DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 3 de decembro de 2024 Páx. 63521

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2024 de modificación da composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo comunicou o día 8.11.2024 a proposta de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

1. Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22.4.2022, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo, figurando entre elas: María Mercedes Rodicio García, facultativo especialista de área de pediatría; Jesús Fernández Álvarez, membro lego; e Jesús Prego Domínguez, DUE.

2. A presidenta do devandito comité comunica a renuncia por motivos persoais das persoas indicadas e a proposta de nomeamento como vogais do comité das seguintes persoas:

a) María del Carmen Freire Dapena, facultativa especialista de área de medicina interna.

b) Noelia Vicho de la Fuente, enfermeira especialista en enfermaría familiar e comunitaria.

c) Fátima Rodríguez Moreda, avogada.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o número 1 do artigo 9, «unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, coa referida proposta a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo axústase ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

2. O número 5 do artigo 9 do decreto establece que «os membros destes comités serán designados e nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, e garantirase en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros».

3. O número 6 do artigo 9 dispón: «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do Comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se modificaren as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o Comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do Comité, e logo de audiencia do/da interesado/a».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 19.11.2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

resolvo:

O cesamento de María Mercedes Rodicio García, de Jesús Fernández Álvarez e de Jesús Prego Domínguez como membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Así mesmo, o nomeamento de María del Carmen Freire Dapena, de Noelia Vicho de la Fuente e de Fátima Rodríguez Moreda como novas membros do citado comité.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade