496.4,54,85. Y=4.780.177,84

Leste: X=497.609,12. Y=4.780.117,84

Sur: X=497.609,12. Y=4.777.502,30

Oeste: X=496.45485. Y=4.777.502,30

Desde o punto de vista da xestión, recoñecidas as relacións existentes entre o interior dos espazos naturais e a súa contorna exterior, non se exclúe a posibilidade de formular propostas máis aló dos seus límites, sempre que sexa necesario para a ordenación e xestión dos usos e actividades, sobre todo do uso público, ou para a mellora da conectividade ecolóxica e paisaxística. En calquera caso, neste ámbito externo aos límites da paisaxe só serán susceptibles de aplicación programas, equipamentos, ofertas de servizos ou actividades de xestión, pero nunca a normativa reguladora.

Consonte o establecido no artigo 50 da Lei 5/2019, do 21 de agosto, o Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba prevalecerá sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial, urbanístico, dos recursos naturais ou físicos, incluso sobre os preexistentes, que deberán adaptarse a eles, e as súas disposicións constituirán un límite para tales instrumentos de ordenación.

As previsións destes plans serán determinantes para calquera outra actuación, plan ou programa sectorial. As actuacións, plans ou programas sectoriais tan só poderán contradicir ou non acoller o contido destes plans por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, que deberán ser acordadas polo Consello da Xunta de Galicia cando corresponda ao ámbito de competencias autonómico e publicarse no Diario Oficial de Galicia.

1. Marco legal.

A regulación dunha paisaxe como protexida ten como antecedente o Convenio europeo da paisaxe de Florencia que data do 20 de outubro do ano 2000. Nel defínese como paisaxe calquera parte do territorio tal e como a percibe a poboación, cuxo carácter sexa o resultado da interacción de factores naturais e/ou humanos, e establece como protección da paisaxe aquelas accións encamiñadas a conservar e manter os seus aspectos significativos ou característicos co fin de guiar e harmonizar as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

A figura de paisaxe protexida definíase no artigo 15 da Lei 9/2001, do 21 agosto, de conservación do patrimonio natural, para aqueles espazos que, polos seus valores singulares, estéticos e culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, sexan merecedores dunha protección especial. Indica, ademais, que o réxime de protección das paisaxes protexidas estará dirixido expresamente á conservación das relacións e procesos, tanto naturais como socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible a súa persistencia. Ao abeiro desta lei, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 294/2008, do 11 de decembro, polo que se declara paisaxe protexida os Penedos de Pasarela e Traba.

A nivel estatal, o artigo 35 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, recolle tamén a figura das paisaxes protexidas. O mesmo sucede coa vixente Lei 5/2019, do 2 de agosto, que substitúe a hoxe en día derrogada Lei 9/2001, do 21 de agosto. En ambas as leis a definición de paisaxe protexida é moi similar á dada na primeira lei autonómica.

Segundo o artigo 59 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, os plans de xestión serán os instrumentos de planificación das paisaxes protexidas, entre outras figuras. Establecerán o réxime de usos e actividades permisibles, e as limitacións que se consideren necesarias para a conservación destes espazos, así como as medidas para a conservación de hábitats e especies.

Cando estes espazos naturais protexidos xa conten cun plan de ordenación dos recursos naturais, consonte o artigo 49.2 da lei, os plans de xestión desenvolverán as súas directrices e os seus criterios. O espazo protexido dos Penedos de Pasarela e Traba, declarado mediante o Decreto 294/2008, do 11 de decembro, non conta actualmente con ningún instrumento de planificación aprobado. O contido mínimo destes plans de xestión establécese no artigo 60 desa mesma lei.

A normativa sectorial que afecta a paisaxe protexida é:

a) Paisaxe.

• Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (DOG núm. 139, do 18 de xullo).

Esta lei ten como obxecto o recoñecemento xurídico e a protección e xestión da paisaxe de Galicia, co fin de preservar todos os elementos que a configuran.

No artigo 8 establece que os instrumentos para asegurar unha idónea protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia son:

– Catálogos da paisaxe de Galicia.

– Directrices da paisaxe.

– Estudos de impacto e integración paisaxística.

– Plans de acción da paisaxe.

Os catálogos da paisaxe son os documentos de referencia que, fundamentándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e de litoral, poderán identificar determinadas zonas como áreas de interese paisaxístico, en atención aos seus valores naturais e culturais. O Catálogo das paisaxes de Galicia aprobouse mediante o Decreto 119/2016, do 28 de xullo (DOG núm. 160, do 25 de agosto), e nel recóllese parcialmente esta paisaxe protexida como área de especial interese paisaxístico (en diante, AEIP), co código AEIP_09_03 Penedos de Traba.

As directrices da paisaxe son determinacións baseadas nos catálogos da paisaxe que permiten acadar uns obxectivos de calidade paisaxística. Estas directrices foron aprobadas mediante o Decreto 238/2020, do 29 de decembro, e nelas, ademais dos obxectivos de calidade paisaxística, establécense medidas e accións para acadar os ditos obxectivos, e normas e recomendacións para os plans urbanísticos e sectoriais. Con esta base, a directriz xeral 13 establece normas relativas á planificación e xestión de espazos naturais; a directriz xeral 26 prevé a protección das vistas desde os miradoiros recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia mediante as oportunas limitacións tanto nas actividades construtivas coma nos usos agroforestais.

Os estudos de impacto e integración paisaxística son análises das afeccións sobre a paisaxe que se incorporan nos procedementos de avaliación de impacto ambiental.

Por último, os plans de acción da paisaxe elabóranse para a protección, xestión e ordenación da paisaxe en territorios declarados como espazos naturais protexidos segundo o disposto na normativa galega vixente en materia de patrimonio natural, así como nas áreas de especial interese paisaxístico identificadas nos catálogos das paisaxes. Estes plans de acción axustaranse ás determinacións contidas nas directrices da paisaxe.

Os Penedos de Pasarela e Traba non contan na actualidade cun plan de acción da paisaxe.

b) Ordenación do territorio.

• Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

A Lei do solo ten como obxecto a protección e ordenación urbanística de Galicia. Esta lei aposta pola protección territorial e, en particular, pola defensa e respecto do solo rústico, xa sexa pola afección ao dominio público ou pola presenza de valores merecentes de especial salvagarda, sempre tendo en conta a dimensión do solo rústico como solo produtivo e útil, que debe ser recollida e potenciada.

Así, no seu artigo 34 esta lei establece que a planificación urbanística clasificará como solo rústico de especial protección os terreos afectados polas lexislacións sectoriais de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais. Na súa alínea f), a lei define o solo rústico de protección de espazos naturais como aquel constituído polos terreos incluídos na Rede galega de espazos protexidos, nas áreas de presenza e áreas críticas definidas nos plans de recuperación ou plans de conservación de especies ameazadas e naquelas outras zonas para as que así se determine expresamente nalgún dos instrumentos de planificación recollidos na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Nos solos rústicos de especial protección precisarase autorización ou informe favorable do órgano que desempeñe a competencia sectorial correspondente con carácter previo á obtención do título de habilitación municipal ou autorización autonómica.

• Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio (DOG núm. 36, do 22 de febreiro).

As directrices de ordenación do territorio (en diante, DOT) recoñecen esta paisaxe protexida como área estratéxica de conservación, é dicir, como enclave de especial valor ecolóxico que debe constituír unha referencia na percepción de Galicia como un ámbito cuxo excepcional valor natural singulariza a oferta territorial da Comunidade; con esta base, as DOT establecen unha serie de determinacións xerais, excluíntes e orientadoras de aplicación.

• Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL), (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

O POL inclúe a zona norte da paisaxe protexida como área continua de protección costeira, área descontinua protexida de interese (espazo de protección de ladeira) e área descontinua da rede de espazos naturais de Galicia. Os usos permitidos, compatibles e incompatibles no ámbito afectado polo POL establécense no seu artigo 59.

• Plans xerais de ordenación municipal (PXOM).

O concello de Laxe conta cun PXOM aprobado no ano 2009, mentres que Vimianzo conta con normas subsidiarias de planificación aprobadas en 1994, polo que non están adaptadas á Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

c) Augas e ciclo hídrico.

• Lei 5/2006, do 30 de xuño, de protección, conservación e mellora dos ríos galegos (DOG núm. 137, do 17 de xullo).

Esta lei busca a conservación do patrimonio fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como do patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado.

O seu artigo 4 indica que se desenvolverán estudos e análises para a categorización e tipificación das masas de auga, nos cales se incluirá a catalogación e cuantificación da biodiversidade fluvial. O programa de medidas resultado dos ditos estudos integrarase:

– Nun plan ou programa para o estudo hidrobiolóxico dos ríos.

– Nun plan ou programa para conseguir a protección integral dunha parte significativa dos ecosistemas fluviais galegos co obxecto de garantir a conservación sustentable da paisaxe e da biodiversidade fluvial.

• Decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas (BOE núm. 176, do 24 de xullo).

A Lei de augas ten por obxecto a regulación do dominio público hidráulico, do uso da agua e do exercicio das competencias atribuídas ao Estado nas materias relacionadas co dito dominio, así como o establecemento das normas básicas de protección das augas continentais, costeiras e de transición.

O seu título III regula a planificación hidrolóxica para conseguir un bo estado e unha adecuada protección do dominio público hidráulico e das augas, a satisfacción da demanda de auga, o equilibro do desenvolvemento rexional e sectorial, o aumento das dispoñibilidades do recurso, protexendo a súa calidade, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos en harmonía co ambiente e demais recursos naturais. O título IV trata da utilización do dominio público hidráulico.

Esta lei conta tamén cun título dedicado á protección do dominio público hidráulico e á calidade das augas, coa finalidade de:

– Prever a deterioración, protexer e mellorar o estado dos ecosistemas acuáticos ou dos dependentes deles.

– Promover un uso sustentable da auga.

– Protexer e mellorar o medio acuático.

– Reducir progresivamente a contaminación das augas subterráneas.

– Paliar os efectos das secas e inundacións.

– Alcanzar os obxectivos internacionais en relación coa prevención e eliminación da contaminación do medio mariño.

– Evitar a acumulación de compoñentes tóxicos ou perigosos no subsolo.

– Garantir augas de mellor calidade para o abastecemento.

O obxectivo xeral de lograr unha adecuada protección das augas desenvólvese, pola súa vez, nunha serie de obxectivos entre os que figuran, en relación coas zonas protexidas, o de cumprir coas exixencias das normas de protección que resulten aplicables na zona e cos obxectivos ambientais particulares que se determinen.

• Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro, polo que se aproba o Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (BOE núm. 35, do 10 de febreiro).

O Plan hidrolóxico Galicia-Costa aprobouse no ano 2023 para o ciclo 2021-2027 e, no seu capítulo VI, establece unha serie de medidas de protección relativas ás condicións morfolóxicas das masas de auga.

d) Actividade agroforestal.

• Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio).

Esta lei ten por obxecto establecer o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos, a prevención e a loita contra o seu abandono, o fomento da súa recuperación e a incorporación de persoas mozas á actividade agraria co fin de garantir a sustentabilidade do sector agroforestal. Entre o seus obxectivos xerais figura o de facilitar a ordenación das terras agroforestais mediante a súa identificación cartográfica e a ordenación dos seus usos, especialmente nas áreas con especiais valores produtivos, así como daquelas outras con especiais valores patrimoniais, ambientais ou paisaxísticos de maneira que se contribúa ao necesario equilibrio entre o aproveitamento das terras e o respecto aos valores patrimoniais, ambientais e paisaxísticos.

Neste senso, o artigo 32.9 da lei, relativo á coordinación desta normativa en espazos naturais, establece que a ordenación de usos e actividades, e as actuacións propostas nos instrumentos de ordenación dos espazos naturais, deberán procurar a súa compatibilidade coa aptitude e orientación agropecuaria ou forestal dos terreos delimitados no Catálogo de solos agropecuarios e forestais, agás que se xustifique a súa incompatibilidade cos valores que se pretende protexer.

De acordo co establecido na lexislación básica estatal, unha vez aprobados os instrumentos de ordenación de espazos naturais, as súas determinacións aplicaranse prevalecendo sobre o establecido no catálogo, sen prexuízo da adaptación, de ser o caso, das disposicións do catálogo aos indicados plans.

• Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo).

Entre os obxectivos que figuran nesta lei atópase a xestión sustentable do monte e a conservación, protección e restauración de ecosistemas forestais e da biodiversidade, así como a integración na política forestal dos obxectivos de acción internacional sobre protección do ambiente, especialmente en materia de desertificación, cambio climático e biodiversidade.

Esta lei establece, como instrumentos de planificación forestal, o Plan forestal de Galicia e os plans de ordenación dos recursos forestais, preferentemente para cada distrito forestal. Actualmente está vixente a primeira revisión do Plan forestal de Galicia, aprobada mediante o Decreto 140/2021, do 30 de setembro, polo que se aproba a primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, Cara á neutralidade carbónica (DOG núm. 205, do 25.10.2021).

Así mesmo, o artigo 77 da lei indica que os montes particulares e os montes veciñais en man común cunha superficie maior a 25 ha deben dotarse dun proxecto de ordenación ou, no caso de que a superficie sexa inferior, dun documento simple de xestión ou a expresa adhesión a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos.

O artigo 84 expón que os aproveitamentos dos recursos forestais e os servizos e actividades non precisan de autorización previa, sempre que estean previstos no instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal. Neste caso será suficiente cunha declaración responsable previa ao inicio.

Así mesmo, o artigo 92 faculta as consellerías competentes para aprobar, mediante orde, os pregos coas condicións sectoriais a que se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos terreos forestais que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección e nos terreos forestais afectados por algunha lexislación de protección do dominio público. En consonancia con isto, a aprobación dos citados pregos permitirá substituír a exixencia de autorización administrativa por unha declaración responsable e eliminará a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

Así, mediante a Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os pregos de condicións aos cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados pola lexislación de protección do dominio público, recóllense os condicionantes que deben cumprir as cortas na Rede galega de espazos protexidos, Rede Natura 2000 e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas onde existen plantacións do xénero Pinus, Eucalyptus e mixtas de ambos os xéneros, permitíndose a substitución da autorización administrativa por unha declaración responsable, agás en:

– ZEPA e naqueles terreos cuxo ámbito territorial coincida coa figura de parque, reserva natural ou monumento natural.

– Áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Hábitats sensibles: complexos dunares litorais e hábitats turbosos.

Esta lei tamén establece as seguintes consideracións relacionadas coa xestión de espazos incluídos na Rede galega de espazos protexidos de Galicia:

– Os cambios de actividade, cando afecten espazos naturais protexidos ou espazos da Rede Natura 2000, deberán contar coa autorización da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

– No caso de actividades que comporten unha afluencia de público indeterminada ou extraordinaria, ou ben actividades relacionadas co tránsito motorizado, a súa regulación desenvolverase mediante orde, e estarán suxeitas ao establecido no seu instrumento de xestión forestal e, no caso de ausencia deste, precisarán de autorización do órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural nos montes incluídos na Rede galega de espazos protexidos. Tamén necesitará autorización deste órgano a realización de actos relacionados coa caza ou pesca fluvial.

• Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (DOG núm. 74, do 17 de abril).

Esta lei busca a defensa dos montes e terreos forestais fronte aos incendios, así como protexer as persoas e bens afectados, a través de plans de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia. Se o plan afecta espazos protexidos debe contar cun informe previo da consellería competente en materia de ambiente para os efectos de adecuar as súas previsións aos plans de ordenación dos recursos naturais.

A nivel municipal establécese que son os concellos os encargados de elaborar os plans de prevención e defensa municipal, que estarán integrados nos plans de emerxencia municipais, así como a execución das obras precisas para manter e conservar o solo e a biomasa nas condicións precisas para evitar incendios.

O artigo 31 da Lei 3/2007, do 9 de abril, recolle unha serie de limitacións de acceso, circulación e permanencia por razóns de risco de incendios (coas súas excepcións) para as épocas de alto perigo de incendios, e o artigo 33 prohibe de xeito xenérico o uso do lume en terreos agrícolas, forestais ou zonas de influencia forestal, agás para as actividades e en condicións, períodos ou zonas autorizadas polo organismo competente. Recalca, ademais, que na época de alto perigo a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e outros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, estarán suxeitos á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas e adecuadas de seguridade e prevención, sempre que o risco diario non sexa extremo. Tamén están suxeitas a autorización as áreas recreativas en que se poidan preparar alimentos en zonas de alto risco.

O capítulo II do título VI establece, no caso dos terreos queimados, unha serie de limitacións ás actividades de aproveitamento da madeira queimada, o pastoreo e a actividade cinexética.

e) Aproveitamento eólico.

• Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental (DOG núm. 252, do 29 de decembro).

Esta lei ten por obxecto regular, no ámbito da nosa comunidade autónoma, a planificación do aproveitamento da enerxía eólica mediante a elaboración do Plan sectorial eólico de Galicia (en diante, Psega), así como a creación do canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

O artigo 2 define o Psega como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, que ten como obxectivo regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Psega integra as diferentes áreas de desenvolvemento (ADE) para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos.

O artigo 32 establece que quedan excluídos da implantación de novos aeroxeradores aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais por formar parte da Rede Natura 2000, de acordo coa normativa vixente en cada momento. Exceptúanse do anterior as modificacións de parques eólicos en explotación cando a dita modificación supoña unha redución de, polo menos, o 50 % dos aeroxeradores previamente instalados na dita zona da Rede Natura 2000.

Do mesmo xeito, a disposición transitoria segunda aclara que no caso das áreas de desenvolvemento eólico en que se produza a superposición coa Rede Natura 2000, a zona de superposición que afecte aquela non se considerará apta para implantar novos parques eólicos, agás proxectos de modificación de parques eólicos nos termos indicados no anterior artigo 32. Esta limitación farase extensiva á totalidade das instalacións do parque eólico recollidas na poligonal establecida no seu proxecto de execución.

• Resolución do 20 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro).

O ámbito da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba atópase dentro das áreas de desenvolvemento eólico (ADE): espazos territoriais susceptibles de acoller parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica.

A partir da entrada en vigor do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, as áreas de investigación e as áreas de reserva incluídas no ámbito territorial do Psega pasan a considerarse, para todos os fectos, áreas de desenvolvemento eólico (ADE).

f) Patrimonio cultural.

• Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio).

Os obxectivos desta lei son a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento dos elementos do patrimonio cultural de Galicia de forma que sirvan á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valoración e transmisión ás xeracións futuras.

O artigo 2 desta lei establece que os poderes públicos integrarán a protección do patrimonio cultural nas distintas políticas sectoriais, entre as cales están a paisaxe e a conservación do patrimonio natural.

Por outro lado, o seu artigo 34 indica que todos os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural, as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afección ao patrimonio cultural en Galicia pola súa incidencia no territorio, deberán ser sometidos ao informe da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, que establecerá as medidas protectoras, correctoras ou compensatorias que considere necesarias.

Así mesmo, o seu artigo 39 indica que as intervencións ou cambio de usos substanciais que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na propia lei.

g) Minaría.

• Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia (DOG núm. 109, do 6 de xuño).

O obxecto desta lei é o desenvolvemento do réxime xurídico das actividades mineiras en Galicia en condicións de sustentabilidade e seguridade, e promover un aproveitamento racional compatible coa protección do ambiente.

No ámbito da paisaxe protexida situáronse diversas actividades mineiras (Cantora e Pedra da Barca).

h) Caza.

• Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (DOG núm. 4, do 8 de xaneiro).

O obxecto desta lei é regular a actividade da caza en Galicia coa finalidade de protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos de xeito compatible co equilibrio natural e os distintos intereses afectados.

Conforme a esta lei, os terreos clasifícase en cinexéticos e non cinexéticos, sendo os primeiros aqueles en que está permitida a actividade da caza. Estes terreos poden estar sometidos a réxime común ou especial; os terreos de réxime común poden ser utilizados por calquera cazador/a, mentres que nos de réxime especial o exercicio da caza está limitado ás persoas que teñan a titularidade cinexética.

Os terreos cinexéticos de réxime especial presentan distintas categorías, entre as que se atopan os tecores ou terreos cinexéticos ordenados, definidos no artigo 11 da lei como toda a superficie continua de terreos susceptible de aproveitamento cinexético especial que fose declarada e recoñecida como tal mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de caza, e na cal a poboación cinexética debe estar protexida e fomentada, e se aproveita de forma ordenada.

Con respecto ás zonas de seguridade, o artigo 42 defíneas como aquelas áreas en que deban adoptarse medidas precautorias especiais co obxecto de garantir a integridade física e a axeitada protección das persoas e dos bens. Concretamente, as zonas consideradas de seguridade inclúen:

– As vías públicas (vías férreas, autoestradas, autovías e estradas convencionais debidamente sinalizadas como tales, así como as súas marxes e zonas de servidume das vías públicas e das vías férreas, ampliadas nunha franxa de 50 metros de largura a ambos os lados do eixe da vía e, se estiveren pechadas, a 50 metros do peche).

– O dominio público marítimo-terrestre e o dominio público hidráulico e as súas marxes, máis unha franxa de 5 metros en cada unha destas marxes. Para estes efectos, exclúense os ríos, as masas de auga e as canles que presenten unha largura inferior a 3 metros de media na zona en que se desenvolve a acción de caza.

– As zonas habitadas (núcleos de poboación urbanos e rurais, parques urbanos e periurbanos de recreo, aeroportos e lugares de acampada permanente, segundo a definición do artigo 35), cunha ampliación desta zona de seguridade de 100 metros en todas as direccións. Nos núcleos de poboación tomaranse como referencia as construcións máis exteriores.

– Os edificios habitables illados, xardíns e parques públicos, áreas recreativas, zonas de acampada, recintos deportivos e as áreas industriais, ampliados os propios terreos cunha franxa de 100 metros en todas as direccións.

– Calquera outro lugar que polas súas características sexa declarado como tal pola persoa titular da consellería competente en materia de caza para asegurar a protección das persoas e dos seus bens.

Este artigo tamén determina que calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, poderá solicitar á consellería competente en materia de caza a declaración como zona de seguridade dun determinado espazo en que concorran as circunstancias incluídas nos puntos anteriores. Os devanditos espazos, no caso de seren declarados, deberán ser sinalizados pola persoa promotora conforme se determine regulamentariamente.

Nestas zonas de seguridade, o artigo 43 prohibe circular con armas cargadas, usalas ou disparar en dirección a elas de xeito que poidan ser alcanzadas, con perigo para as persoas ou os seus bens, agás que se dispoña de autorización expresa para cazar nese terreo.

i) Cambio climático.

• Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética (BOE núm. 121, do 21 de maio).

Esta lei ten por obxecto, no marco do Acordo de París, facilitar a descarbonización da economía española, a súa transición a un modelo circular, de modo que se garanta o uso racional e solidario dos recursos, e promover a adaptación aos impactos do cambio climático e a implantación dun modelo de desenvolvemento sustentable que xere emprego decente e contribúa á redución das desigualdades.

Os aspectos relativos á adaptación ao cambio climático incorpóranse no título V desta lei. O artigo 17.1 deste título establece que o Plan nacional de adaptación ao cambio climático (PNACC) constitúe o instrumento de planificación básico para promover a acción coordinada e coherente fronte aos efectos do cambio climático en España, sen prexuízo das competencias que correspondan a outras administracións públicas.

Esta lei conta cun artigo, o 24, dedicado á protección da biodiversidade contra o cambio climático. Nel recóllese que as administracións públicas fomentarán a mellora do coñecemento sobre a vulnerabilidade e resiliencia das especies silvestres e os hábitats fronte ao cambio climático, así como a capacidade dos ecosistemas para absorber emisións. Este coñecemento aplicarase na mellora das políticas de conservación, xestión e uso sustentable do patrimonio natural e da biodiversidade.

Con esta finalidade establécense unha serie de actuacións que se desenvolverán, entre as que se atopan a elaboración dunha estratexia específica de conservación e restauración de ecosistemas e especies especialmente sensibles para os efectos do cambio climático, estratexia que terá a consideración de instrumento programático de planificación das administracións públicas e que será aprobado mediante acordo do Consello de Ministros. Esta estratexia incluirá as directrices básicas para a adaptación ao cambio climático dos ecosistemas naturais terrestres, dos ecosistemas mariños e das especies silvestres españolas, así como as liñas básicas da súa restauración e conservación, con especial referencia aos ecosistemas acuáticos ou dependentes da auga e aos de alta montaña.

Tamén regula a realización dunha avaliación da representatividade a medio e longo prazo das redes de espazos naturais protexidos e espazos da Rede Natura 2000, nos diferentes escenarios climáticos posibles.

A Administración xeral do Estado e a das comunidades autónomas, no ámbito das súas respectivas competencias, incluirán na actualización e revisión dos plans ou instrumentos de xestión dos espazos naturais protexidos e espazos da Rede Natura 2000 unha epígrafe sobre a súa adaptación ao cambio climático con, polo menos, un diagnóstico que inclúa unha lista de especies e hábitats especialmente vulnerables, obxectivos, accións e indicadores de progreso e cumprimento, así como un plan de conectividade con outros espazos protexidos.

O artigo 21, relativo á consideración do cambio climático na planificación e xestión territorial e urbanística, así como nas intervencións no medio urbano, na edificación e nas infraestruturas do transporte, prevé unha zonificación que identifique zonas de sensibilidade e exclusión pola súa importancia para a biodiversidade, conectividade e provisión de servizos ecosistémicos, así como sobre outros valores ambientais. Esta exclusión ten a finalidade de garantir que as novas instalacións de produción enerxética a partir das fontes de enerxía renovable non provoquen un impacto severo sobre a biodiversidade e outros valores naturais.

j) Infraestrutura verde.

• Orde PCM/735/2021, do 9 de xullo, pola que se aproba a Estratexia nacional de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas (BOE núm. 166, do 13 de xullo).

A infraestrutura verde defínese como unha rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, deseñada e xestionada para a conservación dos ecosistemas e o mantemento dos servizos que nos provén. Inclúe espazos e outros elementos físicos verdes en áreas terrestres (naturais, rurais e urbanas) e mariñas.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, establece, no seu artigo 15, que debe aprobarse unha estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxica. Esta estratexia terá como obxectivo marcar as directrices para a identificación e conservación dos elementos do territorio que compoñen a infraestrutura verde do territorio español, terrestre e mariño, e para que a planificación territorial e sectorial que realicen as administracións públicas permita e asegure a conectividade ecolóxica e a funcionalidade dos ecosistemas, a mitigación e adaptación aos efectos do cambio climático, a desfragmentación de áreas estratéxicas para a conectividade e a restauración de ecosistemas degradados. Esta estratexia nacional aprobouse mediante a Orde PCM/735/2021, do 9 de xullo.

Esta lei tamén prevé a obriga de que as comunidades autónomas desenvolvan as súas propias estratexias segundo as directrices da estratexia nacional, incluíndo os seus obxectivos.

III. Identificación dos valores que se protexen, o seu estado de conservación e os posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais.

1. Medio físico e abiótico.

1.1. Climatoloxía.

Climaticamente a paisaxe protexida está dentro do dominio ombrotérmico quente e húmido.

Segundo os datos rexistrados pola estación meteorolóxica máis próxima (A Gándara, Vimianzo), a zona caracterízase por ter unhas temperaturas medias anuais suaves que chegan a superar os 14 ºC, influenciadas pola súa proximidade ao mar (2.200 m de distancia).

As temperaturas máis elevadas corresponden aos meses estivais (16-18 ºC temperatura media), en que agosto é o mes máis caloroso, mentres que no inverno se alcanzan as temperaturas máis baixas (8-10 ºC), en que xaneiro e febreiro son meses máis fríos.

As precipitacións medias oscilan entre os 1.200 e os 1.400 mm, en consonancia coas medias anuais de Galicia (1.200 mm). Non obstante, chegaron a ser bastante elevadas nos anos 2018 e 2019, superando os 2.000 mm. O mes con maior pluviosidade é o de novembro (>250 mm), seguido de xaneiro e decembro.

A proximidade ao litoral fai que os días de xeada sexan escasos.

Por último, o vento é unha variable importante na zona debido á súa grande exposición. Na estación da Gándara existe un predominio de ventos de dirección NE e, en menor medida, SO. A porcentaxe de días calmos é moi residual, xa que supón entre un 3,2 % e un 3,6 %.

1.2. Xeoloxía.

Litoloxicamente, o material do cal está formado o macizo dos Penedos de Pasarela e Traba denomínase «granito de Traba» ou tamén granito de biotita ou granito circunscrito ou tardío, ao ser o derradeiro en formarse, cunha idade de 301,2 ± millóns de anos. Formouse durante a colisión entre as placas litosféricas de cuxa unión resultou Panxea, o gran megacontinente, entre 380-370 millóns de anos antes de agora.

Este granito é uniforme, con textura mineralóxica de gran groso tendente á porfídica sen desenvolverse completamente, o que o distingue dos granitos de dúas micas que aparecen máis ao leste.

Relacionado con estas características e desde un punto de vista visual, as diferencias litolóxicas entre o granito de biotita dos Penedos e o granito de dúas micas hercínico predominante ao leste do espazo provocan a diferente exhumación das xeoformas, así como da súa disección. Como consecuencia, as diferenzas na paisaxe son evidentes entre os dous materiais: o granito do leste presenta un intenso diaclasado multidireccional, o que impide a existencia de formas dómicas ou torres rochosas, por exemplo. A meteorización deste material é intensa, de aí a existencia das capas sedimentarias nos vales tectónicos existentes na zona que favorecen a colonización vexetal. Pola contra, o granito de biotita, de gran homoxéneo, presenta disxunción en bolos, sufrindo unha alteración concéntrica propia das diáclases de contracción do plutón que permiten o afloramento de extensas áreas de granito con formas esféricas residuais.

Na paisaxe protexida distínguense tres substratos xeolóxicos ben diferenciados:

• Depósitos cuaternarios: substrato altamente permeable con porosidade intragranular. Ocupa o bordo meridional, asociado aos cursos fluviais do rego dos Muíños e dos seus tributarios. Estes depósitos son moi modificables polo caudal e velocidade da corrente da auga, así como pola forma do val en que se localizan, especialmente en época invernal.

• Granitoides calcoalcalinos: de permeabilidade baixa, caracterízanse por fisuración no macizo non alterado e por porosidade intragranular se hai capas superficiais alteradas. Como se comentou anteriormente, a maior parte do espazo está composto por granito de biotita con abundantes veas de cuarzo.

• Granitoides alcalinos: do mesmo xeito que o substrato xeolóxico anterior, a súa permeabilidade é baixa, e caracterízase por fisuración no macizo non alterado e por porosidade intragranular se hai capas superficiais alteradas. Ocupa o bordo oriental do espazo e caracterízase por ter moitos enclaves de xistos e paragneises, denominados granitos tipo Laxe ou tipo Barbanza. Teñen unha marcada orientación por deformación.

1.3. Xeoxénese.

O macizo de Pasarela e Traba atópase individualizado dos terreos adxacentes mediante vertentes pronunciadas, resultado de procesos tectónicos datados na oroxenia hercínica. Presenta dous sistemas de fracturas ben diferenciados: o primeiro deles alóngase en dirección N-S, dando lugar ao corredor que delimita os Penedos polo oeste; polo leste esténdese outra liña de fractura en dirección NNL-SSO. Ambas están no sector do Penedo-Pasarela. Entre ambas as descontinuidades aparece un conxunto de formas sigmoides ben delimitadas que se subfragmentan en numerosas fracturas de moito menor tamaño.

A este sistema de fracturación vertical súmaselle outro conxunto de fracturas e diáclases horizontais ou subhorizontais paralelas á superficie do terreo, cun perfil curvo xeneralizado e asociadas a procesos relacionados, en parte, coa xénese do plutón granítico e a súa posterior exhumación. Esta combinación de fracturas con curvaturas e direccións diferentes foi o resultado da longa evolución xeotectónica de Galicia, de cando converxeron placas tectónicas e se produciron os conseguintes movementos intraplacas durante as oroxenias varisca e alpina, así como durante a apertura do Atlántico, por mor dunha fase de diverxencia. Por outra banda, e dado que a ascensión do magma asociada aos movementos oroxénicos non é homoxénea en temperatura, deu lugar a diferentes tamaños e formas.

Ademais da propia tectónica, as condicións climáticas de Galicia foron determinantes para modelar as formas que hoxe en día se ven. O clima non foi estable ao longo da súa historia xeolóxica: especialmente durante o Cenozoico, o territorio permaneceu baixo condicións climáticas tropicais, caracterizadas por fortes choivas, temperaturas elevadas e unha conseguinte elevada humidade ambiental. Esta alta humidade favoreceu a acumulación ou fluxo de auga, provocando a meteorización das rochas mediante a hidrólise das micas, cuarzos e feldespatos.

En conxunto, isto explica en gran parte a variedade de volumes e comportamentos erosivos que dan lugar á gran multitude de xeoformas abstractas, antropomórficas, zoomórficas ou simplemente multiformas que poden observarse hoxe en día na paisaxe protexida e que son o seu principal motivo de declaración.

1.4. Pendentes.

A pendente media é de arredor do 15 %, pero a súa distribución non é homoxénea. Os Penedos de Pasarela e Traba caracterízanse por ter dúas zonas ben diferenciadas; por un lado hai zonas moi escarpadas (>30 %) nas proximidades dos afloramentos rochosos como A Galla da Pena Forcada ou A Torre da Moa e, por outro lado, zonas moi chairas (<6 %) nas proximidades da Gándara da Barca e O Brañal (ao leste) ou nas ribeiras do rego dos Muíños (ao oeste).

Aproximadamente un terzo do espazo presenta unhas pendentes superiores ao 20 % que destacan na parte norte e nordeste, así como na dorsal central, seguindo os afloramentos graníticos cara o sur. Na contorna destes afloramentos graníticos e ocupando case outro terzo da superficie atópanse pendentes medias de entre o 10 e o 20 %.

As zonas chairas caracterízanse por ser espazos deprimidos que se localizan nas súas zonas perimetrais, exceptuando o extremo noroccidental. Estas zonas con baixas pendentes no extremo meridional están vinculadas a depósitos cuaternarios.

Na contorna, a orografía do terreo presenta unha distribución das pendentes bastante heteroxénea. Ao norte predomina unha zona achandada coincidente cos depósitos cuaternarios, na Agra de Traba. Esta chaira está circundada por pendentes fortes dos montes próximos como monte Chan, monte do Campo (lindeiro polo norte cos Penedos de Pasarela e Traba) ou a serra de Pena Forcada. Cara ao oeste, a serra de Pena Forcada caracterízase por ser bastante escarpada e por irse achandando cara ao fondo do val do rego dos Muíños. Ao leste, as pendentes son suaves, como é o caso da zona do Brañal, exceptuando algunha zona puntual, como o monte Redondo ao nordeste.

O sur do espazo protexido, onde se sitúa o núcleo de Pasarela, defínese pola súa horizontalidade coincidente co substrato de depósitos cuaternarios.

As zonas máis elevadas concéntranse na zona central do espazo, seguindo unha dirección lonxitudinal. Nesta zona é habitual que se superen os 240 m de altitude. O punto máis elevado é A Torre da Moa, en Laxe, que acada os 274 m, mentres que o punto máis baixo sitúase ao noroeste, nas proximidades da estrada AC-533, a apenas 50 m de altitude.

Os maiores desniveis atópanse na zona norte, pasando dos 250 m aos 50 m de altitude nunha distancia inferior aos 500 m.

As zonas máis chairas están no fondo do val do rego dos Muíños, a uns 120 m de altitude ou nas proximidades da Gándara da Barca e O Brañal na parte oriental, a uns 200 m de altitude.

1.5. Orientación.

A orientación vén determinada polo macizo granítico que atravesa o espazo de norte a sur. A vista cenital do mapa de orientacións semella piramidal, coas ladeiras que baixan desde os cumios con orientación oeste grandes e predominantes, as caras orientadas ao norte, que son curtas pero escarpadas, e as caras con orientación leste curtas que cambian a orientación sur na súa parte máis meridional, desde a antiga canteira ata o núcleo urbano de Pasarela.

1.6. Xeomorfoloxía.

Trátase da variable máis representativa e de maior valor deste espazo protexido.

O macizo é unha formación tipo inselberg ou monte-illa de granito, que se caracteriza por ter ladeiras limitantes inclinadas que enlazan coa base do terreo mediante unións ben marcadas, coñecidas como ángulo de pé de monte ou knick.

Existen tamén outras formas menores subordinadas ao macizo con características xeométricas antropomorfas e zoomorfas que confiren un enorme valor singular, estético, cultural e paisaxístico ao conxunto xeolóxico. Esta ampla variedade de xeoformas graníticas foi clasificada por Augusto Pérez Alberti e Juan López Bedoya (2009) en catro niveis de acordo co seu tamaño:

• Unidades principais do relevo:

▪ Convexas: principais unidades elevadas. Son as áreas extensas e elevadas en que se divide o macizo. Estas unidades están fendidas polos corredores de maior rango, acorde coas liñas de fractura, e conteñen o resto de megaformas e mesoformas convexas.

A unidade central do macizo de Pasarela é unha longa dorsal bastante uniforme que culmina en Pena Forcada.

▪ Cóncavas: depresións alveolares complexas. O macizo queda separado das unidades montañosas próximas polo oeste e leste grazas a estas grandes superficies deprimidas que realzan as formas e afloramentos graníticos. Estas superficies afundidas presentan un fondo achandado, con algunhas cubetas de alteración suaves que representan áreas alveolares irregulares. Dentro destas depresións poden atoparse, de xeito residual, pequenas dorsais ou unidades convexas simples.

• Macroformas:

▪ Convexas:

– Formas dómicas: constitúen as partes elevadas das masas plutónicas, que son os elementos que primeiro afloraron á superficie terrestre. Destacan pola súa compactidade, presentando un reducido desenvolvemento das liñas de fractura e o desmantelamento da masa granítica.

– Vertentes tapizadas de bloques: campos de bloques desmantelados in situ ou procedentes de bloques desmantelados en partes máis altas e que son desprazados pola gravidade e a auga cara a zonas de media ladeira.

▪ Cóncavas:

– Campos de bolos en alvéolo: campos de bolos dispersos aflorando en áreas deprimidas. A máis notoria é a da gran área depresiva oriental na parte sueste do macizo, na contorna da Pedra da Cachucha.

– Alvéolos elevados: depresións nos cumios rochosos ou das vertentes desenvolvidas seguindo as liñas de debilidade impostas pola actividade tectónica e a evolución erosiva. O cruzamento de corredores de debilidade dá como resultado alvéolos arredondados que chegan a ser case circulares. Tamén se poden atopar alvéolos alongados cando existe unha intensa meteorización desenvolvida ao longo da dirección dunha fractura.

– Alvéolos de alteración en depresións complexas: depresións escarvadas por erosión diferencial sobre unidades deprimidas e achaiadas de maior rango relacionadas con accidentes tectónicos ou zonas de contacto litolóxico.

• Mesoformas: nos Penedos de Pasarela e Traba cítanse unicamente mesoformas convexas:

▪ Torres rochosas ou tor: afloramentos rochosos illados con desenvolvemento vertical que destacan sobre a súa contorna. O mellor exemplo é a chamada Galla da Pena Forcada.

▪ Culminacións ou formas acasteladas: afloramentos rochosos de formas acasteladas elevadas sobre formas menores, superficies tapizadas por bloques ou afloramentos continuos. O exemplo máis característico é A Torre da Moa.

▪ Pedras cabaleiras: grandes bloques graníticos que parecen ter un punto de apoio pouco estable ou estar en equilibrio aparente.

▪ Formas columnares: fórmanse pola individualización de bloques por fracturas verticais. Son similares visualmente ás torres rochosas ou tor, pero cun porte menor. A máis característica é a coñecida como O Monolito.

▪ Formas fungo: fórmanse por meteorización diferencial de formas pinaculares, prismáticas e columnares. Inflúe a composición mineralóxica, a orientación das caras erosionadas na dirección do ataque meteórico e a fractura da curva. Atópanse na depresión, ao norte da Pena Forcada.

▪ Formas discoidais: formadas por un dominio das fracturas curvilíneas producidas, na súa maioría, a partir de fracturas de descompresión. Estas formas son abundantes nas partes altas dos macizos.

▪ Grandes bolos: formas arredondadas por procesos erosivos, de gran tamaño, non situadas en depresións, vertentes ou sectores ponte entre os distintos tipos de áreas cóncavas e convexas. Destaca a chamada Pedra do Barco, no sueste próximo á canteira.

• Microformas: son elementos erosivos de pequena talla incluídos en formas graníticas superiores, formados por desagregación granular dun material cunha concentración de minerais alterables maior e por colonización biolóxica, coa conseguinte actividade bioquímica. A homoxeneidade do granito fai que estas formas non sexan moi abundantes. Podemos atopar:

▪ Pías: depresións de borde redondo e forma cilíndrica con desenvolvemento vertical, normalmente dalgúns centímetros de profundidade aínda que ás veces poden alcanzar máis dun metro. Tendo en conta que no macizo de Pasarela e Traba o granito adoita verse afectado por sistemas de diáclases subhorizontais, moitas veces ocorre que unha pía en desenvolvemento, cando atopa un destes planos subhorizontais, desvía o seu avance na vertical e desauga lateralmente, dando orixe a pías abertas lateralmente. A máis característica é a Pedra Multiforme, no sector sur.

▪ Acanaladuras rochosas: cando a auga da chuvia se move sobre unha superficie de rocha inclinada no sentido da máxima pendente pode chegar a escavar canles ou acanaladuras dalgúns centímetros de profundidade e varios metros de longo. As acanaladuras, ou rills, poden aparecer individualizadas, aínda que o máis normal é que aparezan asociadas en redes de canles diverxentes desde a parte superior da superficie á base en que se desenvolven.

▪ Cacholas e formas de fungo: estas formas prodúcense pola desagregación granular en caras laterais ou teitos dos penedos graníticos.

1.7. Hidroloxía.

De acordo coa planificación hidrolóxica vixente, a paisaxe encádrase dentro do sistema de explotación núm. 09: río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns, da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Verte as súas augas a dúas bacías distintas.

A zona norte pertence á bacía do río Traba (código masa: ES.014.NR.154.000.01.00) e recibe achegas desde o rego da Rumbada (id. curso: 1003775164 e cód. río: 15400401) polo leste, e desde o río Vao (id. curso: 1003775162, cód. río: 154002, código masa: ES014MSPFES-014-NR-154-000-01-00) polo noroeste.

A parte meridional pertence á bacía do río Grande (código de masa de auga: ES.014.NR.163.000.02.00) e recibe achegas do rego dos Muíños, que pasa polo suroeste, e do seu tributario, un pequeno rego ao sur do espazo (zona da Salgueira).

Na contorna existen varias zonas hidromorfas, por un lado, a situada a carón do rego dos Muíños ao suroeste e, por outro lado, outra ao leste, que se reflicten na toponimia da zona como Gándara da Barca e O Brañal, no concello de Vimianzo.

1.8. Edafoloxía.

Aínda que da maior parte da paisaxe protexida non existe cartografía edafolóxica, a tipoloxía de solos correspóndese cos existentes da folla 43, Laxe, do mapa de solos de Galicia, exceptuando os cambisolos e umbrisolos ántricos que se desenvolven nos depósitos cuaternarios. Os tipos de solos presentes son:

• Leptosolos líticos e úmbricos (inclusións de umbrisolos epilépticos).

• Umbrisolos epilépticos (inclusións de leptosolos úmbricos).

• Umbrisolos endolépticos e húmicos.

• Cambisolos e umbrisolos ántricos (inclusións de regosolos antrópicos).

A maior parte do espazo está ocupado por solos esqueléticos con predominio de afloramentos rochosos do tipo leptosolo lítico e por solos pouco desenvolvidos tipo umbrisolos epilépticos.

Os leptosolos atópanse nas proximidades das xeoformas graníticas, zonas que presentan unhas condicións ambientais que non favorecen a evolución dos solos. Os leptosolos líticos son a mínima expresión de solo xa que o seu espesor máximo é de 10 cm.

O termo umbrisolo deriva do vocábulo latino umbra, que significa sombra, polo que fai alusión á cor escura do seu horizonte superficial. Os umbrisolos desenvólvense sobre materiais de rochas silíceas. O perfil é de tipo AC, cun horizonte B ocasional. No caso dos umbrisolos epilépticos presentan o estrato rochoso entre uns 25 e 50 cm.

Nas zonas máis baixas do espazo atópanse umbrisolos endolépticos, que son solos máis desenvolvidos onde a rocha está entre 50 e 100 cm, mentres que o umbrisolo húmico presenta máis do 1 % de carbono orgánico ao longo dos primeiros 50 cm.

Nos fondos do val do rego Muíños, onde existen depósitos cuaternarios, desenvólvense cambisolos e umbrisolos ántricos (inclusións de regosolos antrópicos). Os cambisolos desenvólvense sobre materiais de alteración procedentes dun amplo abano de rochas, entre as que destacan as de carácter eólico, aluvial ou coluvial, moi abundantes na península. O perfil é de tipo ABC. O horizonte B caracterízase por unha débil a moderada alteración do material orixinal e pola ausencia de cantidades apreciables de arxila, materia orgánica e compostos de ferro e aluminio, de orixe aluvial.

Por outro lado, os umbrisolos ántricos presentan claras evidencias de influencia humana causada por prácticas de labranza (pastos e cultivos forraxeiros).

2. Medio biótico.

2.1. Vexetación potencial.

A vexetación potencial ou climácica é aquela vexetación que se tería desenvolvido nun determinado lugar sen a alteración e a intervención antrópica. A paisaxe protexida queda encaixada na Rexión Eurosiberiana, concretamente no sector corolóxico Galaico-Portugués, subsector Fisterrán, na provincia Cántabro-Atlántica.

Tanto neste sector coma no resto dos municipios de Laxe e Vimianzo, a vexetación climácica dominante corresponde á carballeira galaico-portuguesa, de asociación Rusco aculeati-Quercetum roboris, dentro do piso bioclimático colino, pertencente a territorios costeiros, vales e montañas desde o mar ata os 600-700 m de altitude, mentres que os fondos dos vales, vinculados a zonas hidromorfas, correspóndense coa asociación Senecio bayonensis-Alnetum glutinosa:

• Carballeira termófila galaico-portuguesa (asociación Rusco aculeati-Quercetum roboris): esta carballeira, por debaixo dos 350-400 m de altitude, presenta un marcado carácter termófilo con claras influencias mediterráneas, como a subasociación Quercetosum suberis. Así, elementos perennifolios de orixe mediterránea como as sobreiras (Quercus suber) e os érbedos (Arbutus unedo) poden aparecer acompañando os carballos (Quercus robur) nas ladeiras de solaina e máis resgardadas, xunto a outras especies de árbores e arbustos como o loureiro (Laurus nobilis), o estripeiro (Crataegus monogyna), a pereira brava (Pyrus cordata), o acivro (Ilex aquifolium), a xilbardeira (Ruscus acuelatus) e outras máis, xunto a todo un conxunto floral de herbáceas; entre elas encóntranse plantas nemorais comúns con outros bosques planocaducifolios, como Euphorbia dulcis, Euphorbia amygdaloides, Anemone nemorosa, Stellaria holoesta, e fentos como Dryopteris dilatata, D. affinis, D. aemula e Lastrea limbosperma. O grupo das silicícolas está mellor representado: Deschampsia flexuosa, Melampyrum pratense, Teucrium scorodonia, Holcus mollis, Lathyrus montanus, Hypericum pulchrum, Vaccinium myrtillus, Lonicera periclymenum subsp periclymenum e fentos como Blechnum spicant ou Pteridium aquilinum.

A degradación moderada dos bosques desta serie dá paso ás xesteiras, matogueiras densas de grande envergadura ricas en Cytisus striatus e Cytisus scoparius, Ulex europaeus, Rubus lusitanus, Pteridium aquilinum, etc. A matogueira degradada está constituída polos toxais que aparecen tras os incendios e polas repoboacións de piñeiros. Sobresaen os toxais da asociación Ulici europaei-Ericetum cinereae, da cal son especies características o toxo (Ulex europaeus) e os breixos (Erica cinerea, E. umbellata, E. arborea). Xunto a ambos os tipos de formacións atópanse plantas de menor tamaño, entre as que destacan a carqueixa boieira (Halimium alyssoides), a carpaza (Cistus psilosepalus), o ouropeso (Simethis mattiazzi), o sete en rama (Potentilla erecta) ou a herba das doas (Glandora prostrata).

• Serie dos bosques de ribeira galaico-portugueses (asociación Senecio bayonensis-Alnetum glutinosa): trátase de ameneiros riparios claramente termófilos e de influencia mediterránea. A especie máis característica destes bosques de ribeira é o ameneiro (Alnus glutinosa), que pode acadar os 20 m de altura pero tamén presentar aspecto arbustivo duns 3-5 m, sobre todo en zonas de inundación permanente.

No interior do bosque de ribeira só poden medrar plantas que soporten escaseza de luz, como as uvas de can (Tamus communis), a hedra (Hedera helix), a madreselva (Lonicera periclymenum) ou o lúpulo (Humulus lupulu), os fentos, como o real (Osmunda regalis), a cabriña (Davallia canariensis), Blechnum spicant ou Dryopteris sp.

Acompañan aos ameneiros os salgueiros (Salix atrocinerea) e, en menor medida, os freixos (Fraxinus angustifolia), os sabugueiros (Sambucus nigra), as abeleiras (Corylus avellana), os loureiros (Laurus nobilis) e tamén os carballos (Quercus robur), xunto a un gran número de fentos e outras plantas adaptadas a ambientes húmidos e sombríos.

2.2. Vexetación actual.

As formacións vexetais presentes no espazo, atendendo ás coberturas vexetais, son as seguintes:

• Formacións de piñeiros: formacións arbóreas dominadas por piñeiro, aparecendo algún que outro eucalipto de forma ocasional e con presenza residual doutras especies forestais.

Nesta cobertura, a pesar de ser de escaso valor ecolóxico, atópanse vestixios de plantas e arbustos, como os que forman a matogueira, os toxos (Ulex europaeus), as moreiras bravas (Rubus fructicosus), os fentos (Pteridium aquilinum) e algunha ericácea (Erica cinerea), aínda que nalgúns casos a gran densidade de piñeiros diminúe a presenza do estrato arbustivo. De maneira residual atópase algún carballo (Quercur robur), salgueiro (Salix sp), acivro (Ilex aquifolium) e, na zona sur, onde se atopan os penedos das Cascudas, O Camelo ou A Pedra Multiforme, entre outras, pódese observar tamén Erica arborea. Estas masas forestais cobren gran parte da paisaxe protexida, exceptuando a zona central ocupada por rochedos e matogueiras, e constitúe a cobertura dominante con 113,8 ha, o equivalente a máis da metade do espazo (53,7 %).

• Repoboacións de eucalipto: plantacións forestais de eucalipto (Eucalyptus sp.) en que se observa claramente o marco da plantación e unha alta densidade de pés. Ademais, nestas masas aprécianse accións de limpeza do estrato arbustivo, aparecendo de xeito illado nalgunhas parcelas accións de clareo vinculadas ao aproveitamento. A maioría das repoboacións atópanse no sur-sueste, na contorna da Ferida da Canteira, e ocupan 18,3 ha (8,6 % do territorio).

• Especies asociadas aos afloramentos rochosos: atópanse fundamentalmente nas zonas elevadas, nas inmediacións dos famosos plutóns graníticos ao longo de todo o espazo, de norte a sur. Son, xunto coa matogueira, a segunda cobertura máis relevante do espazo, ocupando 32,6 ha, o que supón 15,4 % do territorio. Estas especies son os fentos como a cabriña (Davallia canariensis) ou Polypodium cambricum, as hedras (Hedera helix), liques como Rhizocarpon geographicum ou as fanerógamas como Saxifraga spathularis.

• Matogueira: xorde de forma natural en solos pouco desenvolvidos e normalmente indica alteracións como consecuencia da actividade humana xa que aparece tras cortas, queimas, rozas, pasto do gando ou outras alteracións da vexetación existente. Teñen unha importante función ecosistémica xa que son refuxio de moitas especies vexetais e animais (insectos, réptiles, micromamíferos, etc.). As matogueiras supoñen, xunto cos afloramentos rochosos, a segunda cobertura con 33,7 ha e un 15,9 % do territorio. Están dominadas por toxos (Ulex europaeus), xestas (Cytisus scoparius) e ericáceas (Erica cinerea, E. ciliaris, Daboecia cantabrica, Calluna vulgaris), destacando incluso a presenza de E. tetralix, especie típica de turbeiras, en zonas húmidas, e aparecen tamén asociadas as xaras (Cistus spp.) ou os carpazos (Halimium spp.).

• Prados: abranguen 4,9 ha, o que supón o 2,3 % da paisaxe protexida. Estes prados de gramíneas para forraxe do gando están localizados nos lindes dos penedos, coincidentes coas zonas chairas. A maior parte concéntrase no sueste do espazo, nas proximidades do núcleo de Pasarela.

• Bosque de loureiro (Laurus nobilis): unha das poucas masas naturais ou seminaturais presentes na contorna da Torre da Moa. Ocupa unhas 2,2 ha (1,0 % do territorio).

• Bosque de ribeira: formacións de ribeira asociadas a dous regos sen nome con ID de cursos fluviais 950140070159 e 983610005866, localizados na zona leste e na zona sur, respectivamente. Son formacións compostas de salgueiros (Salix sp.) e carballos dispersos (Quercus robur). Ocupa 1,9 ha, tan só o 0,9 % do territorio.

• Bosque de carballos: pequeno bosque de frondosas caducifolias no sur da delimitación da paisaxe protexida composto fundamentalmente por carballos (Quercus robur) preto de Pasarela, ao carón dos campos de cultivo. Ocupa un pequeno espazo dunhas 0,18 ha que representa tan só o 0,1 % do territorio.

Ademais destas formacións, hai dispersos exemplares de salgueiro (Salix sp.), de acivro (Ilex aquifolium), de carballo (Quercus robur) e na zona meridional nos lindes das parcelas destaca a presenza de acivro (Ilex aquifolium) que conforma pequenas fileiras ao longo dos camiños.

Existen tamén zonas sen vexetación coincidentes coa rede viaria composta polos camiños, estradas e vías tanto públicas como privadas. Ocupan unhas 4,3 ha do territorio, o que supón un 2,0 %.

Flora (ningunha especie catalogada)

Calluna vulgaris

Erica ciliaris

Ilex aquifolium

Quercur robur

Cistus sp.

Erica cinerea

Laurus nobilis

Rhizocarpon geographicum

Cytisus scoparius

Erica tetralix

Pinus pinaster

Rubus fructicosus

Daboecia cantabrica

Eucalyptus sp

Pinus radiata

Salix sp.

Davallia canariensis

Halimium sp

Polypodium cambricum

Saxifraga spathularis

Erica arborea

Hedera helix

Pteridium aquilinum

Ulex europaeus

2.3. Fauna.

A fauna potencialmente presente é a seguinte:

Anfibios

Especie

Directiva 92/43/CEE

LESRPE

CEEA

CGEA

Alytes obstetricans

Anexo IV

Si

Chioglossa lusitanica

Anexo II, anexo IV

Si

Vulnerable

Vulnerable

Lissotriton boscai

Si

Pelophylax perezi

Anexo V

Si

Rana iberica

Anexo IV

Si

Vulnerable

CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; LESRPE: Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas

Réptiles

Especie

Directiva 92/43/CEE

LESRPE

CEEA

CGEA

Anguis fragilis

Si

Chalcides striatus

Si

Lacerta schreiberi

Anexo II, anexo IV

Si

Natrix astreptophora

Anexo IV

Podarcis bocagei

Timon lepidus

Si

CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; LESRPE: Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas

Aves

Especie

Directiva 2009/147/CE

LESRPE

CEEA

CGEA

Accipiter gentilis

Anexo I

Si

Accipiter nisus

Anexo I

Si

Aegithalos caudatus

Si

Alauda arvensis

Anexo II

Alcedo atthis

Anexo I

Si

Alectoris rufa

Anexo II

Anthus trivialis

Si

Apus apus

Si

Athene noctua

Si

Buteo buteo

Si

Caprimulgus europaeus

Anexo I

Si

Carduelis carduelis

Certhia brachydactyla

Anexo I

Si

Cettia cetti

Si

Chloris chloris

Cisticola juncidis

Si

Columba livia/domestica

Anexo II

Columba palumbus

Anexo II

Corvus corone

Anexo II

Coturnix coturnix

Anexo II

Cuculus canorus

Si

Cyanistes caeruleus

Si

Delichon urbicum

Si

Dendrocopos major

Anexo I

Si

Emberiza cia

Si

Emberiza cirlus

Si

Emberiza citrinella

Si

Erithacus rubecula

Si

Falco tinnunculus

Si

Fringilla coelebs

Anexo I

Si

Garrulus glandarius

Anexo II

Hippolais polyglotta

Si

Hirundo rustica

Si

Linaria cannabina

Monticola solitarius

Si

Motacilla cinerea

Si

Parus major

Si

Passer domesticus

Passer montanus

Periparus ater

Si

Phoenicurus ochruros

Si

Phylloscopus collybita/ibericus

Si

Phylloscopus ibericus

Si

Pica pica

Anexo II

Picus sharpei

Prunella modularis

Si

Pyrrhula pyrrhula

Anexo I

Si

Regulus ignicapilla

Si

Saxicola torquata

Serinus serinus

Streptopelia turtur

Anexo II

Strix aluco

Si

Sturnus unicolor

Sylvia atricapilla

Si

Sylvia borin

Si

Sylvia undata

Anexo I

Si

Troglodytes troglodytes

Anexo I

Si

Turdus merula

Anexo II

Turdus philomelos

Anexo II

Turdus viscivorus

Anexo II

Tyto alba

Si

Upupa epops

Si

CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; LESRPE: Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas

Mamíferos

Especie

Directiva 92/43/CEE

LESRPE

CEEA

CGEA

Apodemus sylvaticus

Arvicola sapidus

Canis lupus

Anexo V

Si

Crocidura russula

Genetta genetta

Anexo V

Lutra lutra

Anexo II, anexo IV

Si

Meles meles

Microtus agrestis

Microtus lusitanicus

Mus musculus

Mustela nivalis

Mustela putorius

Anexo V

Myotis myotis

Anexo II, anexo IV

Si

Vulnerable

Vulnerable

Oryctolagus cuniculus

Rattus norvegicus

Rattus rattus

Rhinolophus ferrumequinum

Anexo II, anexo IV

Vulnerable

Vulnerable

Talpa occidentalis

Vulpes vulpes

CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; LESRPE: Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas

Invertebrados

Especie

Directiva 92/43CEE

LESRPE

CEEA

CGEA

Coenagrion mercuriale

Anexo II

Si

Euphydryas aurinia

Anexo II

Si

Euplagia quadripunctaria

Anexo II

Lucanus cervus

Anexo II

Si

CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; LESRPE: Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas

En relación cos instrumentos de planificación de especies, a pesar de que a área ocupada polos Penedos de Pasarela e Traba sitúase dentro da zona potencial de presenza da escribenta das canaverias, segundo o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia, aprobado mediante o Decreto 75/2013, do 10 de maio, a paisaxe non se considera área de distribución potencial ao carecer de zonas húmidas con vexetación palustre de gran porte, hábitat das escribentas segundo o mencionado plan de recuperación.

Por outra banda, a paisaxe protexida atópase, segundo o Censo do lobo ibérico en Galicia (2021-2022), dentro da Área de manda potencial de Camariñas (AMP-Camariñas).

3. Medio perceptivo: estudo da paisaxe.

3.1. Unidades da paisaxe.

A paisaxe protexida sitúase dentro da Grande área paisaxística chairas e fosas occidentais e pertence a dúas comarcas paisaxísticas distintas. A parte situada no concello de Vimianzo pertence á Comarca paisaxística de Terras de Soneira, mentres que a parte do concello de Laxe forma parte da Comarca paisaxística de Costa da Morte.

A paisaxe protexida é clasificada por diferentes unidades paisaxísticas:

• Unidade establecida polo POL:

▪ Unidade paisaxística de Traba (05_03_193): ocupa a zona noroccidental, dentro do concello de Laxe.

• Unidades establecidas no Catálogo das paisaxes de Galicia: correspóndelle catro unidades paisaxísticas que comparten as mesmas características xeomorfolóxicas e climáticas. En relación coa xeomorfoloxía, todas son vales sublitorais:

▪ Vales sublitorais; matogueira e rochedo; termotemperado: ocupan a parte central e oriental do espazo. A cobertura máis característica son os afloramentos graníticos e, ao seu carón, esténdese o mato, desde uceiras a toxeiras. Estas matogueiras están desaparecendo pola proliferación de plantacións ou novos brotes de eucalipto e piñeiro. A expansión destas especies forestais fai que en certas zonas sexa a cobertura dominante, ocultando as formacións graníticas. Nas zonas onde os solos son máis profundos e evolucionados pódese atopar algún exemplar ou pequenos bosquetes de árbores autóctonas, como carballos, loureiros ou acivros.

O maior valor desta unidade son as formacións xeomorfolóxicas; tamén destacan certas masas autóctonas: estreitos e pequenos bosquetes de vexetación ripícola e pequenos bosquetes mixtos de caducifolias nas zonas baixas.

Desde o punto de vista cultural, este espazo presenta un gran número de valados de pedra seca, moitos deles en bo estado de conservación.

▪ Vales sublitorais; agrosistema intensivo (mosaico agroforestal); termotemperado: ocupa a parte meridional da paisaxe protexida, entre O Boedo e A Salgueira, no concello de Vimianzo. Presenta masas de eucalipto e piñeiro, pastos nas proximidades do rego dos Muíños e do seu tributario na Salgueira e, na parte máis setentrional, hai presenza de matogueiras e dalgún pequeno afloramento rochoso. O valor natural máis sobresaínte é un pequeno bosquete con presenza de carballos na Salgueira. Non presentan xeoformas destacables.

▪ Vales sublitorais; agrosistema intensivo (plantación forestal); termotemperado: ocupa o extremo suroriental, no concello de Vimianzo. Está dominado por plantacións de eucalipto e piñeiro. A expansión destas coberturas fai que mostre unha grande homoxeneidade visual, polo que non conta con ningún valor destacable, agás algún tramo de valado.

▪ Vales sublitorais; rururbano (diseminado); termotemperado: ocupa o extremo suroccidental, nas proximidades do núcleo rural do Penedo (Vimianzo). Caracterízase pola proximidade ao dito núcleo, o que leva a que as masas forestais vaian desaparecendo a favor de cultivos forraxeiros e prados, os dominantes xunto con pequenos bosquetes mixtos de frondosas caducifolias mesturados entre eles. Os valores máis destacables son unha pequena masa de salgueiros e algúns valados tradicionais.

3.2. Análise da visibilidade.

A visibilidade desde os Penedos é alta debido á súa localización topográfica; a cunca visual abrangue un raio de 20 km que pode chegar ata os 25 en días claros.

Pola outra banda, é visible desde gran parte da súa contorna, especialmente desde o fondo do val dos ríos Vimianzo e Traba, e desde os rebordos montañosos que os circundan, como a parte oriental da serra Forcada ou a zona suroccidental do monte Chan (concello de Laxe). Tamén é visible desde os rebordos montañosos máis afastados, como desde as ladeiras occidentais do monte Novo, no concello de Zas.

Tamén pode observarse desde numerosos núcleos rurais, entre eles desde Pasarela, Calo, A Toxa ou Rasamonde (Vimianzo), e desde Cuíña, Matío ou Mórdomo (Laxe). Tamén é potencialmente visible desde vilas como Baio (concello de Zas), a 5 km; Corme (concello de Ponteceso), a 12 km, ou Muxía, a 14 km. Do mesmo xeito, desde a paisaxe protexida poden apreciarse estes núcleos. Aínda así, dalgunhas zonas máis afastadas como Muxía non se distinguen os detalles, pasando a percibirse tan só siluetas.

Desde as zonas máis visibles do espazo poden observarse diferentes puntos da costa como a praia e lagoa de Traba, pero tamén o val de Traba ou o interior da parroquia de San Simón de Nande.

Se se teñen en conta as zonas de visibilidade estratéxica descritas no Catálogo da paisaxe de Galicia a partir da exposición visual e o potencial de vistas, poden establecerse dous tipos de zonas:

• As zonas de maior exposición visual, identificadas a partir dos puntos de observación máis relevantes desde o punto de vista da presenza humana. A paisaxe protexida está afastada dos principais núcleos de poboación e dos eixes viarios máis importantes delimitados polo Catálogo das paisaxes de Galicia. Neste caso, a exposición visual é nula, xa que se analiza desde a cabeceira municipal de Vimianzo (vila de referencia do catálogo para o espazo) desde onde a paisaxe protexida non é visible.

• As zonas con gran potencial de vistas son perceptibles a partir daqueles puntos que destacan pola amplitude, profundidade ou calidade da vista desde eles. Respecto a esta variable, obsérvase que as zonas de cumios (A Torre da Moa, A Galla da Pena Forcada, Pinchón das Gallas, Pena Mosqueira, Pico das Gallas) son as máis expostas e, por tanto, máis fráxiles, mentres que as zonas baixas, especialmente os fondos dos vales, son as menos expostas visualmente.

4. Medio socioeconómico.

A paisaxe protexida atópase entre os concellos coruñeses de Laxe e Vimianzo. Laxe, pertencente á comarca de Bergantiños, presentaba en 2022 unha poboación de 2.977 persoas, 1.485 mulleres e 1.492 homes (Instituto Galego de Estatística, IGE), cunha densidade de poboación de 80,68 hab./km2. Vimianzo, pertencente á comarca de Terra de Soneira, tiña unha poboación de 6.851 persoas, 3.541 mulleres e 3.310 homes, cunha densidade de poboación de 36,64 hab./km2.

No concello de Laxe hai 968 persoas afiliadas á Seguridade Social, 419 mulleres e 549 homes. Para o mesmo parámetro, o número total de persoas afiliadas no concello de Vimianzo ascende a 2.419, 1.102 mulleres e 1.317 homes (IGE, datos de 2022). Neste contexto, son rechamantes os datos a nivel autonómico que indican que entre o total de persoas que traballan a xornada parcial, o 76,62 % destes contratos son asinados por mulleres, polo que pode afirmarse que só un de cada catro persoas que traballan nesta modalidade é un home.

Con respecto aos datos do paro, en Laxe hai un total de 190 persoas demandantes de emprego, das cales 122 son mulleres e 68 son homes (64,21 % e 35,79 %, respectivamente). Algo similar ocorre en Vimianzo, onde hai un total de 306 persoas sen emprego das cales 196 son mulleres e 110 son homes (64,05 % e 35,95 %). Para ambos os concellos a porcentaxe de paro feminino é superior á de paro masculino.

Os datos autonómicos para o mesmo período indican unha tendencia similar a estes datos municipais, cun 57,92 % de paro feminino fronte a un 42,08 % de paro masculino.

Na paisaxe protexida non existe ningún núcleo de poboación, o máis próximo é O Penedo, a menos de 100 m, seguido de dous núcleos rurais (Calabanda e Pasarela) a menos de 500 m. Todos estes asentamentos pertencen á parroquia de San Xoán de Calo (Vimianzo). A unha maior distancia (500-1.000 m) atópanse os núcleos rurais de Reboredo, O Canle, Socasas, Os Foxiños, A Costa, Cernado, A Cabanela, O Carballal e As Melgueiras, no concello de Laxe.

Estes núcleos rurais son de pequena entidade, dado que non superan os 100 habitantes, a excepción do núcleo de Pasarela, e a súa dinámica demográfica foi claramente regresiva nos últimos 10 anos. Atendendo a esta dinámica e á distancia dos núcleos ao espazo, só Pasarela e O Penedo poden ter unha incidencia directa.

A nivel municipal, tanto Laxe como Vimianzo presentan unha estrutura moi envellecida, con taxas moi superiores ás medias provinciais ou galegas, asociada á perda de poboación rural.

A pesar disto, a perda demográfica desacelerouse desde o ano 2020, moi probablemente como resultado do movemento de poboación a zonas rurais debido á COVID-19.

Tanto Laxe como Vimianzo presentan unha forte dependencia do sector servizos. Séguelle en número de persoas afiliadas, o sector da construción, a industria e, por último, o sector primario. A nivel empresa, o sector con maior representación é a agricultura e a pesca, seguido da construción e, por último, a industria. O tecido empresarial en ambos os concellos caracterízase por pequenas empresas e microempresas, sen que ningunha supere os 100 traballadores/as.

En canto á taxa de paro, no concello de Laxe acada o 19,6 %, mentres que en Vimianzo é do 12,6 % (datos de 2022; IGE). Para ambos os concellos existe unha tendencia á baixa desde o ano 2013, unicamente interrompida polas consecuencias da pandemia da COVID-19.

5. Clasificación e propiedade dos terreos.

O Concello de Laxe clasifica os terreos dentro da paisaxe protexida no seu Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) como solo rústico de protección de espazos naturais.

Segundo consta nas normas subsidiarias de planeamento do concello de Vimianzo (ano 1994), a paisaxe protexida sitúase en solo rústico, que se clasifica en 3 subcategorías: solo non urbanizable de protección de cultivos, solo non urbanizable de protección de ríos, regatos e zonas húmidas e solo non urbanizable de protección de zonas forestais. De acordo co artigo 34.f) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o ámbito da paisaxe protexida deberá clasificarse no futuro PXOM como solo rústico de protección de espazos naturais. Estableceranse ademais os usos admisibles asociados a este tipo de solo rústico.

Por outra banda, e segundo a información catastral dispoñible, o espazo protexido está altamente parcelado. Conta con 761 parcelas, sen contar vías. Carece de montes veciñais en man común, e as parcelas son propiedade de particulares. O tamaño medio é de 4.228 m2, considerablemente grande en comparación coa estrutura parcelaria de Galicia. As de maiores dimensións atópanse no concello de Vimianzo, acadando as máis grandes as 5 ha, mentres que as do concello de Laxe son máis pequenas, non chegan aos 25.000 m2.

Na zona do extremo sur do val de Vimianzo hai unha concentración parcelaria, decretada o 17.9.1964, feita efectiva do 15.11.1971, aplicable a 593 ha de terreos cultivables das cales 10 ha afectan directamente os Penedos. Froito desta concentración aumentouse o tamaño do parcelario, aínda que segue a ser de reducidas dimensións.

6. Patrimonio cultural.

6.1. Bens de interese cultural ou catalogados.

No ámbito da paisaxe protexida non hai ningún ben de interese cultural (BIC) pero hai dous bens catalogados ao estaren incluídos nos catálogos do Plan básico autonómico de Galicia (PBA) e, un deles, tamén está recollido nos planos do Plan de ordenación do litoral (POL) e na listaxe do catálogo do PXOM do concello de Laxe. Trátase da Torre da Moa ou o castelo da Torre da Moa, xacemento identificado no PBA con dous puntos, dado que conta con dúas zonas diferenciadas, unha alta que aproveita un afloramento granítico e unha baixa (uns 100 m ao norte) defendida por parapetos de terra.

Tamén está afectado pola contorna de protección (raio de 200 m) dos seguintes bens situados fóra do seu ámbito, en San Xoán de Calo, Vimianzo:

• Mámoa da Gándara da Barca.

• Mámoa da Gándara da Barca 2.

• Mámoa da Gándara da Barca 3.

• Mámoa da Gándara da Barca 4.

• Petróglifo do Monte Badalana.

6.2. Patrimonio etnográfico.

Á parte destes bens, algúns dos penedos proporcionan espazos cubertos baixo eles, conformando abrigos naturais como a Cova da Moa (unha parte do xacemento arqueolóxico da Torre da Moa) que formaron parte do asentamento histórico e posiblemente serviron de acubillo e apoio ás tarefas de aproveitamento do monte.

En relación co patrimonio etnográfico, o máis representativo son os valados de pedra tradicionais. Asociados a ríos e regatos, é frecuente a presenza de pontes, muíños, canles e outro tipo de elementos. Aínda que dentro do espazo non consta a presenza destes elementos, si hai dous muíños no rego do río Vao, ao noroeste dos Penedos.

6.3. Patrimonio inmaterial.

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. Onde se localiza o ben catalogado da Torre da Moa, na cartografía catastral figuran dous topónimos referidos a este ben: O Castelo Pedra da Moa e Os Castrallóns. Ao sur e suroeste deste xacemento figura tamén O Castelo de Trabe e ao sureste Torre da Moa. Ao suroeste da Galla da Pena Forcada figura Cova das Laxes, Fontiña, Cabanela e Arantiña, ao leste deles figura A Furna, Canle do Pose, Fonte do Sudre e Fonte da Merenda, e no estremo sur están Os Curros, Sucarreiro e Calzada. Todos eles poden estar asociados a lendas ou posibles elementos do patrimonio etnolóxico.

Tamén forman parte do patrimonio inmaterial os nomes dados aos penedos. A gran diversidade de formas dos penedos do espazo fai voar a imaxinación da veciñanza, quen atopa neles estruturas antropomorfas ou zoomorfas, ás cales foron poñendo nomes populares co paso do tempo. Nalgúns casos, os nomes que recibe cada penedo vén da toponimia do lugar (como a Galla da Pena Forcada ou a Pedra das Milleiras), pero na maioría dos casos trátase de nomes arbitrarios en función do elemento a que recorde.

Así, e dividindo o espazo en 4 zonas para facilitar a comprensión, as persoas visitantes poden contemplar os seguintes Penedos, os máis recoñecibles e con nome propio:

Zona I: contorna da Pedra do Barco.

• A Cachucha.

• A Pedra do Barco.

• A Ferida da Canteira.

• A Anta Megalítica.

• A Balea.

• Os Sapoconchos.

• Penedo Multiforme: o Xacobino/A Cantor/a Cara dun Vello.

• O Cranio/As Cascudas.

• O Coello e o Pallaso Triste.

• A Chapela Vasca.

• O Cobi.

• Paxariña de Papel.

• A Tartaruga/A Iguana.

• O Sauro.

• Penedo Fendido.

• O Fígado.

• Carauta de Entroido Veneciano.

• Pedra Multiforme: a Aguia/A Nave Espacial.

• A Pouta/A Man.

• O Trono.

Zona II: contorna da Galla da Pena Forcada.

• Bita dun Porto/Gárgola.

• Dinosauro.

• Pedra Cabalgada/Boina.

• O Berrón.

• O Monolito.

• O Xigante Deitado/O Coloso.

• Sapoconcho/Peixe/Can Sabuxo/Oso Formigueiro.

• A Galla da Pena Forcada.

• A Esfinxe.

• Bolo Solto.

• A Dama/O Bico.

• Bolo Fendido.

• O Mocasín.

• Puño en Alto.

• A Zafra/O Galeón.

• A Osa.

• O Orante.

• O Moai.

Zona III: contorna da Torre da Moa.

• A Moa.

• Cova dos Mouros.

• Capela dos Mouros.

• O Can Enfurruñado.

• O Porco.

• A Outra Esfinxe.

Zona IV: contorna das Milleiras.

• Pedra Grande das Milleiras.

• A Lebre das Milleiras.

• Cabeza de Dino.

Tamén forman parte do patrimonio inmaterial as lendas asociadas aos Penedos. En diversas publicacións hai referencias a, cando menos, dúas lendas de transmisión oral arquetípicas do folclore galego asociadas a este lugar: segundo o primeiro relato, no castro ou castelo da Torre da Moa viviron os mouros, e mesmo existiu unha igrexa de xentís (non cristiáns). Son mostra da súa existencia os restos de tella cerámica, as cunchas e os restos óseos alí atopados. A lenda tamén conta que a Cova dos Mouros ou Cova da Moa, localizada baixo o penedo que coroa A Torre da Moa, está conectada coa lagoa de Traba a través dun túnel, aínda que noutras versións indícase que o túnel comunica a capela da Moa coa igrexa de Traba. A segunda lenda conta que en Traba tamén hai unha cidade lendaria (Valverde), hoxe asolagada, similar á que se conta noutros lugares da Costa da Morte, como Duio (Fisterra) ou Alcaián (Coristanco) e en toda a Europa atlántica. Sobre a historia e o infortunio desta cidade hai varias versións e variantes, todas relacionadas co apóstolo Santiago (patrón da parroquia de Traba).

Ademais destes relatos, cómpre facer referencia a outros feitos históricos que, con maior ou menor rigor, se vinculan con este lugar. Así, baseándose nos imprecisos datos dos xeógrafos e historiadores clásicos, hai autores que sitúan no promontorio dos Penedos a presenza dunha das Aras Sestianas, supostamente erguidas na honra de Augusto por Lucio Sestio para conmemorar a vitoria nas guerras cántabras. Máis verosimilitude ten a vinculación coa Casa de Traba, cuxa liñaxe derivou noutras importantes familias fidalgas, e que semella ter tomado o seu nome dunha das parroquias en que se asentan os Penedos. Pedro Froilaz, primeiro conde de Traba e aio do rei Afonso VII, tivo unha enorme influenza política na época de Xelmírez e o seu dominio territorial abrangueu boa parte do noroeste galego.

IV. Análise de usos e aproveitamentos.

1. Usos e aproveitamentos agroforestais.

Ao igual que a maior parte dos montes galegos, os terreos da paisaxe protexida tiveron un forte aproveitamento agroforestal no pasado. Mostra disto é a rede de valados de pedra seca que a dividen hoxe en día.

Actualmente o tipo de aproveitamento predominante é o forestal: máis da metade da superficie está cuberta por bosquetes ou plantacións de piñeiro (Pinus pinaster e P. radiata) ou eucalipto (Eucalyptus globulus). Estas masas atópanse en distintos estados de desenvolvemento, desde monte bravo a latizal e fustal, que ocupan un total de 62,3 % do espazo (132,1 ha). Segundo os datos que constan no Sistema de información de ocupación do solo en España (SIOSE), hai un total de 18,26 ha dedicadas á repoboación forestal.

Unha fracción moi pequena (2,3 %) está ocupada por prados e cultivos forraxeiros de millo, uso que se localiza maiormente na zona sur do espazo, que ocupa unhas 4,9 ha. Trátase de agricultura de subsistencia de produtores familiares.

2. Caza.

Parte dos terreos da paisaxe protexida están incluídos en dous tecores, o de Laxe-Berducido e o de San Vicente de Vimianzo, cuxos lindes gardan unha relación moi estreita cos propios lindes municipais. Neles realízanse entre tres e catro batidas de xabaril por tempada. Ambos os coutos están suxeitos ao plan anual de aproveitamento cinexético da Xunta de Galicia.

3. Explotacións mineiras.

Dentro da área protexida constan as seguintes referencias:

Referencia

Nome

Tipo

AE 154

Pedra da Barca

Autorización para o aproveitamento de recurso: outorgada.

Licenza outorgada desde o 2.4.2001 ata o 2.4.2021.

PI 6987

Cantora

Permiso de investigación para granito ornamental: outorgado. Licenza caducada no ano 2002.

CE 6987.1

Cantora

Concesión de explotación: solicitada

PI 7010

Pasarela

Permiso de investigación: solicitado

A finais de 1997 abriuse unha canteira na base da Cachucha, no sector meridional. A súa actividade paralizouse grazas á mobilización da veciñanza. En 2006 houbo outro intento de obter autorización para iniciar actividades extractivas, pero unha vez máis a veciñanza conseguiu evitala.

4. Actividades de lecer.

Inclúe actividades como a práctica de sendeirismo ou o seu uso como lugar potencial de observación. Dadas as súas peculiares características, a paisaxe protexida tamén pode ser obxecto de actividades científicas, ambientais e educativas.

V. Análise de equipamentos.

1. Rede de sendeiros e vías.

Na paisaxe protexida hai 6 vías principais de distintas tipoloxías. Estas son:

• Sendeiro de Pasarela-Traba: conecta o espazo desde o lugar do Penedo, en Pasarela (Vimianzo) ata o lugar da Cabanela en Traba (Laxe), cun percorrido total de 4,6 km dentro da paisaxe protexida. Conta cunha anchura media de 2 m, un desnivel de subida de 287 m e un desnivel de baixada de 344 m. É o camiño principal que atravesa os Penedos, cruzándoos de norte a sur. A vexetación que o rodea está conformada maiormente por piñeiros e eucaliptos, con predominancia de mato nas zonas de maior altitude e pendente.

Na súa primeira parte son pistas forestais máis ou menos amplas ata chegar á zona da Cachucha, estreitándose e converténdose posteriormente en camiños máis angostos que pasan polos lugares máis emblemáticos do espazo.

Actualmente está acondicionado como ruta de sendeirismo polos dous concellos, polo que conta con sinalización axeitada e en bo estado de conservación.

A súa pendente é moi variable ao longo de todo o trazado, aínda que predominan as pendentes suaves menores ao 10 %. Nalgúns puntos concretos as pendentes son maiores, como preto do Barco, nas proximidades da Pena Gallada ou na baixada desde A Torre da Moa cara A Cabanela. Nestas localizacións pode haber procesos de erosión laminar ou en cárcavas. Actualmente non existen signos de erosión destacables.

• Ascenso á Torre da Moa: ten unha lonxitude aproximada de 200 m desde a confluencia co sendeiro mencionado previamente. Presenta unha pendente elevada, o que fai que a senda en algúns puntos presente signos de erosión superficial como cárcavas, producidas despois de chuvias intensas. Varios carteis advirten sobre isto e recomendan facer a subida con moita precaución. Na actualidade hai elementos auxiliares nalgúns tramos, como cordas, para facilitar a subida. Por isto, considérase non apta para todas as visitas por presentar risco ou perigo de caídas. Inda así, a zona con cordas non é a máis complicada; para acceder á parte alta da Torre da Moa é necesario facer unha pequena gabeada, o cal imposibilita o acceso a este punto ao/á sendeirista habitual.

A sinalización é suficiente e axeitada no tramo ascendente, advertindo de risco de caídas; non obstante faltan advertencias cerca da chegada á parte alta da Torre da Moa, a pesar de ser o tramo máis dificultoso.

• Accesos noroeste I e II: son pistas forestais dunha anchura media de 2,5 m que serven de conexión entre a estrada AC-433 (que circula polo lado oeste da paisaxe) e a paisaxe protexida, cos sendeiros descritos con anterioridade.

O acceso noroeste I ten unha lonxitude de 651 m e un desnivel de 130 m, mentres que o noroeste II conta con 791 m e o seu desnivel é de 110 m. Ambas as pistas están nun estado relativamente bo e poden presentar algunha que outra fochanca pequena no seu trazado. Ten zonas de maior pendente canto máis se adentra no espazo, o que fai que se poidan dar episodios de erosión superficial.

O acceso noroeste I non ten sinalización desde a estrada AC-433, mentres que o noroeste II está correctamente sinalizado.

• Acceso á Pedra das Milleiras: pequeno desvío de 427 metros de lonxitude. A pista ten uns 3 m de ancho e 40 m de desnivel e conecta a estrada que vai desde a AC-433 ao núcleo de Pasarela. O acceso non está sinalizado e o tramo final atópase cortado por un peche privado onde tamén se localiza un alpendre de chapa metálica e madeira para gardar ferramentas e materiais agrícolas. Este peche impide chegar á beira destas formacións rochosas, polo que só se poden apreciar de lonxe.

• Traba-cruzamento do Brañal-O Penedo (Pasarela): ten unha lonxitude total de 3,8 km: 1,2 km desde o límite norte do espazo ata o cruzamento do Brañal, e 2,6 km desde o cruzamento do Brañal ata o lugar do Penedo, en Pasarela. É unha pista de aproximadamente 4 m de ancho. Non ten case pendente e está en bo estado de conservación. Gran parte é de terra, agás o seu tramo final que se atopa asfaltado (preto do cruzamento do Brañal ata a delimitación norte en Traba). Actualmente serve de vía de conexión dos lugares de Pasarela e Traba e é transitado regularmente por vehículos da veciñanza, xa que a estrada continúa ata Traba conectando coa AC-433.

2. Miradoiros.

Dentro da paisaxe protexida hai tres puntos que destacan pola súa calidade paisaxística e vistas panorámicas, aínda que soamente un deles está catalogado como miradoiro no Catálogo das paisaxes de Galicia, a Torre da Moa. Os outros dous puntos con sobrado potencial para selo son A Atalaia e O Pico das Gallas:

• Miradoiro da Torre da Moa: é un dos maiores símbolos da paisaxe protexida e un dos catro picos que o conforman. Está situado a 279 m de altitude ao norte do espazo, polo que conta con vistas ao val, á praia, á lagoa de Traba e ao océano Atlántico cara ao norte; á Galla da Pena Forcada e a gran parte dos penedos cara ao oeste, e ao interior da parroquia de San Simón de Nande cara ao sueste.

• Punto elevado da Atalaia: situado no mesmo punto que a pedra que lle dá nome, aproximadamente no centro da paisaxe. Ofrece unha vista de 360º desde onde se pode apreciar A Torre da Moa e o val, a praia e a lagoa de Traba (ao norte), o interior dos concellos de Vimianzo e Laxe (ao leste) e a Galla da Pena Forcada e outras rochas singulares (ao oeste).

• Punto elevado do Pico das Gallas: ou tamén coñecido como o da Pedra Multiforme, localízase ao sur, nunha zona ampla onde hai varias pedras singulares. Desde aquí pode verse o núcleo de Pasarela (ao sur), así como os penedos que conforman a serra da Pena Forcada, sendo especialmente visible o coñecido como Alto de Rascabolos. En días despexados é posible ver a vila marítima de Muxía (ao oeste).

3. Sinalización.

Fóra do espazo protexido existen varios carteis informativos, así como indicacións para chegar ata el. O feito de que a maioría deles se atopen moi próximos ao espazo dificulta a súa localización desde estradas máis afastadas. Os carteis poden ser clasificados do seguinte xeito:

• Carteis de recurso turístico: hai un destes sinais indicador da existencia dun miradoiro ou sitio pintoresco xunto ao cruzamento do Brañal.

• Carteis informativos: hai tres carteis desta tipoloxía, dous nos extremos da ruta lineal (nos núcleos de Pasarela e Traba) e un no aparcadoiro do cruzamento do Brañal. Mostran información básica sobre os Penedos de Pasarela e Traba en galego, castelán e inglés, así como detalles sobre as rutas cun código QR coa ligazón á ruta de Wikiloc. Son dun tamaño considerablemente grande, de fácil comprensión. Están instalados con zapa de formigón cravados a presión no terreo.

• Carteis de orientación: situados nas estradas circundantes para dar indicacións de dirección para chegar en vehículo ou a pé á paisaxe protexida ou a outros lugares de interese. Son de cor laranxa e relativamente pequenos.

Dentro do espazo protexido existe unha sinalización detallada dos accesos, recomendacións, pedras singulares e xacementos arqueolóxicos próximos, cun total de 79 carteis. Á hora de describir a información, pódense diferenciar os seguintes tipos de sinalización:

• Carteis de advertencia: sinalizan as zonas con risco de caída. En total hai dous carteis deste tipo situados no sector setentrional, no camiño aos puntos de interese da Cova dos Mouros, A Moa e O Can Enfurruñado. Son pequenos paneis cadrados colocados nas árbores.

• Carteis ilustrativos: describen e ilustran as principais formacións rochosas ou outros elementos de interese, como as mámoas. Hai un total de 31 carteis deste tipo: son paneis situados en postes de 2,5 m a unha altura mínima de 2 m do chan, cravados a presión na terra. Sinalización de tamaño A4.

• Carteis interpretativos: inclúen información relativa a recomendacións e prohibicións durante a visita como, por exemplo, a prohibición de facer lume ou tirar lixo no solo, ou a recomendación de empregar botas de montaña e roupa axeitada. Van acompañados de información sobre a situación dos Penedos. En total hai tres carteis deste tipo, un na zona dos penedos do norte, outro na zona máis central e un último na zona sur, todos en bifurcacións para facilitar a toma de direccións. Son de tamaño A4, cravados a presión na terra.

• Carteis de orientación: destinados a orientar as persoas visitantes. Hai 40 carteis, entre os que se inclúen carteis de distancia (distancia que queda para chegar a un lugar de interese), direccionais de continuidade (con frechas que indican o camiño correcto) e de disuasión (indican camiño non axeitado). Son paneis colocados en postes de madeira de 1,5 m situados a unha altura mínima de 1 m do chan e cravados a presión na terra.

4. Aparcadoiros.

A maior parte das persoas visitantes chegan ao espazo en vehículo privado. Actualmente non existe ningún aparcadoiro nin zona habilitada oficialmente para tal fin. Aínda así, existen zonas que funcionan de aparcadoiro informal na zona de Traba (Laxe) e en Pasarela (Vimianzo): existe un pequeno prado de 2.000 m2 no cruzamento do Brañal, ao leste do espazo na parroquia de Traba, cuxa titularidade é do concello de Laxe (15041A031001330000FZ) e en que o concello prevé o seu acondicionamento como aparcadoiro. Estase a potenciar este uso incluíndo a súa localización nos paneis de información sobre as rutas. Aínda que actualmente non está acondicionado, é posible aparcar arredor duns 10 coches entre o bordo da parcela e a estrada. Ademais, no núcleo de Traba hai unhas 10 prazas de aparcadoiro situadas nun edificio de uso público ao carón da estrada AC-433.

Por outra banda, as persoas que chegan desde o núcleo de Pasarela contan con varias zonas que se usan como aparcadoiro: o campo da festa, a zona diante da casa da escola (habilitadas 8 prazas) ou os lugares destinados para tal fin nos bordos da estrada que une a AC-343 e a AC-432 ao seu paso por este lugar.

Ao comezo da ruta existe unha pequena explanada en que aparcan os coches (43°0852.5”N 9°0241.1”W). Esta explanada está asfaltada conformando unha pequena curva que conecta dúas pequenas pistas. Non conta cunha capacidade moi alta de aparcadoiro, só 4-5 vehículos sen entorpecer o tráfico.

VI. Cálculo da capacidade de carga do espazo.

Para a realización deste cálculo aplicouse a metodoloxía desenvolvida por Cifuentes (1992) no traballo titulado Determinación de la capacidad de carga turística de áreas protegidas. Considéranse ademais modificacións de Cifuentes (1999) aos cálculos orixinais, mediante os cales se establece que a capacidade de carga ecolóxica dos Penedos de Pasarela e Traba equivale a 1.648 persoas/día.

Hoxe en día o número de visitas recibidas pola paisaxe protexida é moito menor que a capacidade de carga calculada, polo que as ditas visitas non supoñen afeccións negativas ao espazo, considerándose innecesario o establecemento dunha cota máxima diaria. Aínda así, esta cota poderá ser considerada se o fluxo de persoas visitantes aumenta notablemente co transcurso do tempo.

VII. Análise da erosión e inundación.

1. Erosión.

Segundo o Inventario nacional de erosión de solos (INES, 2002-19) e tendo en conta a erosión potencial, conclúese que a erosión no espazo natural é moi elevada (>200 t/ha/ano), agás nas zonas máis chairas, como nas proximidades da Gándara da Barca ou Boedo.

Por outro lado, o INES calcula a erosión laminar ou hídrica mediante o modelo RUSLE (ecuación universal de perda do solo revisada) estimando desta forma as perdas de solo e o nivel erosivo resultante. Segundo este modelo, a erosión laminar ou hídrica no espazo é moi reducida na súa maior parte (0-5 t/ha/ano) e máis elevada nas zonas dos cumios e nas zonas altas e rochosas, pero tamén no sur, preto do núcleo de Pasarela.

2. Inundación.

Segundo os datos do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) elaborado pola Xunta de Galicia no ano 2009, tanto para o concello de Laxe como para o de Vimianzo non se prevé risco de inundación.

Respecto da análise das áreas con especial risco potencial significativo de inundación (ARPSI) establecidas pola Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, non se detecta ningunha destas áreas dentro da paisaxe protexida para o ciclo 2021-2027.

Ademais, a carón das canles fluviais existentes no espazo, as coberturas predominantes son masas arbóreas ou herbáceas que teñen unha gran capacidade de acollida do incremento de pluviosidade. Esta característica confírelles unha gran resiliencia fronte aos períodos extremos de precipitación que, sumado ao relevo, evita as acumulacións de auga.

Por outra banda, nas proximidades de certos regatos existentes na paisaxe protexida, como os situados ao sur, aprécianse zonas hidromorfas con tendencia ao asolagamento, tal e como se confirma co mapa xeolóxico que clasifica estas zonas como de alto risco de inundación. Aínda así, os actuais usos e coberturas están adaptados ás actuais e futuras avenidas destas canles e non supoñen ningún risco potencial de inundación.

VIII. Conectividade ecolóxica.

Para avaliar a conectividade convén avaliar a existencia de corredores naturais con outros espazos naturais da contorna, concretamente coa zona de especial protección para as aves (ZEPA) Costa da Morte (Norte) e a zona especial de conservación (ZEC) Costa da Morte, ambas situadas a menos de 800 metros, así como coa área importante para a conservación de aves e biodiversidade de España (IBA) que se solapa en gran parte coas anteriores.

Dentro da paisaxe protexida non existen barreiras ecolóxicas destacables que impidan os fluxos bióticos e abióticos, en gran parte debido á case inexistencia de elementos artificiais. Unicamente se podería falar de certa fragmentación derivada dos aproveitamentos forestais ou da presenza de pistas ou camiños, pero que non supoñen unha barreira importante.

Dentro da ZEC e ZEPA hai zonas de gran valor ecolóxico como a praia e lagoa de Traba, onde desembocan varios regatos como o rego do río Vao e os regos da Rumbada e río de Traba. Estes regatos discorren formando corredores naturais, facilitando o movemento das especies.

A escaseza de urbanización e a presenza de formacións forestais permiten unha boa conectividade da paisaxe protexida con gran parte da Costa da Morte, sobre todo polo extremo oeste do espazo. Como barreiras pódese indicar a existencia de plantacións forestais de eucalipto e piñeiro, e a presenza da rede viaria de baixa entidade (estrada Camariñas-Laxe AC-433) e dalgún núcleo rural (como o de Traba), pero ningunha ten grande entidade.

IX. Identificación de presións e ameazas.

1. Plantacións forestais de rápido crecemento.

A proliferación de plantacións forestais de rápido crecemento, como piñeiro e eucalipto, así como os rebrotes destas especies, está relegando a vexetación autóctona a unha posición residual. Estes monocultivos limitan a ocupación e o desenvolvemento doutras especies vexetais e, polo tanto, tamén da fauna. Supoñen, ademais, un maior risco de incendios. A situación vese agravada nalgunhas zonas pola alta densidade de individuos e a súa proliferación por todo tipo de superficies e pendentes, o que implica unha maior continuidade e progresión dos lumes.

Estas plantacións tamén provocan unha ocultación dos elementos rochosos motivada polo apantallamento producido polas especies forestais (piñeiros e/ou eucaliptos), o que impide observar a media distancia gran número de pedras singulares (verificado a través dunha análise de visibilidade empregando LiDAR 2015-2016 e tamaño de píxel 1 x 1 m). Porén, as matogueiras que circundan os afloramentos rochosos, ao ser de pequeno porte, teñen unha influencia moi limitada.

2. Incendios forestais.

Segundo o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia (Pladiga 2023), os concellos de Laxe e Vimianzo localízanse nunha zona de alto risco de incendios forestais (ZAR). Esta zonificación realízase, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 3/2007, do 9 de abril, a partir de criterios de información histórica e datos estatísticos sobre ocorrencia de incendios forestais, vulnerabilidade da poboación, ameazas aos ecosistemas forestais e protección do solo fronte á erosión.

Segundo os rexistros dos últimos anos, producíronse dous incendios forestais nos últimos anos: un en xuño de 2012, en que resultou afectada unha hectárea de terreo e, máis recentemente, outro en xuño de 2021, en que orden media hectárea. Ademais, na contorna da paisaxe producíronse outros 13 lumes cunha superficie queimada de 3,07 ha.

A ampla superficie ocupada por piñeiro e eucalipto, usualmente de alta combustibilidade, xunto coas plantacións en ladeiras empinadas, incrementan o risco de incendios. A maiores, as plantacións en ladeiras favorecen a dispersión do lume polo efecto cheminea, o cal facilita que acaden con facilidade as partes máis altas dos macizos graníticos.

Nas xeoformas, os lumes facilitan a degradación das rochas mediante procesos de calcinación e dilatación-contracción por contrastes térmicos, contribuíndo á disgregación granular e á fractura dos materiais.

3. Extracción mineira.

A explotación mineira foi historicamente unha das principais ameazas deste espazo. Unha mostra da pegada da minaría a ceo aberto pode observarse nas proximidades da Pedra da Barca, onde se pode ver a zona de corte dunha antiga canteira (ano 1997). Esta actividade implica a destrución dos principais valores deste espazo.

4. Parques eólicos.

A paisaxe protexida atópase dentro dunha área de desenvolvemento eólico (ADE), espazos territoriais susceptibles de acolleren un ou varios parques eólicos dedicados á produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Na contorna existen varios parques eólicos en funcionamento: Pena Forcada Catasol II, Pena Forcada Modificado e o de Monte Redondo, o que supón que a unha distancia inferior aos 5.000 m se atopen 39 aeroxeradores, co correspondente impacto visual.

Ademais, está en tramitación o parque eólico de Pena dos Mouros, que pode ameazar o espazo natural.

5. Especies exóticas.

Constátase a presenza de avespa asiática (Vespa velutina), incluída tanto na Lista de especies exóticas preocupantes para a Unión Europea coma no Catálogo español de especies exóticas invasoras (en adiante, CEEEI).

Tamén está confirmada a presenza de Cortaderia selloana, ou herba da Pampa, e Cotula coronopifolia, ambas recollidas no CEEEI.

Existen outras especies que, ben que non están recollidas en catálogos oficiais como especies exóticas invasoras, si son de procedencia alóxena e contan cun potencial carácter invasor: acacia de tres espiños (Gleditsia triacanthos), hedra do Cabo (Senecio mikanioides), pasto de San Agustín (Stenotaphrum secundatum), musgo cacto (Campylopus introflexus) e escirpo bonaerense (Eleocharis bonariensis).

6. Vertedoiros incontrolados.

No interior da paisaxe protexida observáronse verteduras de enrullo e doutros restos.

7. Acceso de vehículos motorizados.

A circulación de vehículos de motor ten lugar nos tramos de acceso de maior anchura que rodean e cruzan a paisaxe protexida, os cales presentan fochancas como consecuencia do tráfico rodado. Nas entradas ao espazo constatouse o paso de tractores e o estacionamento de vehículos todoterreo. Nos camiños interiores obsérvanse pegadas de rodeiras de vehículos de motor.

8. Cambio climático.

Unha análise realizada por MeteoGalicia para este espazo conclúe que o valor medio da temperatura máxima aumentará en 1,1 ºC no período 2031-2060, pasando a ser o aumento de 1,5 ºC no horizonte 2061-2090. Observan a mesma tendencia para o valor medio futuro da temperatura mínima, con incrementos de 1,1 e 1,4 ºC para os mesmos períodos. A temperatura media amosa as mesmas variacións que a mínima (1,1 ºC para 2031-2060 e 1,4 ºC para 2061-2090).

Os días de verán, aqueles con temperatura máxima por riba dos 25 ºC, aumentarán en termo medio en 12,3 días no período 2031-2060, pasando a 16 no horizonte 2061-2090. Os días cálidos (en períodos de 24 horas), nos cales a temperatura media supera o percentil 95, aumentarán nun 12,9 % no período 2031-2060 e nun 14,1 % no 2061-2090.

Por outra banda, as noites frías diminuirán nun 2,5 % no 2031-2060 e aumentarán as noites cálidas nun 13 %. As noites tropicais tamén incrementaranse en 14,8 días de media anual para ese mesmo período, chegando a acadar aumentos de 24,5 días no horizonte 2061-2090.

No relativo ás precipitacións, prevén unha diminución porcentual do 5 % para o período 2031-2060 e do 5-10 % para 2061-2090.

O aumento das temperaturas e a diminución das precipitacións fai que se incremente o risco de lumes forestais e que as canles fluviais reduzan o seu fluxo de auga, o que afecta ao seu caudal ecolóxico e ás funcións ambientais, tanto nos tramos do espazo protexido como augas abaixo.

A variación de temperaturas e a redución das noites frías tamén pode propiciar a entrada e o asentamento de especies florais e fáunicas invasoras que releguen as especies locais.

9. Destrución do parcelario tradicional.

A paisaxe protexida presenta unha serie de características vinculadas a un parcelario de carácter tradicional que poden verse afectadas pola acción antrópica, sobre todo se se produce, nalgún momento, un incremento potencial das súas visitas. Os procesos erosivos activados pola pegada humana, xunto co abandono do rural, poden afectar a determinados elementos deste parcelario como pode ser o caso dos valados de pedra seca. A súa deterioración implica a perda de calidade paisaxística.

X. Elementos clave de conservación.

Os elementos clave para a xestión do espazo protexido deben ser aqueles valores naturais polos cales foi declarado paisaxe protexida. Estes están constituídos polas formacións xeomorfolóxicas que conforman o macizo dos Penedos de Pasarela e Traba.

TÍTULO I

Obxectivos

Artigo 1. Obxectivos xerais e obxectivos específicos

O establecemento dos obxectivos xerais deriva dos recollidos no artigo 6 do decreto de declaración deste espazo (Decreto 294/2008, do 11 de decembro), que son desenvolvidos a través de obxectivos específicos:

Obxectivo xeral 1: conservación do patrimonio natural.

a) En xeral, a conservación e a protección dos elementos desta paisaxe.

b) De maneira especial, a protección e a conservación dos penedos que integran e son motivo de declaración desta paisaxe protexida.

Obxectivos específicos:

1.1. Protexer e conservar os penedos que integran a paisaxe protexida.

1.2. Conservar, rexenerar ou incrementar o valor ecolóxico dos hábitats naturais e seminaturais.

1.3. Facilitar a visión panorámica desde a paisaxe protexida.

1.4. Promover un uso racional e sustentable dos recursos naturais e paisaxísticos.

Obxectivo xeral 2: protección do patrimonio cultural.

a) En xeral, a conservación e a protección dos elementos etnolóxicos da paisaxe.

Obxectivos específicos:

2.1. Protexer e conservar o patrimonio cultural, constituído por elementos arqueolóxicos, como o xacemento da Torre da Moa ou os valados tradicionais.

2.2. Promover un uso racional e sustentable dos recursos culturais.

2.3. Conservar a toponimia, nomes das xeoformas e lendas vinculadas á paisaxe protexida.

Obxectivo xeral 3: fomento do coñecemento, investigación e educación.

a) Fomentar o coñecemento da paisaxe protexida e o respecto aos seus valores naturais.

b) Promover a realización de programas de investigación e de educación ambiental.

Obxectivos específicos:

3.1. Promover a realización de programas de investigación.

3.2. Mellorar a concienciación ambiental da sociedade.

3.3. Divulgar sobre a riqueza xeomorfolóxica e paisaxística.

Obxectivo xeral 4: fomento dun desenvolvemento sustentable e da relación cos/coas habitantes e persoas visitantes.

a) Promover un desenvolvemento económico e turístico desta zona que sexa compatible e respectuoso co medio natural.

b) Conseguir unha relación harmoniosa dos habitantes desa zona co medio natural.

Obxectivos específicos:

4.1. Favorecer un desenvolvemento turístico sustentable.

4.2. Corrixir os impactos negativos na paisaxe protexida.

4.3. Ordenar o acceso á paisaxe protexida e as actividades que se desenvolvan nela.

TÍTULO II

Zonificación

Artigo 2. Consideracións xerais

O valor xeomorfolóxico do espazo é o principal motivo polo que se declararon os Penedos de Pasarela e Traba como paisaxe protexida. As distintas formas xeolóxicas distribúense por toda a súa extensión, alternándose maioritariamente con masas de piñeiros e eucaliptos, mato e algunha representación de bosques naturais e seminaturais, e prados. Debido á ampla distribución espacial dos elementos clave de conservación, a súa homoxeneidade e que o espazo non abrangue unha gran superficie, non se considera necesario o establecemento dunha zonificación para a mellora da súa xestión.

TÍTULO III

Directrices e normas

CAPÍTULO I

Directrices e normativa xeral

Artigo 3. Disposicións xerais

1. Con carácter xeral, os usos e actividades que se desenvolverán na paisaxe protexida ateranse ao establecido nos artigos 68 a 71 da Lei 5/2019, do 2 de agosto. Igualmente, e en relación coa flora e fauna silvestre, a normativa que se vai aplicar con carácter xeral será a recollida na mesma lei, así como na Lei 42/2007, do 13 de decembro.

2. Calquera proxecto, uso, actividade ou aproveitamento que se pretenda realizar no monumento natural e non recollido explicitamente nos artigos deste decreto, debe entenderse sometido aos criterios establecidos nos artigos 69 a 71, ambos incluídos, da Lei 5/2019, do 2 de agosto, para determinar o réxime xurídico aplicable, de conformidade co establecido no artigo 68.

3. As solicitudes de autorización deberán presentarse cunha antelación mínima de tres meses. Deberán incluír unha explicación do uso ou actividade, así como un estudo das súas afeccións, co seguinte contido mínimo:

a) Antecedentes.

b) Xustificación.

c) Descrición da área de afección e influencia, con explicación e cartografía dos elementos naturais.

d) Análise das afeccións sobre o espazo e sobre os seus elementos clave de conservación que terá en conta os efectos acumulativos en relación con outros usos e actividades que se desenvolvan no mesmo espazo, así como a súa afección á conectividade.

e) Proposta de medidas preventivas e correctoras.

f) No caso de intervencións ou cambios de uso en bens de interese cultural e catalogados ou no seu contorno de protección, autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural ou certificación dese organismo de non necesitar autorización por estar incluída nas excepcións establecidas na Lei 5/2016, do 4 de maio.

4. No caso de non percibirse unha afección apreciable poderase autorizar o plan, proxecto, programa, uso ou actividade. Na dita autorización poderán establecerse restricións, condicionantes e/ou medidas correctoras ou compensatorias que favorezan o desenvolvemento sustentable das actividades, usos e aproveitamentos, tendo en conta as directrices establecidas neste plan.

5. En consonancia co establecido no artigo 85 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, no caso de preverse unha afección apreciable, o proxecto someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións e procederase de forma análoga co disposto nos números 2 e 3 do artigo 84 para os espazos da Rede Natura 2000.

6. O sentido do silencio tanto das autorizacións, así como o informe preceptivo e vinculante da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural será negativo, de acordo co artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 4. Directrices

1. As directrices son vinculantes en canto aos seus fins. Corresponde aos distintos departamentos das administracións públicas, segundo o ámbito das súas competencias, establecer e aplicar medidas concretas para a conservación do espazo. Tamén son vinculantes para a realización dos informes e autorizacións por parte da consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural.

2. A xestión do espazo terá como obxectivo alcanzar un nivel de conservación adecuado dos elementos clave que motivaron a súa declaración, baseándose nos principios de cautela e de acción preventiva, e terán prioridade sobre calquera outra actividade que se poida levar a cabo na paisaxe protexida.

3. Preservarase a integridade das estruturas xeolóxicas, xeomorfolóxicas e unidades morfolóxicas, e evitaranse aquelas actividades que puidesen producir alteracións ou modificacións do seu volume ou perfil.

4. Evitaranse todas aquelas actuacións que modifiquen ou alteren a calidade da paisaxe de xeito significativo e que ocasionen unha perda de identidade e individualidade paisaxística, evitando elementos que supoñan un elevado impacto visual derivado da súa localización, materiais empregados ou por causa das texturas e cores utilizadas.

5. Na xestión dos recursos naturais primará o desenvolvemento sustentable, de xeito que o seu aproveitamento produza un beneficio para as xeracións actuais e manteña as súas potencialidades para as xeracións futuras.

6. Os instrumentos de xestión forestal terán como obxectivos prioritarios a protección do medio e a conservación dos ecosistemas forestais autóctonos. Tentarán compatibilizar os distintos usos tradicionais coa conservación dos elementos clave de conservación, na procura dunha xestión que prime a restauración, mellora e aproveitamento sustentable e ordenado dos montes, e diminúa o efecto de apantallamento sobre os elementos clave de conservación do espazo.

7. As superficies forestais arborizadas que no momento da entrada en vigor deste plan estean poboadas por especies forestais alóxenas, poderán seguir sendo explotadas en sucesivas quendas sempre e cando non se realicen cambios de especie, salvo cando os ditos cambios supoñan a transformación de eucaliptais en piñeirais ou cando, tras a rexeneración, se creen masas de frondosas do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

8. Fomentarase o incremento da superficie forestal arborada favorecendo a rexeneración ou repoboación con especies autóctonas e a adopción de boas prácticas ambientais.

9. Se se leva a cabo unha forestación ou reforestación utilizaranse as técnicas que menos alteren o perfil do solo e que sexan respectuosas co resto dos valores naturais, minimizando a acción previa sobre o mato e os procesos erosivos. Ademais, procurarase que sexa o menos xeométrica posible, evitando as liñas rectas para tentar conseguir, con tratamentos silvícolas posteriores, formas o máis naturais posibles.

10. Fomentarase a custodia do territorio mediante acordos entre entidades de custodia e propietarios/as de terreos privados ou públicos que teñan por obxectivo principal o aumento da vexetación arbórea autóctona e a redución do efecto de apantallamento sobre os elementos clave de conservación e sobre as vistas panorámicas.

11. Os plans de prevención de incendios e medidas asociadas (puntos de auga, rozas, devasas…) deben ter en conta as áreas con presenza de elementos clave de conservación evitando danos e buscando a alternativa máis satisfactoria posible.

12. Potenciarase a realización de actuacións que faciliten a prevención de incendios como o mantemento e adecuado estado de limpeza da rede de sendas, pistas, devasas, que deberán minimizar o seu impacto ambiental e ser compatibles cos obxectivos de conservación das estruturas xeomorfolóxicas, paisaxe e solos. Así mesmo, favoreceranse outras accións e actuacións que faciliten a prevención, vixilancia, detección e extinción de incendios.

13. No caso de perda da superficie vexetal como resultado dun incendio efectuarase, se é necesario, a restauración da cuberta vexetal no menor prazo de tempo que as condicións naturais o permitan. Así mesmo, loitarase por evitar a expansión do eucalipto cara a zonas onde non estivese presente anteriormente.

14. Os aproveitamentos cinexéticos deberán garantir un uso racional e sustentable dos recursos, así como a súa compatibilidade con outros usos e actividades que se desenvolvan no espazo, en especial os de uso público.

15. Promoverase un uso público socioambientalmente sustentable da zona, de xeito que se eviten ou minimicen afectacións á xeodiversidade e aos servizos ecosistémicos.

16. As actividades de uso público deberán ter un compoñente educativo, de aprendizaxe, de integración social e cultural, de fomento do benestar e a saúde, de deporte ao aire libre non motorizado, de tranquilidade e contemplación, potenciando o seu valor como servizo ecosistémico. Buscarán promover actitudes de respecto ao medio natural, en xeral, e a adquisición dun maior grao de conciencia sobre a problemática ambiental.

17. Promoveranse acordos con colexios, institutos, etc. para a organización de actividades de educación ambiental relacionadas con este espazo natural.

18. Buscarase a mellora da calidade de vida dos seus habitantes da área de influencia socioeconómica mediante a adopción de medidas de dinamización e desenvolvemento económicos.

19. A conectividade ecolóxica será un aspecto prioritario a ter en conta cando se leven a cabo actuacións que impliquen mudanzas nos usos do solo.

20. Os plans, programas e proxectos sometidos a avaliación ambiental deberán seguir o establecido no artigo 8 do Decreto 294/2008, do 11 de decembro.

21. Os estudos sobre potenciais procesos erosivos, realizados no marco da redacción de documentos de ordenación que se executen sobre a paisaxe, terán importante relevancia, dados os condicionantes especiais da zona.

22. Promocionarase o coñecemento dos valores naturais e culturais mediante iniciativas coordinadas coas administracións, a comunidade científica e a poboación local.

23. Procurarase que nos puntos de luz esta non sexa branca. Para minimizar a dispersión lumínica, as luminarias non emitirán luz por encima do plano horizontal que pasa polo centro da lámpada.

24. Garantirase a salvagarda dos valores culturais dos bens do patrimonio cultural, a súa integración coas previsións establecidas nas súas delimitacións, contornos de protección e zonas de amortecementos, de ser o caso, así como a súa función no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable, e o respecto á toponimia oficialmente aprobada.

25. Nas obras de reparación, conservación e rehabilitación necesarias para o mantemento do bo estado de valados e peches deberán empregarse materiais tradicionais do medio en que están localizados e o máis integrados posible coa contorna.

26. Levarase a cabo un seguimento e control da correcta execución das accións especificadas neste plan, así como o seguimento do cumprimento da normativa de aplicación, co obxecto de avaliar axeitadamente o cumprimento dos obxectivos de conservación do espazo.

27. Na análise das actuacións consideradas como sometidas a autorización dentro da paisaxe protexida terase en conta a súa incidencia na calidade paisaxística do espazo. A este respecto, poderán tomarse como referencia as guías de boas prácticas editadas polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Ademais, o órgano con competencias en materia de paisaxe velará por que non se reduza a calidade paisaxística dos puntos de observación propostos no plan de xestión.

28. Nos usos e actividades terase en conta a perspectiva de xénero, fomentando a incorporación das mulleres en medidas de dinamización, desenvolvemento e participación.

29. Evitarase o uso de imaxes estereotipadas ou linguaxe non inclusiva na documentación xerada sobre a paisaxe protexida.

Artigo 5. Exclusión de actividades

Os seguintes usos e actividades non poderán desenvolverse dentro do espazo protexido:

1. Actividades extractivas, incluídas a explotación mineira, as canteiras de extracción de agregados ou terras, así como os establecementos ligados ás ditas actividades, salvo aquelas a que fai referencia a disposición adicional segunda do Decreto 294/2008, do 11 de decembro.

2. Aproveitamentos de enerxía eólica, fotovoltaica ou hidroeléctrica.

3. Actividades industriais.

CAPÍTULO II

Normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais

Artigo 6. Usos e actividades agroforestais

1. Usos e actividades permitidos:

a) Os aproveitamentos madeireiros, sempre que sexan realizados conforme as condicións establecidas na Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e sempre tras a presentación da declaración responsable.

b) Os aproveitamentos de leña nas masas arborizadas por parte das persoas propietarias, destinados ao autoconsumo e ao uso doméstico, que non sexan obxecto de comercialización sen superar os límites de volume anual por propietario/a de acordo coa normativa sectorial vixente e se sigan os condicionantes indicados no punto 9 do anexo II da Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

c) A recollida de follaxe, cogomelos, e pequenos froitos por parte dos propietarios dos montes para o seu propio aproveitamento. Non se considerará como uso permitido o aproveitamento das especies silvestres de interese para a conservación.

d) As cortas de arboredo de obrigada execución das especies da disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, sempre que non afecten os elementos clave de conservación do espazo.

e) Os labores de prevención e defensa contra os incendios forestais establecidos no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito forestal, se o dito plan foi autorizado pola consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural.

2. Usos e actividades autorizables:

a) Os proxectos de ordenación, documentos simples de xestión e documentos compartidos de xestión, incluíndo as súas modificacións.

b) O emprego de herbicidas, biocidas, pesticidas ou calquera outro produto fitosanitario permitido nas guías de Xestión integrada de pragas desenvoltas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para espazos forestais con coníferas (ISBN: 978-84-491-1581-3), eucaliptos (ISBN: 978-84-491-1430-4) e cultivos herbáceos de leguminosas (ISBN: 978-84-491-1574-5).

c) Os aproveitamentos madeireiros que non cumpran as condicións establecidas na Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e non estean incluídos nun proxecto de ordenación, documento simple de xestión ou non conten cun documento aprobado de ordenación forestal.

d) As novas plantacións tras o aproveitamento, sempre que cumpran co establecido na disposición transitoria novena da Lei 11/2021, do 14 de maio, e sempre e cando non se realicen cambios de especie, salvo cando os ditos cambios supoñan a transformación de eucaliptais en piñeirais ou cando, tras a rexeneración, se creen masas de frondosas do anexo I da Lei 7/2021, do 2 de xuño.

e) A apertura de vías de saca temporais.

f) A instalación de colmeas.

g) Os cambios de uso forestal a agrícola e viceversa.

h) O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito forestal ou os labores de prevención contra os incendios forestais, se os ditos labores non están incluídos no plan autorizado.

3. Usos e actividades prohibidas:

a) As novas plantacións forestais con especies alóxenas.

b) As cortas a feito sobre formacións arborizadas naturais e, especialmente, sobre aquelas incluídas dentro do anexo I da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

c) O depósito de materiais sobrantes de cortas ou doutros aproveitamentos forestais sobre os elementos clave de conservación do espazo.

Artigo 7. Usos e actividades cinexéticas

1. Usos e actividades permitidas:

a) Con carácter xeral, están permitidas as actividades de caza reguladas pola súa normativa sectorial e aprobadas no correspondente plan de ordenación cinexética, agás as indicadas nos dous puntos seguintes.

2. Usos e actividades autorizables:

a) A introdución, solta ou translocación de especies de fauna autóctona.

3. Usos e actividades prohibidos:

a) A introdución, solta ou translocación de especies de fauna alóxena.

b) As infraestruturas de uso público descritas nesta plan terán a consideración de vías de uso público para os efectos do establecido no artigo 42.2 da Lei 13/2013, do 23 de decembro. Para este efecto, será de aplicación a prohibición do exercicio da caza nas zonas de seguridade previstas no seu artigo 43 (circular con armas cargadas, empregalas ou disparar en dirección a elas de modo que poidan ser alcanzadas, con perigo para as persoas e os seus bens).

Artigo 8. Infraestruturas

1. Actuacións permitidas:

a) A reposición de sinais mantendo a mesma tipoloxía e contido.

2. Actuacións autorizables:

a) A alteración dos cursos de auga.

b) A realización de muros de contención, peches ou valados de predios, así como as obras de reparación, conservación e rehabilitación que se consideren precisas para o mantemento en bo estado dos ditos valados e peches.

c) A implantación de novas infraestruturas temporais por razóns estritas de saúde pública, seguridade, auxilio ou por accións directamente relacionadas coa xestión e conservación do lugar, que causen a mínima afección sobre os recursos naturais, xeolóxicos e paisaxísticos.

d) As tarefas de mantemento, conservación e rehabilitación que se consideren precisas para o mantemento en bo estado das infraestruturas lineais. Enténdese por infraestruturas lineais as estradas, camiños, pistas, devasas, sendeiros e todas aquelas con características similares.

e) A demolición, adecuación ou acondicionamento de edificacións e/ou instalacións que se atopen actualmente no espazo.

f) A instalación de novos sinais e a reposición dos existentes, no caso de que se modifique ou actualice a súa tipoloxía e información.

g) A instalación de iluminación exterior unicamente no aparcadoiro do cruzamento do Brañal.

h) As intervencións ou cambio de usos que se pretendan realizar en bens de interese cultural e catalogados, así como no seu contorno de protección.

i) A colocación de indicadores de acceso que conduzan aos compoñentes do patrimonio cultural e etnográfico e mobiliario interpretativo.

3. Actuacións prohibidas:

a) A apertura de pozos e captacións de auga, así como a implantación de infraestruturas de abastecemento, tratamento ou depuración de augas.

b) A realización de novas construcións permanentes.

c) A instalación de invernadoiros, cultivos baixo plástico ou similares.

d) A instalación de infraestruturas de telecomunicacións, tales como antenas ou repetidores.

e) A realización de desmontes e terrapléns.

f) O emprego de materiais para o cerramento de parcelas tales como bidóns, palés, somieres, etc.

g) A eliminación de cerramentos constituídos por sebes arbustivas e árbores, liñas de arboredo, pequenos bosquetes ou muros de pedra tradicionais.

h) A apertura de novas pistas, estradas ou sendeiros salvo por razóns estritas de seguridade, auxilio ou por accións directamente relacionadas coa xestión e conservación da paisaxe protexida.

i) Depósito de materiais, almacenamento e establecemento de parques de maquinaria e exposición de vehículos ao aire libre.

j) A instalación de iluminación exterior, a excepción da precisa para o aparcadoiro do cruzamento do Brañal.

k) A instalación de carteis e outros elementos publicitarios alleos á paisaxe protexida.

CAPÍTULO III

Normas relativas ao uso público, actividades científicas e educativas

Artigo 9. Uso público e actividades deportivas

1. Usos e actividades permitidos:

a) O tránsito a pé, en bicicleta ou de a cabalo polos sendeiros e pistas. Nos sendeiros darase prioridade ás persoas que circulan a pé, a continuación ás cabalerías e logo ás bicicletas, por esa orde.

b) A circulación e o aparcadoiro de vehículos de motor nos lugares habilitados e sinalizados para tal fin: tramo da estrada AC-433 e a vía de acceso ao aparcadoiro do cruzamento do Brañal. Quedan excluídos os vehículos que realicen funcións de xestión, incluíndo a vixilancia, emerxencia, realización de aproveitamentos forestais e os usos amparados polas servidumes e dereitos existentes.

c) Mediante resolución da dirección xeral con competencias en materia de conservación do patrimonio natural, poderase limitar ou restrinxir o acceso ás persoas ou á circulación de vehículos, de forma eventual ou permanente, en calquera sendeiro, pista ou camiño cando exista unha causa xustificada por razóns de conservación dos valores naturais, podendo instalar para este fin as barreiras ou sinalización que considere necesarias.

d) O desenvolvemento de actividades de carácter deportivo, sociocultural e/ou recreativo a título individual realizadas ao aire libre.

e) O tránsito con animais de compañía nos sendeiros habilitados, sempre que dispoñan de sistemas axeitados de suxeición que lles impida saír da senda. Exclúense desta condición os cans que formen parte das explotacións agrícolas existentes na área, así como aqueles empregados para actividades cinexéticas ou os pertencentes aos servizos de emerxencias ou os cans guía.

f) A realización de actividades de fotografía ou filmación de uso particular non asociada a unha actividade comercial nin a traballos de investigación ou divulgación, sempre que non requira ningún outro instrumento adicional e non interfira noutras actividades de uso público.

g) A práctica de escalada e actividades similares na ferida da antiga canteira da explotación Pedra da Barca (baixo a pedra da Cachucha).

h) Nos espazos de uso público cada persoa ou, se é o caso, o titor legal ou responsable autorizado, é a responsable da súa seguridade.

2. Usos e actividades autorizables:

a) A realización de actividades recreativas organizadas como visitas guiadas, itinerarios de sendeirismo ou xogos.

b) Actividades educativas ou de voluntariado en grupo.

c) A realización de competicións, probas, adestramentos e exhibicións deportivas non motorizadas.

d) Actividades profesionais de fotografía, cinematografía e vídeo, televisión ou similares.

e) A escalada en bloque ou boulder fóra da zona da ferida da antiga canteira da explotación Pedra da Barca sen utilizar ningún tipo de ancoraxe ou instalación de elemento fixo sobre os materiais rochosos e sen efectuar ningún tipo de marcaxe nas rochas, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

– Minimizarase o uso de magnesio, recomendándose a utilización de magnesio ecolóxico. Ademais, unha vez finalizada a actividade, retiraranse os restos de magnesio nos bolos. Para iso utilizarase unicamente auga ou, se é o caso, cepillos que non danen a superficie da rocha.

– Non se poderá eliminar a vexetación existente, tanto na zona concreta de escalada como nas súas inmediacións.

– Non se ocuparán espazos destinados ao equipamento de uso público como sendas ou áreas de descanso.

– Respectarase o dereito á propiedade privada.

A escalada poderá permitirse no futuro, logo da delimitación precisa dos sectores e tras unha correcta avaliación do impacto da actividade e cunha comunicación previa. Esta modificación realizárase por instancia de parte e mediante resolución da Administración competente na conservación do espazo.

3. Usos e actividades prohibidas:

a) As actividades e comportamentos que supoñan un perigo ou deterioración para a conservación da paisaxe protexida, que alteren a tranquilidade do espazo natural ou que supoñan unha deterioración da calidade da visita para o resto das persoas asistentes, entre eles:

1º. Destruír ou deteriorar as formacións xeolóxicas senlleiras.

2º. A recolección de elementos rochosos.

3º. Levar a cabo, por calquera procedemento, inscricións, sinais, signos e/ou debuxos en pedras, árbores ou en todo ben moble e inmoble.

4º. O emprego de megáfonos, así como doutros aparellos de son.

5º. Realizar calquera tipo de vertedura, tanto líquida coma sólida.

6º. Facer fogueiras ou prender lume.

7º. Calquera actuación que implique a degradación ou perda do patrimonio histórico, etnográfico ou arqueolóxico.

b) Circular campo a través a pé, en bicicleta ou de a cabalo, incluídos atallos e carreiros non delimitados.

c) A circulación e o aparcadoiro de vehículos de motor, excepto para funcións de xestión, incluíndo a vixilancia, emerxencia, realización de aproveitamentos agroforestais e os usos amparados polas servidumes e dereitos existentes, agás no tramo da estrada AC-433 e a vía de acceso ao aparcadoiro do cruzamento do Brañal e nos lugares habilitados e sinalizados para o aparcadoiro. Tamén quedan excluídos desta limitación os vehículos que conten con autorización do órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural.

d) A práctica de escalada e actividades similares en toda a paisaxe protexida, a excepción da escalada boulder e da escalada na zona da ferida da antiga canteira da explotación Pedra da Barca (baixo a pedra da Cachucha). A escalada boulder non poderá ser realizada dentro dos límites recollidos no contorno de protección do elemento GA15040011 (A Torre da Moa) recollido no Catálogo de patrimonio cultural. Tamén está prohibida a instalación de vías ferratas ou calquera outro elemento relacionado con esta actividade.

e) A realización de actividades deportivas asociadas á bicicleta, tales como four cross, descenso, enduro ou dirt, entre outros.

f) A práctica de deportes, así como outro tipo de eventos relacionados con vehículos de motor.

g) As prácticas de supervivencia, paintball, airsoft e actividades semellantes.

h) A realización de acampada.

i) A venda ambulante.

j) A utilización da imaxe do espazo protexido con fins comerciais, de marca ou accións de identidade gráfica.

Artigo 10. Actividades científicas

1. Actuacións autorizables:

Toda actividade científica, de investigación ou de seguimento e vixilancia efectuadas por persoal cualificado, baixo as seguintes condicións:

a) Xunto coa solicitude deberase presentar unha proposta técnica con información sobre a finalidade da investigación, obxectivos, materiais que se van utilizar, metodoloxía, lugares onde se vai realizar, plan de traballo, duración, persoal interveniente, así como a necesidade de montar algún tipo de estrutura. Esta proposta debe estar suficientemente desenvolvida, de xeito que permita verificar a incidencia da actividade sobre o medio (formacións xeolóxicas, paisaxe, medios ecolóxicos, hábitats protexidos e especies de interese para a conservación, patrimonio cultural).

b) O órgano autonómico competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá propoñer que a realización das actividades científicas se faga nunha zona ou nunha área concreta da paisaxe protexida ou, se é o caso, denegar a autorización para a súa execución ou establecer condicionantes.

c) Deberase informar das datas de iniciación e finalización dos traballos de campo, así como de calquera anomalía producida durante a investigación que poida ter repercusións sobre os valores naturais do espazo.

d) Posteriormente deberase presentar unha memoria final na cal se expoñerán os traballos realizados, así como os seus resultados.

e) A consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, poderá pedir, logo da solicitude dalgunha actividade científica ou durante o transcurso da actividade, información detallada sobre os labores de investigación e establecer medidas preventivas ou limitacións sobre a recollida, captura, extracción ou sobre os métodos de estudo, co fin de asegurar o mantemento do estado de conservación dos hábitats ou das especies obxecto da investigación.

f) Só poderán ser outorgados permisos de investigación que afecten o estado de conservación de hábitats ou especies presentes no espazo natural, cando sexan estritamente necesarios para a súa xestión e cando non existan alternativas para a súa realización con outros métodos de menor impacto ou en áreas non integradas no espazo natural.

Para a realización de actividades científicas ou de investigación poderanse outorgar permisos especiais para o transporte de material e persoas pola paisaxe protexida. Igualmente, poderase autorizar a instalación de infraestruturas necesarias en áreas non habilitadas para tal fin, con carácter temporal e con impacto visual e ecolóxico mínimo.

A persoa responsable das investigacións deberá proceder aos traballos necesarios para a restauración das condicións naturais que houbese con anterioridade.

2. Actuacións prohibidas:

a) Deixar pegadas permanentes como resultado das actividades de investigación ou seguimento que vaian en detrimento dos valores naturais e culturais.

b) Introducir especies ou subespecies, así como xenotipos diferentes aos existentes no espazo natural.

TÍTULO IV

Programa de actuacións

Artigo 11. Temporalidade e prioridade das actuacións

As actuacións desenvolveranse en tres fases, cada unha cunha temporalidade e prioridade diferenciadas:

1. Primeira fase: prioridade alta, para realizar antes dos 5 anos (A).

2. Segunda fase: prioridade media, para realizar nun período de 5-10 anos (M).

3. Terceira fase: prioridade baixa, realizable nun período maior de 10 anos (B).

4. Continua no tempo: sen prioridade, actuación continua no tempo (CT).

Artigo 12. Programa

Obxectivo xeral 1: conservación do patrimonio natural

1.A. Elaboración dun plan de acción da paisaxe para os Penedos de Pasarela e Traba

O plan de acción da paisaxe é unha obriga establecida no artigo 12 da Lei 7/2008, do 7 de xullo. Este plan axustarase ás determinacións contidas nas directrices da paisaxe, de conformidade cos obxectivos de calidade paisaxística, e incluirá unha proposta de medidas para o mantemento, mellora, recuperación ou rexeneración da paisaxe protexida.

Obxectivos operativos a que dá resposta: 1.1., 1.2., 1.3. e 1.4.

Acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 30.000 €

Responsable da actuación: Instituto de Estudos do Territorio.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia.

1.B. Naturalización e fomento da biodiversidade, da mellora paisaxística e da conectividade do espazo protexido mediante a plantación de especies autóctonas

A actuación prevé o cambio de repoboacións de eucalipto e formacións de piñeiros cara á vexetación autóctona. Esta actuación poderá levarse a cabo mediante convenios de custodia do territorio ou a través de axudas, e buscará dar prioridade a aqueles exemplares que supoñan un apantallamento dos elementos clave de conservación, así coma sobre os miradoiros, e os que melloren a conectividade do espazo.

Igualmente, poderanse retirar masas arbóreas de especies alóxenas en zonas susceptibles de ser afectadas por lumes forestais.

De cara á mellora da conectividade coa ZEC e ZEPA máis próximas, esta actuación poderá ser levada a cabo fóra dos límites da paisaxe protexida.

Obxectivos operativos a que dá resposta: 1.2., 1.4.

Periodicidade bianual

Prioridade: continua

Custo estimado: 20.000 €/ ano

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder.

1.C. Establecemento dun programa de seguimento e erradicación de especies exóticas invasoras

Terá a finalidade de eliminar as especies exóticas invasoras presentes tanto na paisaxe protexida coma na súa contorna próxima, sobre todo nas áreas que conectan coa ZEC e ZEPA próximas coa finalidade de mellorar a súa conectividade.

Efectuarase tamén un seguimento regular das zonas afectadas para localizar posibles rebrotes ou novas plantas. Tamén se procurará a busca de novos focos de invasión.

Aínda que nun principio a periodicidade será bianual, en función do seguimento pode decidirse a ampliación o redución do dito período.

Obxectivos operativos a que dá resposta: 1.2., 1.4.

Periodicidade: bianual

Prioridade: continua

Custo estimado: 12.000 €/ ano

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder.

1.D. Seguimento para a detección temperá de especies alóxenas e a súa erradicación, en especial daquelas que teñan un comportamento invasor

De forma similar que coas especies exóticas invasoras, levarase a cabo tanto na paisaxe protexida coma na súa contorna próxima, sobre todo nas áreas que conectan coa ZEC e ZEPA próximas e implicará un seguimento regular.

Ao igual que na actuación 1.B., poderanse retirar masas arbóreas de especies alóxenas en zonas susceptibles de ser afectadas por lumes forestais.

Obxectivos operativos a que dá resposta: 1.2., 1.3.

Periodicidade: bianual

Prioridade: continua

Custo estimado: 5.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder.

Obxectivo xeral 2: protección dos patrimonios cultural e inmaterial

2.A. Promover o inventariado da toponimia e das lendas asociadas ao espazo

O nome propio dos lugares dá información sobre os elementos do territorio constitutivos de ser bens do patrimonio natural. Moitos destes topónimos poden ter un significado axeitado á realidade física e funcionan como sinais de identidade colectiva. Tamén resulta de interese a recompilación de lendas de tradición oral do folclore galego.

O estudo estará centrado, sobre todo, no termo municipal de Laxe, dado que xa existen investigacións previas no concello de Vimianzo que serán recollidas e analizadas.

Obxectivos operativos a que dá resposta: 2.1., 2.2., 2.3.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: baixa

Custo estimado: 6.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia.

2.B. Promover o estudo arqueolóxico da Torre da Moa e a súa contorna

Existen diferentes referencias sobre o patrimonio arqueolóxico que esconde A Torre da Moa, desde Aras Sestianas ata cimentos dun castelo.

Co fin de esclarecer este punto, promoverase o estudo arqueolóxico da zona e poranse en valor os posibles achados.

Obxectivos operativos a que dá resposta: 2.1.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: baixa

Custo estimado: 15.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia.

Obxectivo xeral 3: fomento do coñecemento, investigación e educación

3.A. Estudo sobre os posibles efectos do cambio climático sobre a conservación dos Penedos

O artigo 24.4 da Lei 7/2021, do 20 de maio, establece que na actualización e revisión dos plans ou instrumentos de xestión dos espazos naturais protexidos incluirán unha epígrafe sobre a súa adaptación ao cambio climático cun diagnóstico que inclúa unha lista de especies e hábitats especialmente vulnerables, obxectivos, accións e indicadores de progreso e cumprimento.

Na actualidade a información sobre afeccións do cambio climático sobre estas formacións graníticas e a súa vexetación asociada é escasa.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: baixa

Custo estimado: 15.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 3.1., 3.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia, Feder, Feader.

3.B. Actividades divulgativas nos centros escolares da comarca

Estas actividades focalizaranse preferentemente na relevancia da conservación do patrimonio natural en xeral, e dos valores paisaxísticos e xeomorfolóxicos que caracterizan os Penedos de Pasarela e Traba, en particular. Poden realizarse tanto nos propios centros coma por medio de visitas á zona.

Periodicidade: anual

Prioridade: continua

Custo estimado: 2.000 €/ ano

Obxectivos operativos a que dá resposta: 3.2., 3.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Concello de Laxe, Concello de Vimianzo.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e dos concellos de Laxe e Vimianzo, Feader.

3.C. Xornadas de sensibilización para a poboación

Esta actuación busca achegar a poboación ao seu ámbito natural, coa finalidade de favorecer o seu coñecemento e aumentar a súa valoración positiva sobre o espazo, de maneira que sexa posible lograr unha maior sensibilización e implicación en su conservación.

Periodicidade: anual

Prioridade: continua

Custo estimado: 2.000 €/ ano

Obxectivos operativos a que dá resposta: 3.2., 3.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Concello de Laxe, Concello de Vimianzo.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e dos concellos de Laxe e Vimianzo, Feader.

3.D. Organización de visitas guiadas acompañadas dunha persoa especialista en xeoloxía

Coas visitas preténdese a mellora do coñecemento da cidadanía sobre os valores naturais da paisaxe protexida, os procesos da súa formación, así como os principais riscos e ameazas para a súa conservación.

Periodicidade: anual

Prioridade: continua

Custo estimado: 2.000 €/ ano

Obxectivos operativos a que dá resposta: 3.2., 3.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Concello de Laxe, Concello de Vimianzo.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e dos concellos de Laxe e Vimianzo, Feader.

3.E. Creación de novo material divulgativo sobre a paisaxe protexida

Ten como finalidade dar a coñecer tanto os procesos que deron lugar este espazo, coma os seus valores xeomorfolóxicos e o seu patrimonio cultural. Engadirase, ademais, outro tipo de información de interese para as visitas, como as rutas e as vías de acceso á paisaxe, coa finalidade de ordenar e facilitar o tránsito polo espazo protexido.

Este material estará dispoñible para a súa descarga na web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no espazo reservado á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

Periodicidade: cada 10 anos

Prioridade: media

Custo estimado: 3.500 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 3.2., 3.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Concello de Laxe, Concello de Vimianzo, Axencia de Turismo de Galicia, Instituto de Estudos do Territorio.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e dos concellos de Laxe e Vimianzo, Feader.

3.F. Colaboración con outras administracións públicas, así como con asociacións e cidadáns/ás para actividades de conservación, mantemento e divulgación do espazo protexido

Dando un paso cara á gobernanza participativa, tentaranse levar a cabo diversas actuacións coas distintas administracións con competencias no espazo protexido, así como coa cidadanía, mediante fórmulas como o voluntariado, a custodia do territorio ou semellantes.

Periodicidade: acción continua

Prioridade: continua

Custo estimado: 1.000 €/ano

Obxectivos operativos a que dá resposta: 3.2., 3.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e dos concellos, Feader, FSE.

3.G. Elaboración dun estudo en profundidade sobre a conectividade ecolóxica do espazo

Mediante este estudo realizarase unha análise pormenorizada da conectividade ecolóxica existente entre a zona dos Penedos e outros espazos protexidos próximos.

Periodicidade: actuación puntual

Prioridade: media

Custo estimado: 15.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 1.2., 3.1.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, Feader, Feader.

3.H. Realización dunha análise sobre a situación das mulleres na paisaxe protexida e elaboración dunha proposta de indicadores de xénero para a protección dos elementos clave de conservación polos que se declarou a paisaxe protexida.

De cara a dar cumprimento ao establecido no artigo 61 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e ao VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, de cara a garantir plenamente a igualdade de oportunidades, resulta necesario que o órgano con competencias en materia de perspectiva de xénero elabore unha análise específica da situación actual das mulleres na paisaxe protexida, análise que conte cunha proposta de indicadores de xénero que se incluirán no seguimento do estado de conservación dos elementos claves de conservación polos que se declarou este espazo protexido.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: media

Custo estimado: 3.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: ___

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia.

Obxectivo xeral 4: fomento dun desenvolvemento sustentable e da relación cos habitantes e persoas visitantes

4.A. Habilitación dunha área destinada a aparcadoiro na zona do cruzamento do Brañal (parcela con referencia catastral 15041A031001330000FZ)

Inclúe saneamento previo, limpeza e reparación da superficie, compactado do firme, formación de cuneta perimetral e creación de dous puntos de acceso.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 15.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.3.

Responsable da actuación: Concello de Laxe.

Posible fonte de financiamento: medios propios do Concello de Laxe.

4.B. Mantemento e mellora do firme das vías

Periodicidade: bianual

Prioridade: continua

Custo estimado: 10.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.2., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Concello de Laxe, Concello de Vimianzo

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, dos concellos de Laxe e Vimianzo

4.C. Inclusión de dous puntos de observación como miradoiros do Catálogo das paisaxes de Galicia: Atalaia e Pico das Gallas

Trátase de dous puntos de observación con boa calidade paisaxística e panorámica e que ademais contan cun acceso máis doado que A Torre da Moa, o que permitiría o seu desfrute por parte dun sector máis amplo da poboación.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 3.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.3.

Responsable da actuación: Instituto de Estudos do Territorio.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia.

4.D. Deseño e instalación de paneis interpretativos das vistas panorámicas nos puntos de maior amplitude visual e paisaxística: Atalaia, A Torre da Moa e Pico das Gallas

Proporcionarase información sobre os principais puntos de observación para facilitar a interpretación da paisaxe e da natureza.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: media

Custo estimado: 1.500 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, Feder, Feader.

4.E. Sinalización do xacemento arqueolóxico da Torre da Moa

Instalación dun panel informativo coas principais características deste xacemento.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 500 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, Feder, Feader.

4.F. Labores de limpeza e mantemento das infraestruturas de uso público e roza de vexetación na contorna dos Penedos para facilitar a súa visualización

Centradas fundamentalmente en:

• Lograr que as pistas forestais e os sendeiros estean limpos de vexetación e en bo estado de conservación.

• Facer visibles os Penedos para que non queden ocultos pola vexetación.

Estas actuacións poderán levarse a cabo a través da liña de axudas proposta.

Periodicidade: anual

Prioridade: continua

Custo estimado: 2.500 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.2., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Concello de Laxe, Concello de Vimianzo.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e dos concellos, Feder, Feader.

4.G. Colocación de novos paneis interpretativos no comezo das rutas de sendeirismo

Colocaranse paneis naqueles puntos en que se detectou a súa necesidade co obxectivo de mellorar a interpretación do espazo. Contarán con información de interese descargable (URL e códigos QR).

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 1.500 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, Feder, Feader.

4.H. Sinalización de cruzamentos de rutas

Ten como finalidade facilitar o percorrido e evitar perdas naquelas zonas en que se detectou escaseza de información sobre a ruta que hai que seguir.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 1.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Axencia de Turismo de Galicia, concellos.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e concellos, Feder, Feader.

4.I. Sinalización de paisaxe protexida

Situaranse sinais nas estradas AG-55, AC-552, AC-432 e AC-433 para facilitar información sobre os puntos de acceso ao espazo protexido.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 1.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Axencia de Turismo de Galicia, concellos.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e dos concellos, Feder, Feader.

4.J. Comprobación do estado de conservación e da información contida na sinalización

Permitirá verificar o estado de conservación dos carteis e da súa información; deste xeito poderanse retirar aqueles carteis que se atopen en mal estado ou con información obsoleta. En caso de considerarse conveniente, procederase á súa substitución con información actualizada.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 1.500 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.1., 4.2., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Axencia de Turismo de Galicia, concellos.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e concellos, Feder, Feader.

4.K. Mellora da accesibilidade ao miradoiro da Torre da Moa

Elaboración dun estudo de alternativas ambientalmente viables para a mellora da accesibilidade ao miradoiro da Torre da Moa. Inclúe a súa execución no caso de observar unha solución axeitada.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 15.000 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.2., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, Feder, Feader.

4.L. Eliminación de puntos de vertedura

Aínda que a vertedura de materiais é unha actividade prohibida na paisaxe protexida, en determinadas ocasións puntuais observouse a presenza de refugallos no interior do espazo. Esta actuación prevé a súa eliminación.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: alta

Custo estimado: 1.500 €

Obxectivos operativos a que dá resposta: 4.2.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural e concellos.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia e concellos, Feder.

4.M. Realización da tramitación necesaria para a inclusión da paisaxe protexida dentro das liñas de axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, e á sensibilización ecolóxica

Coa finalidade de axudar tanto ás persoas titulares dos terreos que forman parte da paisaxe protexida, como aos concellos que teñan superficie dentro deste espazo, levarase a cabo a tramitación que resulte necesaria para a inclusión deste espazo natural protexido na liña de axudas actualmente vixente.

Esta orde conta con catro liñas de actuacións para as seguintes finalidades:

• Conservación, restauración e mellora da biodiversidade.

• Mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna.

• Recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais.

• Creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.

Periodicidade: unha vez instaurada a liña de axudas será convocada cada 2 anos.

Prioridade: alta

Custo estimado: a tramitación non leva custo asociado. O investimento na paisaxe protexida dependerá do número de solicitudes aprobadas. O importe anual das axudas actualmente ascende a 1.400.000 €.

Obxectivos operativos a que dá resposta: 1.1., 1.2., 1.3., 1.4., 4.1., 4.2., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, Feader, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

4.N. Estudo sobre a escalada boulder na paisaxe protexida

Estudo dos sectores en que se realiza e das posibles afeccións sobre os Penedos.

Periodicidade: actuación puntual

Prioridade: media

Custo estimado: 5.000 €

Obxectivos a que dá resposta: 1.3., 1.4., 4.1., 4.2., 4.3.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Xunta de Galicia, Feder, Feader.

TÍTULO V

Seguimento e avaliación

Artigo 13. Seguimento

Para avaliar o cumprimento do plan de xestión e a evolución do estado de conservación dos elementos clave de conservación, establécense unha serie de indicadores vinculados aos obxectivos de conservación. Estrutúranse con base nas seguintes categorías:

1. Indicadores para a mellora ecolóxica e paisaxística do espazo:

1

Parcelas en que se implantaron especies autóctonas

• Descrición: parcelas acordadas temporal ou permanentemente polo órgano xestor ou concellos para acadar unha mellora da presenza de vexetación autóctona (por custodias do territorio, axudas,...)

• Unidade de medida: número de parcelas e superficie (ha).

• Fonte de datos: órgano xestor, concellos de Laxe e Vimianzo.

• Método de cálculo: inventario de parcelas conseguidas e/ou ha custodiadas.

• Actualización: quinquenal.

• Valor inicial: 0.

2

Lumes forestais

• Descrición: lumes forestais rexistrados dentro do espazo protexido.

• Unidade de medida: ha.

• Fonte de datos: Consellería do Medio Rural.

• Método de cálculo: número e superficie.

• Actualización: quinquenal.

• Valor inicial: 0 ha.

3

Número de actuacións executadas co obxectivo de eliminar especies exóticas invasoras ou alóxenas

• Descrición: actuacións enfocadas na eliminación de vexetación alóxena.

• Unidade de medida: número de actuacións.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Método de cálculo: número (tamén por superficie).

• Actualización: quinquenal.

• Valor inicial: 0.

2. Indicadores para a mellora do uso público e a sensibilización da poboación:

4

Número de autorizacións solicitadas para a realización de actividades dentro da paisaxe protexida

• Descrición: reconto de solicitudes de autorizacións, tanto das outorgadas como das rexeitadas, para actividades de uso público desenvoltas na paisaxe protexida.

• Unidade de medida: número de autorizacións.

• Fonte de datos: órgano xestor, concellos de Laxe e Vimianzo.

• Método de cálculo: reconto das autorizacións.

• Actualización: anual.

• Valor inicial: -

5

Número de actividades de educación ambiental e/ou sensibilización dirixidas á poboación

• Descrición: reconto de actividades en que a paisaxe protexida é a temática principal.

• Unidade de medida: número de actividades.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Método de cálculo: contabilización das actividades realizadas ou autorizadas.

• Actualización: anual.

• Valor inicial: -

3. Indicadores para a mellora do coñecemento sobre a paisaxe protexida:

6

Número de autorizacións outorgadas para a realización de estudos de investigación

• Descrición: reconto de estudos de investigación coa paisaxe protexida como temática principal.

• Unidade de medida: número de estudos.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Método de cálculo: contabilización dos estudos de investigación sobre o espazo protexido autorizados.

• Actualización: quinquenal.

• Valor inicial: -

7

Número de estudos de investigación realizados polo órgano xestor

• Descrición: reconto de estudos de investigación coa paisaxe protexida como temática principal.

• Unidade de medida: número de estudos.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Método de cálculo: contabilización dos estudos de investigación sobre o espazo protexido realizados.

• Actualización: quinquenal.

• Valor inicial: -

4. Indicadores de execución e cumprimento das normas establecidas:

8

Infraccións

• Descrición: seguimento das denuncias e queixas relativas ás infraccións cometidas no espazo protexido.

• Unidade de medida: número de denuncias.

• Fonte de datos: actas de inspección e procedementos sancionadores.

• Método de cálculo: -

• Actualización: quinquenal.

• Valor inicial: 0

5. Avaliación das accións e obxectivos formulados:

O Servizo de Patrimonio Natural da Dirección Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña avaliará, cunha periodicidade quinquenal, a efectividade das medidas propostas, a normativa en vigor, así como a correcta execución do plan de actuacións, analizando fundamentalmente os seguintes aspectos:

• A eficacia e eficiencia na execución das diversas actuacións.

• O progreso na consecución dos obxectivos propostos.

Esta avaliación entregaráselle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural nun informe que inclúa unha actualización dos cambios no diagnóstico do espazo e unha proposta, se é o caso, de modificación da normativa ou de novas medidas de actuación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file