A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no seu título VII a inspección do sistema educativo e establece que corresponde ás administracións públicas competentes ordenar, regular e exercer a inspección educativa dentro do respectivo ámbito territorial.
O Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 9 que a consellería competente en materia de educación fixará periodicamente as liñas e os criterios de actuación da Inspección Educativa.
O Plan xeral da Inspección Educativa é o documento en que se recollen as liñas e os criterios de actuación da Inspección Educativa no marco das funcións que esta ten encomendadas e de acordo coas prioridades establecidas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, co obxecto de coordinar globalmente as actividades de supervisión, asesoramento e avaliación que desenvolven as inspectoras e os inspectores de Educación.
A partir do Plan xeral e de conformidade co establecido nos artigos 10 e 20 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, as xefaturas dos servizos territoriais de Inspección Educativa elaborarán os plans provinciais de actuación da Inspección Educativa aténdose ás liñas básicas e prioritarias fixadas neste plan, sen prexuízo da marxe de flexibilidade e autonomía que a singularidade provincial exixe para adecuar o plan e as actuacións previstas á realidade educativa da provincia.
Por todo o anterior, ao abeiro do disposto no artigo 9 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, por proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo e en virtude das competencias e funcións atribuídas mediante o Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, Consellería), como directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer o Plan xeral da Inspección Educativa en que se fixan as liñas, eixes de actuación e actuacións da Inspección Educativa para o curso 2024/25.
Segundo. Eixes principais de actuación
1. O desenvolvemento do Plan xeral da Inspección Educativa contribuirá ao logro das liñas estratéxicas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. A Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo desenvolverá actuacións encamiñadas a impulsar procesos de mellora na función inspectora que permitan á Inspección Educativa dispoñer de información actualizada sobre a xestión dos centros docentes, facilitando, así, o seu labor de supervisión e asesoramento.
Para iso, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo desenvolverá as seguintes actuacións que pivotan sobre catro eixes principais:
E1. Supervisión e asesoramento de procesos:
– Pilotar o proceso de acompañamento e supervisión das medidas de atención á diversidade nos centros educativos.
E2. Dixitalización de procesos:
– Elaborar e implementar protocolos normalizados para o desenvolvemento das actuacións da Inspección Educativa.
– Impulsar a utilización dos sistemas informáticos para a xestión dos plans provinciais e do Plan xeral de actuación da Inspección Educativa.
– Manter actualizado o portal dispoñible para a Inspección Educativa, asesorar nos aspectos relativos ás súas aplicacións e elaborar recursos para uso por parte das/dos inspectoras/es.
– Facilitar a recollida da información derivada das actuacións realizadas no seu exercicio profesional.
E3. Formación:
– Elaborar un plan de formación permanente e de actualización profesional da Inspección Educativa, atendendo no seu deseño ás necesidades de formación das catro provincias galegas.
– Promover a participación da Inspección Educativa en proxectos europeos.
Terceiro. Actuacións da Inspección Educativa
1. As actuacións prioritarias que desenvolverá Inspección Educativa no curso 2024/25 son as seguintes:
– Supervisión e asesoramento sobre as medidas de atención á diversidade nos centros educativos.
– Supervisión e avaliación da función directiva.
– Supervisión da escolarización en unidades de educación especial nos centros docentes ordinarios.
– Supervisión e asesoramento aos centros educativos dos resultados derivados das avaliacións de diagnóstico como contribución aos plans de mellora.
– Supervisión e asesoramento da configuración de horarios docentes na aplicación XADE.
– Asesoramento e supervisión do seguimento das programacións elaboradas na aplicación PROENS.
A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá determinar outras actuacións prioritarias para o curso 2024/25 en relación coas liñas estratéxicas e/ou actuacións relevantes da Consellería.
2. Ademais, a Inspección Educativa desenvolverá outras actuacións:
– Habituais, realizadas de forma periódica en cada curso académico.
– Específicas, son aquelas que teñen por obxecto a recollida de datos ou a supervisión en temas que son de especial interese para a política educativa da Consellería.
– Sobrevidas, caracterizadas por seren situacións imprevisibles que exixen inmediatez. Poderá requirirse a realización de actuacións puntuais e sobrevidas que, por razóns do servizo, lle son encomendadas no marco das funcións e competencias que ten atribuídas.
3. As actuacións prioritarias, así como outras actuacións determinadas pola Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, contarán cun procedemento ou instrucións para a súa execución e, de ser o caso, solicitarase un informe específico que deberá quedar rexistrado na aplicación XIE.
4. As actuacións da Inspección Educativa desenvolveranse principalmente mediante as visitas de inspección, establecidas no artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 2004.
A inspectora ou o inspector deixará rexistro de cada visita que realice aos centros docentes a través da aplicación XIE.
Cuarto. Plans provinciais de actuación da Inspección Educativa
1. Os plans provinciais desenvolverán e concretarán, no ámbito provincial, as actuacións do Plan xeral de inspección.
2. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa concretarán as actuacións para a súa provincia que, xunto ás actuacións indicadas no punto terceiro, deberán desenvolver as inspectoras e inspectores de Educación. Para estes efectos, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo remitirá unha proposta de actuacións que as xefaturas provinciais poden adaptar á súa idiosincrasia e/ou espazos de traballo.
3. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa velarán pola execución das actuacións nos termos e na temporalización establecida.
4. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa trasladarán á Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo os resultados ou conclusións daquelas actuacións provinciais que redunden na mellora do funcionamento dos centros educativos a nivel provincial.
Quinto. Grupos de traballo interprovinciais
1. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá solicitar a participación das inspectoras e inspectores na configuración de grupos de traballo interprovinciais sobre temas ou cuestións relevantes para o sistema educativo.
2. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa ou a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo proporán á inspectora ou ao inspector representante provincial participante, procurando unha participación equilibrada das inspectoras e inspectores.
Sexto. Actividades de formación
1. No curso 2024/25, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo organizará as seguintes xornadas de formación:
– Xornadas para a formación inicial das inspectoras e inspectores de nova incorporación, que se realizarán no mes de novembro.
– Tres xornadas para a formación permanente das inspectoras e inspectores, que se realizarán, previsiblemente, unha por trimestre do curso académico.
Tamén poderán organizarse outras actividades de formación, en modalidade presencial ou telemática, sobre aspectos concretos relacionados coas competencias e funcións da Inspección Educativa.
2. O Plan de formación da Inspección Educativa incluirá actividades que contribúan á formación no eido dixital dos inspectores e inspectoras de educación e á acreditación da competencia dixital conforme a Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Promoverase a internacionalización da Inspección Educativa e o intercambio de boas prácticas a nivel internacional, de xeito especial no ámbito europeo.
4. As inspectoras e os inspectores poderán participar noutras actividades formativas promovidas polas administracións educativas ou por asociacións de inspectoras/es.
Sétimo. Dixitalización de procesos
As actuacións das inspectoras e dos inspectores para as cales existan protocolos dixitais normalizados xestionaranse na aplicación XIE.
Oitavo. Seguimento dos plans
1. A Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo realizará un seguimento da execución do Plan xeral da Inspección Educativa, realizando as correccións e propostas de mellora que considere pertinentes.
2. As xefaturas dos servizos territoriais de Inspección Educativa, ao finalizar o curso escolar, recollerán nunha memoria anual o desenvolvemento do plan provincial de actuación e trasladarán á Subdirección Xeral Inspección e Avaliación do Sistema Educativo as propostas de mellora.
3. A Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo recollerá nunha memoria anual as conclusións máis relevantes da execución do Plan xeral da Inspección Educativa.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024
Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa
