DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 31 de decembro de 2024 Páx. 69181

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 19 de decembro de 2024 pola que se dispón o nomeamento dun membro do Consello Social da Universidade da Coruña.

Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades do Sistema universitario de Galicia.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social lles corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola Asociación de Antigos Alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Así mesmo, o seu artigo 79 regula o cesamento e a substitución dos membros do Consello Social.

O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do 17 de decembro de 2024, acordou aprobar a designación de María Montalvo Freire como representante do Parlamento de Galicia no Consello Social da Universidade da Coruña, en substitución, por renuncia, de Ana Fernández Roca.

De acordo co establecido no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase declaración xurada de compatibilidade da nova membro.

A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a María Montalvo Freire representante do Parlamento de Galicia no Consello Social da Universidade da Coruña, en substitución, por renuncia, de Ana Fernández Roca, polo tempo que reste para concluír o seu mandato.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional