BDNS (Identif.): 803141.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, sempre que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu obxecto social lles permita organizar actividades escénico-musicais.
Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións en cuxo obxecto social se recolla a capacidade para desenvolver o obxecto desta axuda.
Porén, non poderán ser persoas beneficiarias as fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, distintas das asociacións anteriormente descritas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.
Segundo. Finalidade
Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de música de carácter profesional celebrados en Galicia que polas súas características teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 22 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT302F).
Cuarto. Importe
O crédito asignado ao financiamento destas axudas será de 80.000 euros, con cargo ao orzamento para 2025 da Axencia Galega das Industrias Culturais, código de proxecto 2015 00003.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
