DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2025 Páx. 1645

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria. mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas. Anualidade 2025 (código de procedemento IN418E).

BDNS (Identif.): 807204.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as seguintes en función do tipo de actuación:

a) Planificación enerxética de entidades locais: as entidades que integran a Administración local conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, ou as agrupacións das entidades anteriores con base nun acordo marco en que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única a efectos de notificación.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Sen prexuízo de que poidan presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.

Segundo. Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran cos requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras (código de procedemento IN418E).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas. Anualidade 2025 (código de procedemento IN418E).

Cuarto. Financiamento

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2025. O orzamento por partida orzamentaria redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.3, 09.A3.733A.770.4 e 09.A3.733A.781.8.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de actuación será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Orzamento (€)

Planificación enerxética de entidades locais

400.000,00

Planificación enerxética de comunidades enerxéticas

400.000,00

Total

800.000,00

Quinto. Contía da axuda

1. A intensidade de axuda en función do tipo de actuación será a que se determina a seguir:

a) Planificación enerxética de entidades locais: a intensidade de axuda dependerá dos concellos que acheguen subministracións enerxéticas ao contrato centralizado segundo o establecido na seguinte táboa:

Agrupación de entidades locais

Intensidade da axuda

Sen agrupar

30 %

De 2 a 5 concellos

50 %

6 ou máis concellos

70 %

No caso de concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, incrementarase a intensidade de axuda un 20 %. Incrementarase un 10 % adicional a concellos fusionados.

No caso de concellos sen agrupar, só poderán acceder a axuda se os pregos publicados permiten a adhesión ao contrato doutros concellos ou entidades públicas.

No caso de entidades locais que non sexan concellos, a intensidade de axuda calcularase en función dos concellos a que represente.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: a intensidade da axuda será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 15.000 € por concello ou comunidade enerxética. No caso de acordo marco entre varios concellos, a axuda máxima aplicarase individualmente a cada concello da agrupación. No caso de entidades locais que representen varios concellos, aplicarase unha axuda máxima de 15.000 € por cada concello que represente a entidade local e que achegue subministracións enerxéticas da súa titularidade ao contrato centralizado cun máximo de 150.000 € por expediente.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

No caso de comunidades enerxéticas sen constituír, a solicitude presentaraa o representante da agrupación de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, que aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se atope na situación que motiva a concesión da subvención, sobre a base dun acordo marco de colaboración entre os seus integrantes.

2. O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas, e rematará o 15 de abril de 2025, ás 23.59 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2025.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia