Expediente: IN407A 2024/173-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: peche na LMTS entre MUO802 e MUO804.
Concello: Muros.
Feitos:
1. O día 10.5.2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da explotación da LMT MUO804 e MUO802.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Peche na LMTS entre MUO802 e MUO804, asinado o día 11.3.2024 por Javier Fernández Pazos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 502 de Ourense. Posteriormente achegan un anexo asinado o 22.10.2024 polo mesmo enxeñeiro.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Muros, Augas de Galicia, Servizo do Patrimonio Cultural da Coruña e Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 29.10.2024 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas nas rúas San Francisco, Sahorta de Abaixo, Camiño do Convento, Lomba e A Cruz da Pedra, lugar de Louro, no concello de Muros, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Proxéctase novo tramo da LMTS MUO802 en condutor RHZ1-240 de 490 m de lonxitude entre a cela de liña (nº 1) do CT rúa San Francisco (15CKPD) e a cela de liña (nº 3), actualmente en reserva do CT Espadanal (15CNKN).
– Proxéctase para dar continuidade ao novo peche, cun novo tramo coa orixe e final en empalmes para realizar na MUO804, unha vez entra e saia no CS Louro II (15XK24) en condutor RHZ1-240 de 60 m de lonxitude, e outro tramo coa orixe e final en empalmes para realizar na MUO804, unha vez entra e saia no CT Sahorta (15XRQ3) en condutor RHZ1-240 de 50 m de lonxitude.
Vanse desmantelar asemade dous tramos de liña:
– Tramo 1: tramo da LMT MUO804 en condutor RHZ1-240, cunha lonxitude de 89 m, entre o CT Sahorta (15XRQ3) e o CT rúa San Francisco, 28 (15CKPD).
– Tramo 2: tramo da LMT MUO804 en condutor RHZ1-240, cunha lonxitude de 257 m, entre o CT Sahorta (15XRQ3) e o CS Louro II (15XK24).
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 31 de outubro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
