O 15 de novembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 221 a Resolución do 8 de novembro de 2024, da Escola Galega de Administración Pública, pola que se convocan os cursos de formación práctica do persoal interino que desempeñe os postos reservados a funcionarios de Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia con habilitación de carácter nacional.
Finalizado o 17 de decembro de 2024 o citado curso de formación práctica e de conformidade coa proposta de actualización de méritos, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Facer pública a relación de persoas declaradas aptas no curso práctico de formación pola Escola Galega de Administración Pública no portal de servizos web Eidolocal e na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/tramitar/PR410A
Segundo. Facer pública a actualización de méritos derivada do procedemento PR410B no portal de servizos web Eidolocal e na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/tramitar/PR410B
Terceiro. Publicar a relación refundida e actualizada das persoas integrantes das listas correspondentes ás subescalas de Secretaría-Intervención, Secretaría e Intervención-Tesouraría para a selección de persoal interino para a cobertura de postos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional das citadas subescalas, no portal de servizos web Eidolocal e na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/tramitar/PR410A
Cuarto. Estas bolsas refundidas e actualizadas entrarán en vigor o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a directora xeral de Administración Local, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
