Expediente: IN407A 2024/105-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS TRO701 e substitución CTI Fonte Escura (36A988) por CTC.
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 5.3.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS TRO701 e substitución CTI Fonte Escura (36A988) por CTC.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 68.401,79 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no camiño Balanciña, na parroquia de Candeán, no concello de Vigo (Pontevedra):
Retirada do centro de transformación intemperie Fonte Escura (36A988) de 250 kVA debido ao esgotamento da súa capacidade.
Desmontaxe de 45 metros do tramo TRO7012631 entre o apoio A10EGRLV//D26-1 e o apoio A1068W2A//D26-2-CTA.
Retirada do apoio A1068W2A//D26-2-CTA e do XS 36HZ44 situado no apoio A10EGRLV//D26-1.
Instalación dun novo centro de transformación de 400 kVA, compacto de manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT, conectado ao tramo de liña de media tensión aérea (LMTA) TRO7012632 e situado na parcela con referencia catastral 6956213NG2765N0001AU.
Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 23 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación proxectado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.
3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediantea a resolución do 2.4.2024 publicada nos seguintes medios:
DOG (Diario Oficial de Galicia): 25.4.2024.
Xornal Faro de Vigo: 24.4.2024.
Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.
Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
Durante este trámite non se recibiron alegacións.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 23 metros de lonxitude, coa orixe no apoio HV-250/11, A10EGRLV//D26-1, da LMTA TRO7012632, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación proxectado.
Centro de transformación compacto (CTC) a 400 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 6956213NG2765N0001AU, no camiño Balanciña.
Retirada do centro de transformación intemperie Fonte Escura 36A988.
A instalación está situada no camiño Balanciña, na parroquia de Candeán, no concello de Vigo (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS TRO701 e substitución CTI Fonte Escura (36A988) por CTC, expediente IN407A 2024/105-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 28 de outubro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados, Concello de Vigo
|
Nº |
Lugar |
Terreo |
Referencia catastral |
Titular |
CTC m2 |
Afeccións |
|
|
ml sub. |
m2 sub. |
||||||
|
1 |
Candeán |
Urbano |
6956212NG2765N0001WU |
Descoñecido/a |
7,16 |
20,40 |
|
|
2 |
Lavadores |
Urbano |
6956213NG2765N0001AU |
Descoñecido/a |
16,35 |
0,95 |
4,18 |
