Mediante a Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 225, do 27 de novembro) convocouse para a súa provisión, polo procedemento de avaliación colexiada, un posto vacante de persoal licenciado sanitario.
De acordo co disposto nas bases da convocatoria, logo da actuación da Comisión de Avaliación a que se fai referencia na base sétima, e en vista dos méritos alegados e da defensa do proxecto técnico de xestión pola persoa aspirante, que constan nas actas da devandita comisión, esta xerencia, de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 24 de maio de 2016 (DOG núm. 106, do 5 de xuño) pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia; polo Decreto 145/2024, do 20 de maio (DOG núm. 101, do 27 de maio), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e pola Orde do 22 de abril de 2020 (DOG núm. 82, do 29 de abril) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,
RESOLVE:
Primeiro. Adxudicarlle o posto de traballo convocado á persoa aspirante que obtivo a maior puntuación nos termos previstos no anexo desta resolución.
Segundo. A persoa nomeada deberá cesar na praza que desempeña, dentro dos tres días hábiles seguintes ao da súa publicación.
Terceiro. A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de sete días, se son de distinta área de saúde, ou dun mes, se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. Para estes efectos entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional, ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo e por petición motivada da persoa interesada, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados pola Xerencia da área sanitaria.
Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado/a nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Cuarto. O/a profesional nomeado/a será avaliado, antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento, para os efectos de prorrogar o desempeño do posto por idéntico período de tempo ou proceder á súa remoción do posto de traballo. A remoción virá precedida dun procedemento que garanta a audiencia da persoa interesada. A omisión da avaliación non suporá a consideración co nomeamento como definitivo.
Quinto. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos previstos nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Ourense, 30 de decembro de 2024
José Santiago Camba Bouzas
Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras
ANEXO
Denominación do posto: xefe/a da Sección de Obstetricia do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Nome e apelidos: Susana Blanco Pérez.
DNI (*): ***4574**.
(*) Ocúltase parcialmente o número de documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal de conformidade coa disposición adicional sétima da lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
