DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 2025 Páx. 3689

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista para o nomeamento de persoal interino para o desempeño transitorio de postos reservados a funcionarios do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal (subgrupo C2) (código de procedemento AP522T).

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), creou, dentro do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal (subgrupo C2).

A existencia dos postos reservados a persoal funcionario do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal, como consecuencia do proceso de funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, materializouse coa relación de postos de traballo publicada pola Resolución do 22 de maio de 2023 (DOG núm. 101, do 30 de maio).

En relación con estes postos, o Decreto 165/2019, do 26 de decembro (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro de 2020), polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira por parte do persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, establece, no seu anexo de equivalencias entre as categorías profesionais de persoal laboral e as escalas de persoal funcionario, a equivalencia entre a categoría 14 (bombeiro/a forestal) e a categoría 14A (bombeiro/a forestal condutor/a) do grupo V e o corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal (subgrupo C2).

A necesidade da súa cobertura transitoria fai necesaria a elaboración de listas para proceder ao nomeamento do persoal funcionario interino do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

Na Orde do 20 de xullo de 2021, do conselleiro de Facenda e Administración Pública (DOG núm. 145, do 30 de xullo), pola que se desenvolve a disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, abórdase a funcionarización das distintas listas, e no seu artigo 2.3 exceptúanse do seu ámbito de aplicación as listas para a cobertura temporal de postos do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, dada a súa singularidade e a súa regulación específica dentro do dito decreto, cuxo baremo se recolle no seu artigo 9.bis.a), artigo engadido polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no cal se modificou o Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Para trasladar ás novas listas correspondentes ás escalas de persoal funcionario do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais que se creen estas especificidades coas cales xa contaban, a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), introduce no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, unha disposición adicional sexta na cal se establece que no procedemento de inclusión destas novas listas se valoren por unha soa vez os servizos prestados ata o 30 de maio de 2023 como persoal laboral das categorías equivalentes segundo o Decreto 165/2019, do 26 de decembro (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro), nos termos do artigo 9.bis.a) do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral está regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo).

No artigo 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, establécese que se poderán presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

Polo exposto, de conformidade co Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo), polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e para poder atender as necesidades urxentes de persoal da Consellería do Medio Rural, esta dirección xeral acorda realizar a convocatoria para a elaboración das ditas listas consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é a elaboración da lista regulada polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a funcionarios do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal (subgrupo C2).

Segunda. Ámbito territorial

O ámbito territorial desta lista será o distrito forestal segundo se especifica no anexo I desta resolución.

As persoas interesadas especificarán o ámbito de prestación de servizos na súa solicitude e poderán elixir ata un máximo de oito ámbitos.

Terceira. Requisitos que deberán posuír as persoas solicitantes

Para seren admitidas nas listas, as persoas solicitantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, así como no momento da toma de posesión como persoal funcionario interino, os seguintes requisitos:

3.1. Idade: ter feito dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

3.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3.3. Titulación académica: estar en posesión ou en condicións de obter o título de graduado/a en ESO ou equivalente.

Para os efectos da elaboración desta lista o termo «equivalente» entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron substituír as titulacións extinguidas.

As persoas con titulacións obtidas no extranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

3.4. Permiso de conducir. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da modalidade B.

3.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

3.6. Habilitación: non ter sido separado/a, nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

3.7. Coñecemento da lingua galega: débese estar en posesión do título do Celga 3 ou do título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Cuarta. Solicitudes

4.1. As persoas interesadas en formar parte das listas deberán presentar instancia preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de contratación>-<Inclusión nas listas>. Así mesmo, será accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica das solicitudes utilizarase o aplicativo Fides e poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Dentro do proceso deberá pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala e que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Unha vez finalizado o pagamento, deberá presentarse a solicitude para completar o proceso de inscrición.

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando a «solicitude normalizada presencial» accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de contratación>-<Inclusión nas listas>.

4.2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.

4.3. O prazo para a presentación de instancias será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.

Quinta. Taxas

5.1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, o importe das taxas que se aboarán en concepto de dereitos de inscrición ascende a 18,40 euros.

5.2. Están exentos do pagamento, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003:

Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

c) As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa coa cal convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

As persoas solicitantes exentas do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude.

5.3. As persoas solicitantes que non estean exentas de pagamento poderán aboar as taxas:

5.3.1. No caso de presentar a solicitude electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de contratación>-<Inclusión nas listas> ou na sede electrónica da Xunta de Galicia:

A plataforma Fides permite realizar o pagamento telemático con tarxeta ou bizum e pagamento de modo presencial, para o cal terá que acudir á entidade bancaria e volver á aplicación a completar o pagamento. Ademais, se accede con certificado dixital terá a posibilidade de habilitar un cargo en conta.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento, deberá volver e finalizar o procedemento presentando a solicitude. Na plataforma pode consultar o Manual de pagamento de taxas.

5.3.2. No caso de presentar a súa solicitude de xeito presencial:

a) Pode realizar o pagamento de modo presencial nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto poderá descargar o impreso na páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), epígrafe «Cidadáns», premendo na epígrafe «Pagamentoo de taxas e presos», «Iniciar taxa», e optar por descargar o modelo en branco ou por cubrilo informaticamente.

As instrucións para cubrir o impreso de autoliquidación figuran dispoñibles, así mesmo, no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <listas de contratación> epígrafe «Inclusión nas listas», accedendo ao modelo de «solicitude normalizada presencial», e a información encóntrase baixo a epígrafe «Modelo A1. Autoliquidación de taxas».

A presentación do xustificante do ingreso das taxas, no cal non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do solicitante.

b) Pode realizar o pagamento na Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia http://ovt.atriga.gal

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa e achegarase prensencialmente xunto coa instancia.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

Sexta. Comprobación de datos

6.1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña na solicitude á súa consulta:

– DNI/NIE.

– Título/s oficial/is universitarios e non universitarios.

– Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 3, expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

– Permiso de condución.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e a disposición quinta desta resolución:

a) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % expedido pola Administración autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.

b) Certificado de familia numerosa de carácter especial ou xeral ou carné familiar en que conste o dito carácter, para a acreditación da exención do importe total da taxa ou do 50 %, respectivamente.

c) Certificación expedida pola oficina de emprego, en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde polo menos os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, para a acreditación da exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito establecido na alínea d).

d) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal, en que conste que na data de presentación da solicitude non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego, para a acreditación da exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito previsto na alínea c).

6.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos xustificativos mencionados anteriormente segundo o suposto en que se encontren.

6.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sétima. Documentación.

7.1. As persoas interesadas en presentar electronicamente a súa solicitude deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado ou documento equivalente ao Celga 3, non expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

b) No suposto de non ter nacionalidade española, pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

c) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % non expedido pola Administración autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.

d) Vítimas do terrorismo, sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, conforme o establecido no número 5.2.c) desta resolución, para a acreditación da exención do importe parcial da taxa.

e) Os méritos que aleguen as persoas interesadas, de acordo co establecido na base novena desta resolución, relativos aos servizos prestados recollidos no número 2 do artigo 9.bis.a) do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, deberán acreditarse segundo o modelo de certificado de servizos prestados que figura no anexo II á presente resolución.

Para a remisión electrónica, empregarán as epígrafes habilitadas na aplicación Fides para os efectos. Se non dispoñen de copias auténticas, deberán xerar o anexo de «achega de documentación separada da solicitude» para poder remitir orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos, segundo os supostos en que se encontren.

7.2. As persoas interesadas en presentar presencialmente a súa solicitude deberán achegar coa «solicitude normalizada presencial» a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboado as taxas administrativas por dereitos de inscrición ou, se é o caso, documentación xustificativa para a exención, total ou parcial, do pagamento das taxas (código da taxa 05/13/07/300301).

b) Certificado ou documento equivalente ao Celga 3, non expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

c) No suposto de non ter nacionalidade española, pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

d) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % non expedido pola Administración autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.

e) Vítimas do terrorismo, sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, conforme o establecido no número 5.2.c) desta resolución, para a acreditación da exención do importe parcial da taxa.

f) Os méritos que aleguen as persoas interesadas, de acordo co establecido na base novena desta resolución, relativos aos servizos prestados recollidos no número 2 do artigo 9.bis.a) do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, deberán acreditarse segundo o modelo de certificado de servizos prestados que figura no anexo II á presente resolución.

7.3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Oitava. Probas físicas

De acordo co establecido na Resolución do 24 de xullo de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se publica o acordo sobre as condicións de traballo do persoal funcionario do Servizos de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), asinado o 22 de xullo de 2024 entre a Administración pública e as organizacións sindicais, as persoas integrantes da lista, para poderen ser nomeadas funcionarios/as interinos/as do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal (subgrupo C2), deberán superar previamente unha proba de aptitude física.

Esta proba denomínase proba física Field Test, consistente en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.

Así mesmo, e conforme o que se establece na relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural, para poder ser nomeado/a para os postos que teñan establecido como requisito indispensable proba física Pack Test, deberá superarse previamente esta proba de aptitude física.

Esta proba física Pack Test consiste en camiñar 4.800 metros sobre terreo plano cun peso de 20 kg ás costas, nun tempo máximo de 45 minutos.

A Consellería do Medio Rural será a encargada de realizar as probas con carácter previo ao nomeamento como funcionario/a interino/a.

As persoas integrantes das listas deberán acudir á realización das ditas probas provistas do seu DNI e dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no cal se faga constar que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de tres (3) meses respecto á data de realización da proba. Non se terán en conta certificados médicos que non recollan o sinalado anteriormente.

O resultado das probas físicas será o de apto/a ou non apto/a.

O resultado de apto/a na proba física Pack Test eximirá a persoa de realizar a proba física Field Test.

En caso de que algunha persoa interesada non se presente ás anteditas probas, non as realice ou non sexa declarada apta, quedaría automaticamente en suspenso nas listas correspondentes ata o 1 de xaneiro do ano seguinte e non poderá ser nomeada. Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural comunicará á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal o resultado das probas como apto/a, non apto/a, non presentado/a á proba ou proba non realizada.

O resultado de non apto/a na proba física Pack Test terá como consecuencia que a persoa quedará en suspenso para os chamamentos dos postos das listas que conten con este requisito indispensable ata o 1 de xaneiro do ano seguinte e non poderá ser nomeada para estes postos.

A aceptación dos postos que teñen como requisito indispensable proba física Pack Test serán de aceptación voluntaria, pero, no caso de aceptarse, aplicarase o réxime aplicable a todas as listas.

As persoas integrantes das listas non poderán ser nomeadas funcionarias sen ter realizado as probas físicas co resultado de aptas.

Estas probas terán validez ata o 1 de xaneiro do seguinte ano e o persoal deberá acreditar, antes de ser nomeado, a vixencia da proba realizada co resultado de apto/a. No caso contrario, a Consellería do Medio Rural realizaralle as probas antes de ser nomeado/a funcionario/a.

Novena. Orde de prelación

9.1. A orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

Teranse en conta os méritos que a persoa solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior.

9.2. Non obstante, segundo o establecido na disposición adicional sexta da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), no procedemento de inclusión na lista valoraranse por unha soa vez os servizos prestados ata o 30 de maio de 2023 como persoal laboral das categorías equivalentes segundo o Decreto 165/2019, do 26 de decembro (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro), nos termos do artigo 9.bis.a) do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

9.3. Para dirimir os empates de puntuación, aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

9.4. A actualización de méritos será efectuada anualmente de oficio pola Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

Décima. Elaboración das listas

10.1. A Comisión Permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal o anuncio das listaxes provisionais e definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no DOG.

10.2. As ditas listaxes, en que se indicará a puntuación obtida por cada candidato, poderán consultarse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta <Listas de contratación>-<Consulta das listas de contratación temporal>.

Décimo primeira. Devolución de taxas

Publicadas as listas definitivas, as persoas excluídas que así o desexen, incluídas as excluídas por desistir da súa solicitude, disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución pola que se fan públicas as listas definitivas no Diario Oficial de Galicia, para solicitaren a devolución das taxas por dereitos de inscripción; deberán consignar o nome e apelidos, NIF, número da conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta, segundo o modelo que figura no anexo III da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), xunto coa documentación xustificativa de ter aboado as taxas administrativas.

Décimo segunda. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co previsto no artigo 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Código

Descrición

F0001

Distrito forestal I Ferrol

F0002

Distrito forestal II Bergantiños-As Mariñas Coruñesas

F0003

Distrito forestal III Santiago-Meseta Interior

F0004

Distrito forestal IV A Barbanza

F0005

Distrito forestal V Fisterra

F0006

Distrito forestal VI A Mariña Lucense

F0007

Distrito forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares

F0008

Distrito forestal VIII Terra de Lemos

F0009

Distrito forestal IX Lugo-Sarria

F0010

Distrito forestal X A Terra Chá

F0011

Distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro

F0012

Distrito forestal XII Miño-A Arnoia

F0013

Distrito forestal XIII Valdeorras-Trives

F0014

Distrito forestal XIV Verín-Viana

F0015

Distrito forestal XV A Limia

F0016

Distrito forestal XVI Deza-Tabeirós

F0017

Distrito forestal XVII O Condado-A Paradanta

F0018

Distrito forestal XVIII Vigo-O Baixo Miño

F0019

Distrito forestal XIX Caldas-O Salnés

missing image file