DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 27 de novembro de 2024 Páx. 62290

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2024/107-4).

Expediente: IN407A 2024/107-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS TRO721, CS avenida Galicia.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 8.3.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS TRO721, CS avenida Galicia.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 153.461,86 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas na avenida de Galicia, en Teis, no concello de Vigo (Pontevedra):

– Centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT coas dúas celas de saída telecontroladas vía GPRS/3G en envolvente prefabricada de formigón, conectado ao tramo de liña media tensión subterránea TRO7210350 e situado na parcela con referencia catastral 5865910NG2758N0001FI.

– Desmontaxe do apoio A0EPH3IQ//A0EPH3IQ e dos seus SXS (36HN05).

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 393 metros para alimentar o centro de seccionamento.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Augas de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo, a Axencia Galega de Infraestruturas, Portos de Galicia, Portos do Estado, o Servizo de Urbanismo e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vigo, AESA, Portos do Estado, Servizo de Urbanismo e o Servizo do Patrimonio Cultural.

Portos de Galicia informou que as actuacións non discorren pola zona de servizo de ningún porto de titularidade da Comunidade Autónoma.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 393 metros de lonxitude, coa orixe na liña existente TRO7210350 mediante empalme e final no centro de distribución Baixada Os Ríos 36CED8, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.

– Centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT, coas dúas celas de saída telecontroladas, situado na parcela con referencia catastral 5865910NG2758N0001FI, na avenida Marina Española-Teis.

– A instalación está situada na avenida de Galicia, en Teis, no concello de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

Resolvo:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS TRO721, CS avenida Galicia, expediente IN407A 2024/107-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 29 de outubro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra