DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 22 de novembro de 2024 Páx. 61574

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, pola que se fai pública a baremación provisional da fase de concurso.

Pola Resolución do 22 de decembro de 2022 convócase o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2 (DOG núm. 245, do 27 de decembro). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro).

A base IV.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 dispón que os méritos enumerados na súa base IV.1 e IV.2 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que foi o 27 de decembro de 2022. Estes méritos deberán acreditarse de conformidade co procedemento que se estableza por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia núm. 182, do 20 de setembro de 2024, publicouse a Resolución do 12 de setembro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2. O prazo para a acreditación dos méritos estableceuse en dez días e rematou o 26 de setembro de 2024.

A base IV.5 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, rematado o prazo de acreditación de méritos, o tribunal procederá á baremación do concurso coa colaboración técnica que precise do persoal da dirección xeral competente en materia de función pública, así como que, despois de finalizada a fase de baremación, o tribunal publicará o baremo provisional con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron avaliadas de acordo coas previsións contidas na propia base.

De conformidade co exposto, na sesión que tivo lugar o 18 de novembro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 14 de decembro de 2023 (DOG núm. 240, do 20 de decembro), modificada pola Resolución do 18 de xullo de 2024 (DOG núm. 143, do 24 de xullo), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2,

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a baremación provisional da fase de concurso, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base IV.3 da convocatoria.

A puntuación provisional obtida polas persoas baremadas figura reflectida no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Segundo. De conformidade co establecido na base IV.5 da convocatoria e de acordo co informe do 9 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, sobre a aplicación da tramitación de urxencia aos procesos selectivos de estabilización da Lei 20/2021, conforme o artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas aspirantes disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para formular reclamación contra as puntuacións provisionais perante o tribunal.

As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe «Inscrición en procesos selectivos». Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución no que desexe formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións ao baremo».

Terceiro. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no ordinal sexto da Resolución do 12 de setembro de 2024 (DOG núm. 182, do 20 de setembro), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Para os efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da devandita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024

José Antonio González Faílde
Presidente do tribunal