A base oitava da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 14 de decembro de 2022 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario, dispón que, unha vez realizada polo tribunal a baremación dos méritos achegados polas persoas aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará, no Diario Oficial de Galicia, o anuncio da súa exposición, con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, así como a valoración total da fase de concurso.
Así mesmo, o 23 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de abril de 2024, desta Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se realiza o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área, convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023 (DOG núm. 98, do 25 de maio) para prover postos de difícil cobertura.
A base segunda da dita resolución establece que, no que respecta a outros procesos de selección de persoal fixo na categoría de facultativo especialista de área (na especialidade en que se tome posesión como consecuencia desa resolución) xa convocados e nos cales estean a participar, serán excluídos/as deles no momento en que se produza a dita toma de posesión, dado que non se pode acceder posteriormente á mesma especialidade en que xa se acredita a condición de persoal fixo.
Trátase, en concreto, do concurso-oposición convocado pola dita Resolución do 14 de decembro de 2022 e do concurso de méritos de estabilización convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023).
Con base en todo o anteriormente exposto, esta dirección xeral, como órgano convocante deste proceso selectivo,
RESOLVE:
Primeiro. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) as puntuacións provisionais, correspondentes á fase de concurso, obtidas polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de facultativo/a especialista de área nas especialidades de Alergoloxía, Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Oral e Maxilofacial, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, Cirurxía Torácica, Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Neurocirurxía, Neuroloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Pneumoloxía, Psicoloxía Clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Reumatoloxía, Uroloxía, Xeriatría e nas categorías de médico/a asistencial do 061 e médico/a coordinador do 061, convocados pola Resolución do 14 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023).
Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Segundo. De conformidade coa base oitava da Resolución do 14 de decembro de 2022, contra os resultados da baremación provisional, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións definitivas da fase de concurso, que se efectuará no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Anular todas as actuacións neste proceso selectivo e confirmar a exclusión das persoas que, como consecuencia da referida Resolución do 17 de abril de 2024, desta Dirección Xeral de Recursos Humanos, foron nomeadas e tomaron posesión do destino definitivo adxudicado, ao adquiriren a condición de persoal estatutario fixo nesa mesma especialidade da categoría de facultativo/a especialista de área. A dita listaxe pódese consultar no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
